Galicia volve con tres trofeos dos mundiais de fútbol gaélico

Xogadoras da selección galega celebran o triunfo CC-BY-SA Futgal

A selección galega volve con tres trofeos dos World Games 2026 de fútbol gaélico. A Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) regresa "orgullosa" logo de que tres dos catro equipos que representaron o país nos campionatos internacionais obtivesen título. 

Galicia participou con catro seleccións na competición internacional máis importante de fútbol gaélico

É un novo éxito do único deporte onde Galicia compite como selección oficial. A competición tivo lugar na localidade irlandesa de Waterford, onde catro seleccións galegas, dúas femininas e dúas masculinas, representaron o país na competición máis importante desta disciplina no ámbito internacional, na que participaron conxuntos dos cinco continentes.

As seleccións galegas, nos World Games 2026 CC-BY-SA Futgal

A selección galega A feminina conseguía o triunfo na copa Shield. O conxunto adestrado por Pablo da Silva finalizaba no terceiro lugar a fase de grupos na Primeira División, onde compiten os mellores equipos do mundo por ránking. Malia ese resultado, Galicia non puido acceder a competir pola final A, a chamada Cup, e accedeu á loita pola copa Shield, da que si resultou vencedora.

As seleccións feminina A e masculina A acadaron a vitoria na copa Shield, e a selección feminina B foi campioa na segunda división 

Nas semifinais desta segunda fase competitiva a Selección Galega A feminina vencía ao equipo de Middle East. Xa na final as galegas enfrontáronse ao conxunto de Canada A. O triunfo de Galicia foi por 9-5 (1-06 / 0-05). O partido estivo loitado pero un gol na recta final do choque outorgou certa tranquilidade ás galegas que alzaron a copa Shield dentro da Primeira División feminina nos World Games 2026.

A selección galega A masculina tamén venceu a copa Shield. Foi cuarta na fase de grupos, quedandopor diante do combinado da Arxentina. Tal e como aconteceu co equipo feminino, Galicia A estaba encadrada na Primeira División cos mellores conxuntos do mundo. Ese cuarto lugar na fase de grupos colocou os futbolistas galegos fóra da final A (Cup), pero deulles acceso a pelexar pola copa Shield onde si resultaron vencedores, tal e como informa a Federación Galega de Fútbol. 

Título na segunda división

Na semifinal da copa Shield gañaron a Canada Quebec (7-3). Xa na final, Galicia impoñíase 17-9 (1-14 / 2-03) a Brittany A e levantaba o trofeo mentres os bretóns facíanlle o corredor aos galegos ao finalizar o encontro.

Xogadoras da selección galega celebran o triunfo CC-BY-SA Futgal

No caso da selección galega Feminina B, as futbolistas de Galicia resultaron campioas na segunda división, que era na categoría na que competían segundo o seu ránking. 

Pola súa banda, a selección galega Masculina B caeu nos cuartos de final ante Occitania (Siroc) na Segunda División (categoría na que competían en función do seu ránking) logo de empatar a 13 e ir aos penaltis onde o seu rival foi superior.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.