"Non anos setenta, moitas familias caboverdianas chegaron a Burela buscando traballo no mar. Hoxe son parte da mesma vila. Cando Cabo Verde debuta no seu primeiro Mundial contra España, Burela celebra coas dúas bandeiras". Así se presenta o festival De Cabo a Cabo, que se celebra na localidade mariñá este vindeiro luns aproveitando o encontro que ás 18 horas disputan a selección española e a caboverdiana na Copa do Mundo.
Un festival durante todo o día "pensado para celebrar e reivindicar a multiculturalidade, identidade de Burela", tirando dun partido histórico para o arquipélago e para o pequeno concello da Mariña, capital galega da mestizaxe.
Se Bos Aires é a quinta provincia galega, Burela é a undécima illa de Cabo Verde. Nesta vila, duns 10.000 habitantes e onde conviven máis de 50 nacionalidades, unha de cada dez persoas ten orixe en Cabo Verde, país con pouco máis de medio millón de habitantes.
Burela aproveita o partido España-Cabo Verde para celebrar o festival De Cabo a Cabo e "reivindicar a multiculturalidade"
O evento, impulsado pola asociación cultural Fanto Fantini e apoiado pola Deputación de Lugo e o Concello, conta coa dirección creativa de Anxo Ferreira, criado en Burela e antigo guitarrista de Novedades Carminha. "Xurdiu polas ganas de reivindicar e celebrar que convivir no mesmo territorio con culturas diferentes é sinónimo de riqueza", di.
Baiuca é o principal atractivo dun festival con torneos de fútbol, instalación artística, degustación gastronómica e moita música
Para Ferreira, o partido entre España e Cabo Verde serve tamén para aproveitar "o enorme foco mediático" que ten o fútbol e lanzar esa mensaxe, "xerar unha imaxe positiva", de reivindicación da mestizaxe pero tamén da necesidade de "reflexionar e mellorar nas cousas que se poidan mellorar". En Burela e en xeral nestes tempos escuros.
"Non é porque o diga eu, pero no último partido da selección española escoitáronse uns cánticos lamentables e non é cuestión de facer a vista gorda", di Ferreira, que se declara "moi futboleiro" e que reivindica este deporte "como celebración" fronte ao "empeoramento do ambiente" arredor del.
Festa afrogalega
De Cabo a Cabo será unha festa afrogalega que terá como estrela a Baiuca, que actuará desde as 16:15 na praza da Mariña e ata pouco antes da retransmisión do partido en pantalla xigante. Antes, desde as 15 horas, arrincará o concerto de Saya e despois do partido continuarán as actuacións musicais con Batuko Tabanka —o grupo composto por doce mulleres residentes en Burela de orixe caboverdiana—, DJ Danifox e DJ Kandole.
Haberá tamén torneos de fútbol 3x3 e de fútbol praia, ademais dunha degustación gastronómica con propostas de Senegal, Cabo Verde e Perú e unha instalación artística da man de Alicia Alonso, que adornará varios espazos da vila con redes de pesca e tecidos de Cabo Verde.
"Todo o que me chega da xente en Burela é moi positivo, tamén desde a comunidade caboverdiana, pero todos estamos á expectativa porque o festival foi un pouco improvisado, con pouco tempo e tira moito de xente voluntaria", explica o director artístico, que está seguro de que Burela ofrecerá unha imaxe "moi potente" con reivindicación da multiculturalidade e da convivencia.
Antonina Semedo, referente da colectividade e unha das primeiras caboverdianas en chegar á Mariña, onde leva case medio século, é unha das persoas que estará no festival. "Significa todo porque o mellor da miña vida paseino aquí, as cousas boas e malas paseinas aquí... Para min é todo", di para o certame sobre Cangas de Foz, parroquia onde reside.
A muller, que presume sempre da hospitalidade e da axuda coa que foi recibida, viu hai só uns días como a tumba do seu marido apareceu cunha pintada de "fóra, fóra", o que provocou que axiña unha concorrida concentración en Burela rexeitase este acto vandálico e o racismo.
Porque non todo é perfecto, claro. Tampouco o foi antes. Hai máis dunha década, unha recoñecida tese da investigadora Luzia Oca (Caboverdianas en Burela (1978/2008): migración, relación de xénero e intervención social), analizaba criticamente o mito da integración das mulleres caboverdianas en Burela e denunciaba a súa perda de autonomía ou a explotación laboral que sufrían.
"Que en Burela convivan 54 nacionalidades é algo extraordinario e positivo, case de futuro, unha riqueza incalculable"
"En xeral, a convivencia sempre foi boa, pero claro que houbo e hai cousas que mellorar e sobre as que reflexionar", insiste Ferreira, convencido de que o festival axudará a esa reflexión. "Agora vivo fóra pero levo uns días en Burela preparando todo e vexo que a xente que me atende nos bares é toda de orixe caboverdiana, pero os donos son todos brancos; é obvio que non todo funciona tan ben", explica quen insiste en "celebrar a xente que chega".
"Na vila conviven 54 nacionalidades, o cal é unha situación extraordinaria e positiva, diría que case de futuro. Temos que estar moi agradecidos á comunidade caboverdiana e temos que reivindicar a riqueza que nos achegan, pero non só no económico e no material, como se adoita dicir, pero tamén no inmaterial, no cultural... É unha riqueza incalculable", remata.