As seleccións masculina e feminina volven á competición internacional en Irlanda con cadanseus equipos A e B do 13 ao 17 de xullo tras lograren completar o financiamento para participar
Galicia volve aos World Games de fútbol gaélico e faino, ademais, por partida cuádrupla. Tras semanas á procura de financiamento para poder garantir unha nova participación internacional, as seleccións masculina e feminina confirman a súa participación con cadanseus dous equipos na competición que acolle a localidade irlandesa de Waterford do 13 ao 17 de xullo.
A Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFC) envía a Irlanda unha expedición de 64 persoas entre futbolistas e corpos técnicos. A delegación galega, explican, será "unha das máis numerosas" para poñer en xogo combinados masculinos e femininos A e B.
Os equipos A e B das seleccións, explica a AGFC, teñen enfoques diferentes. Ambos "buscan a mellor clasificación posible", pero os Galicia B están "máis orientados á formación, primando unha mestura de perfís de deportistas veteranos canda outros máis novos que constitúen unha aposta de futuro".
As seleccións viaxan este sábado de Santiago a Dublín e de alí trasladaranse o domingo á sede dos torneos. Os partidos disputaranse maioritariamente en instalacións da South East Technological University e as finais, nun dos estadios con máis tradición do fútbol gaélico irlandés, o Walsh Park.
A Asociación Galega de Fútbol Gaélico explica que o "importante desafío económico" desta nova competición internacional foi solventado por varias vías. Dende o micromecenado que contou con recompensas en forma de roupa oficial das seleccións da marca Acontravento e que xuntou, "sumando o programa de empresas amigas", uns 14.000 euros, ata o apoio de Turismo de Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte, a Federación Galega de Fútbol e a Deputación da Coruña.
"Esta iniciativa busca construír unha ampla rede de colaboración arredor dun proxecto que representa valores como o traballo colectivo, a igualdade, a inclusión, o compromiso co deporte de base e a promoción da lingua e da cultura galega", detallan. Todos os detalles das competicións pódense seguir no especial para os World Games do web das seleccións.