A Balaídos coas unllas pintadas: a resposta do celtismo aos insultos homófobos contra Borja Iglesias

Imaxe divulgada polo Celta para apoiar a iniciativa de apoio a Borja Iglesias e diversas reaccións ao respecto nas redes sociais CC-BY-NC-SA Foto: © RC Celta | Montaxe: Praza.gal

O pasado día 12, tras a vitoria ante o Sevilla por 0-1 no Sánchez Pizjuán, un dos xogadores do Celta, Borja Iglesias, achegouse aos arredores do estadio para agasallar un amigo coa camisola. No lugar achou mostras de afecto, mais tamén consignas homófobas como "maricón de merda" por parte dalgúns siareiros que, entre outros exabruptos, o mandaban a "pintar as unllas".

"Que raro, se isto no fútbol non pasa nunca", reaccionou ironicamente o compostelán nas redes sociais. Pouco despois, o propio Celta retrucaba advertindo de que "o respecto non se negocia" e mais que "o odio non ten cabida no fútbol" nun texto na que tamén amosaban "orgullo" por Iglesias "dentro e fóra do terreo de xogo".

O Celta súmase á iniciativa da peña arousá Carcamáns Celestes para apoiar este domingo con retranca o xogador compostelán tras as afrontas e mofas que padeceu nos arredores do estadio do Sevilla

A vaga solidaria con Iglesias estendeuse entre entre a afección celeste e máis alá. E unha das peñas do Celta, a arousá Carcamáns Celestes, condensou ese espírito nunha iniciativa cun punto retranqueiro: "Pois nós este domingo imos ir coa manicura feita e as unllas pintadiñas. Quen se apunta?", convidaron lanzando unha iniciativa que non tardou en acadar amplo eco ata ser asumida polo propio club vigués.

"Contade con nós. Celtista, este domingo... Ao estadio coas unllas pintadas", responderon as contas oficiais do Celta canda unha imaxe de Iglesias e do convite de Carcamáns. Agárdanse, daquela, bancadas con mans cheas de cores para recibir en Balaídos ao Rayo Vallecano (18 de xaneiro, 18:30) no que, alén dun berro colectivo e festivo contra a homofobia, se anticipa tamén como un previsible novo éxito da estratexia social e de comunicación do Celta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.