Delio Fernández, derradeiro supervivente do Xacobeo Galicia, di adeus: "Chegou o momento de parar"

Delio Fernández, na súa etapa no Xacobeo Galicia ©
Publicidade
Publicidade

 "Chegou o momento de parar… O ciclismo esixe estar ó 100% física e mentalmente e levo un tempo sen conseguilo", escribiu Delio Fernández, que deixa de ser profesional aos seus 39 anos e tras 18 tempada na elite

O moañés Delio Fernández anunciou este mércores a súa retirada do ciclismo profesional con 39 anos e despois de 18 tempadas na elite. "Chegou o momento de parar… O ciclismo esixe estar ó 100% física e mentalmente e levo un tempo sen conseguilo", escribiu nas redes sociais o aínda corredor do equipo portugués Tavira, co que participou hai unhas semanas en O Gran Camiño e o pasado 16 de marzo na Clássica de Santo Tirso, a súa derradeira carreira. 

"Nunca pensei que aquel neno de 7 anos que facía gincanas chegaría a adicarse durante 18 anos ó ciclismo profesional. Síntome afortunado por todo o que me deu o ciclismo e pola xente que me fun atopando ó largo deste camiño", afirmou na súa despedida un corredor que debutou no ano 2008 no Xacobeo Galicia e a partir de 2011, disolto o equipo galego, buscou o seu camiño en Portugal (Onda Boavista, Quinta da Lixa e W52), Francia (no Delko Marsella) e novamente en Portugal.

Delio Fernández, na Volta a Portugal ©

Retírase cun palmarés no que destaca o seu triunfo en 2017 na Volta a Austria e catro etapas na Volta a Portugal, a última hai dous anos no mítico Alto da Torre, onde mesmo se puxo de líder da Grandíssima, unha carreira na que mesmo subiu ao podio en 2014

Retírase cun palmarés no que destaca o seu triunfo en 2017 na Volta a Austria e catro etapas na Volta a Portugal, a última hai dous anos no mítico Alto da Torre, onde mesmo se puxo de líder da Grandíssima, unha carreira na que mesmo subiu ao podio en 2014. En total, máis de 123.000 quilómetros percorridos en máis de 800 días de competición oficial. Unha vida dedicada ao ciclismo que agora continuará doutro xeito, pois o de Moaña ten licenza de director deportivo e, en todo caso, continuará a ser ciclista "toda a vida", como un globeiro máis, como destaca nesta entrevista en Atlántico Diario.

Chegou a ser o único galego no pelotón profesional, trala retirada de Gustavo César Veloso e ata a chegada de Carlos Canal, Ángel Sánchez ou Lois de Jesús. Era, ademais, o derradeiro supervivente galego (aínda compite o luso Nelson Oliveira) do proxecto do Xacobeo Galicia, que naceu en 2007 como Karpin Galicia, e que conquistou nas estradas éxitos nese momento impensables para un equipo modesto.

Publicidade
Publicidade

14 anos sen o Xacobeo

Era o derradeiro supervivente galego (aínda compite o luso Nelson Oliveira) do proxecto do Xacobeo Galicia

Un equipo na que brillaban corredores como o teense Ezequiel Mosquera, o marinense David García Dapena, o arousán Gustavo César Veloso, o arteixán Gonzalo Rabuñal ou o porriñés Gustavo Domínguez, ademais de Marcos García e David Herrero e outros corredores de fóra de Galicia. E sempre coa dirección de Álvaro Pino, José Ángel Vidal ou Suso Blanco Villar.

Temos na retina as imaxes heroicas do combinado galego na Vuelta a España ou no Giro de Italia, os triunfos de Gustavo César Veloso na Volta a Catalunya de 2008 ou na etapa de Xorret de Catí na Vuelta de 2009. Tamén a vitoria de David García Dapena en Ponferrada na Vuelta de 2008

Delio Fernández, no Xacobeo Galicia ©

Temos na retina as imaxes heroicas do combinado galego na Vuelta a España. E, sobre todo, os éxitos de Ezequiel Mosquera

E, sobre todo, os éxitos de Ezequiel Mosquera, que nas Vueltas de 2007, 2008 e 2009 finalizou en 5ª, 4ª e 5ª posición, pelexando con Contador, Basso, Sastre, Menchov, Valverde, Evans ou Samu Sánchez. E que, finalmente, foi segundo na Vuelta de 2010, cun triunfo final ante Vincenzo Nibali en La Bola del Mundo, un resultado posteriormente anulado polo TAS. Aínda que no 2014 a Audiencia Nacional anulou a sanción por un defecto de forma, a UCI nunca reabriu o caso e mantivo anulados os seus resultados.

Publicidade
Publicidade

O Xacobeo-Galicia xa non comezou a tempada 2011 despois de que a Xunta, patrocinador principal, retirase o seu apoio no último momento e ante a imposibilidade de atopar un patrocinador privado de peso

O Xacobeo-Galicia xa non comezou a tempada 2011 despois de que a Xunta, patrocinador principal, retirase o seu apoio no último momento e ante a imposibilidade de atopar un patrocinador privado de peso. Aínda que a continuidade fora confirmada durante a celebración da Vuelta a España, semanas despois o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, supeditaba a continuidade á procura de apoios externos que nunca chegaron, nun ambiente marcado polos positivos e sancións de Mosquera e de García Dapena. 

Corredores e auxiliares tentaron manter o equipo nunha división inferior, pero non foron quen de atopar os patrocinadores suficientes. Houbo mesmo unha concentración en outubro de 2010 na Praza do Obradoiro na que participaron algúns corredores e técnicos da formación. Pero ese foi o final do camiño.

Concentración de corredores e auxiliares do Xacobeo Galicia en outubro de 2010 ©

"O peor foron as formas", dicía nunha entrevista Gustavo César Veloso, que sinalaba que "o equipo desapareceu porque nese momento a nivel político non interesaba a continuidade"

"O peor foron as formas, co equipo en concurso de acredores e deixando a deber diñeiro, porque moitos deixamos de cobrar moitos cartos. Pero ben, pasou o que pasou, e agora o que hai que pensar é en como volver repetir esta experiencia nalgún momento en Galicia", destacaba nesta entrevista Gustavo César Veloso, na que sinalaba que "o equipo desapareceu porque nese momento a nivel político non interesaba a continuidade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.