A xuíza envía aos xulgados de Fuenlabrada a investigación sobre a viaxe do equipo á Coruña

Xogadores do Fuenlabrada chegando ao aeroporto de Alvedro na mañá do 20 de xullo de 2020 © CF Fuenlabrada

A xuíza envía aos xulgados de Fuenlabrada a investigación sobre a viaxe realizada polo club de fútbol desa localidade á Coruña o pasado 20 de xullo para disputar o derradeiro partido da Liga 2019-20 de Segunda División e que non se xogou de maneira unificada na última xornada tras varios casos de coronavirus no equipo madrileño que foron coñecidos pouco antes do inicio do encontro. 

A xuíza entende que a investigación sobre tense que centrar “nas circunstancias que rodearon a decisión última de permitir a expedición”

O Xulgado de Instrución número 6 da Coruña entende que a investigación sobre o desprazamento realizado polo Club de Fútbol Fuenlabrada a Galicia para disputar aquel partido tense que centrar “nas circunstancias que rodearon a decisión última de permitir a expedición” tras dar positivo en COVID o médico, o fisioterapeuta e o analista de vídeo do club. 

Comunicado da Liga sobre a suspensión do Dépor-Fuenlabrada © La Liga

Por iso, informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a xuíza inhibiuse a favor dos xulgados de Fuenlabrada, xa que a decisión de viaxar á Coruña foi adoptada o 19 de xullo “por La Liga, asesorada por un laboratorio médico, coa conformidade do Fuenlabrada, sen comunicación nin intervención de ningunha outra instancia deportiva ou sanitaria”.

A maxistrada destaca que o Fuenlabrada "continuou desenvolvendo a súa actividade profesional con normalidade desde que se coñeceu o primeiro positivo"

No seu auto, contra o que cabe recurso, a maxistrada destaca que a posible imprudencia determinante dun resultado lesivo á que se puidese atribuír relevancia penal “ten que ver coas decisións adoptadas o día 19 de xullo de 2020 que afectaban a unha expedición que continuou desenvolvendo a súa actividade profesional con normalidade desde que se coñeceu o primeiro positivo, sen que resultasen contaxiadas neste partido xudicial (A Coruña) persoas alleas á expedición”.

Aquel domingo 19 de xullo, ao CF Fuenlabrada foille notificado que contaba con varios positivos de coronavirus no seu cadro de persoal, entre xogadores, equipo técnico e outros traballadores. Xa o día anterior, sábado, soubera do primeiro caso, entre un dos xogadores. Mesmo así ao día seguinte o club viaxou á Coruña para xogar contra o Deportivo, con coñecemento de La Liga e incumprindo os protocolos sanitarios que rexían daquela para a totalidade da poboación.

O resto da historia é coñecida: o luns pola tarde confirmáronse máis positivos entre o grupo do Fuenlabrada aloxado nun hotel coruñés e La Liga decidiu a suspensión do partido, pero non dos demais encontros da xornada decisiva e que tiña que xogarse de forma simultánea para non beneficiar nin prexudicar a ningún dos participantes.

Segundo explica a maxistrada no auto, e logo dos tres positivos recoñecidos antes da viaxe, é xa na Coruña cando na tarde do 20 de xullo, o laboratorio comunica telefonicamente ao Fuenlabrada e a La Liga que hai posibilidades de positivo en oito persoas da expedición. "Nese momento considérase a exixtencia dun brote", polo que o equipo é illado. A Comunidad de Madrid é avisada pouco antes das 6 da tarde a a Consellería de Sanidade da Xunta ás 7. "O CDS, a Federación Español, a AFE, Iberia e Autocares Vázquez non foron coñecedores dos positivos ata a tarde do día 20 de xullo", destaca a xuíza. 

O partido acabouse xogando, en solitario, días despois e cando o Deportivo xa estaba de vacacións. O equipo coruñés venceu aquel encontro pero acabou descendendo á Segunda División B logo de semanas de polémicas e mudanzas repentinas de opinións en varios organismos deportivos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.