Gee e Cort brillaron nun O Gran Camiño que quere medrar e que amosou Galicia "no seu esplendor"

O pelotón de O Gran Camiño, na etapa lucense con fina no Cebreiro © Kike Abelleira

O canadiano Derek Gee fíxose coa clasificación xeral, por diante do itialiano Davide Piganzoli e do dinamarqués Magnus Cort, que se fixo con tres etapas, entre elas a derradeira, con final en Santiago e varios treitos de camiños de terra

O Gran Camiño rematou este domingo en Compostela noutra fermosa etapa na que o dinamarqués Magnus Cort (Uno-X) obtivo o seu terceiro triunfo desta edición e o canadiano Derek Gee (Israel-Premier Tech) confimou a súa vitoria final e subiu ao máis alto do podio, que compartiu con Davide Piganzoli (Polti), segundo, e co propio Cort, terceiro.

Gee e Cort foron, sen dúbida, os grandes dominadores da carreira na que tamén brillaron Piganzoli e o guatemalteco Sergio Chumil (Burgos-Burpellet), que o sábado se fixo no Cebreiro coa etapa raíña. O limiao Carlos Canal, que chegaba con problemas respiratorios, callou unha boa participación, cun segundo e un terceiro posto de etapa, 14º finalmente na clasificación xeral.

O podio final de O Gran Camiño 2025: Piganzoli, Gee e Cort © SprintCycling

O tempo por fin acompañou á proba galega, que aspira a ascender de categoría o vindeiro ano e tamén a buscar outras datas para a súa celebración

A falta de estrelas, cunha participación notablemente inferior á da pasada edición dominada por Jonas Vingegaard, o protagonista foi o percorrido, un ano máis con etapas atractivas, ben deseñadas e mellor organizadas. E o propio territorio, magnificamente vendido a nivel internacional a través dunha retransmisión televisiva de primeira división. E que, ademais, este ano luciu de forma esplendorosa, cun tempo que por fin acompañou aos ciclistas, despois do vento, a chuvia, o frío e a neve dos últimos anos.

O limiao Carlos Canal, que chegaba con problemas respiratorios, callou unha boa participación, cun segundo e un terceiro posto de etapa, 14º finalmente na clasificación xeral

Con todo, sería inxusto pensar máis nos que non estiveron que nos que si percorreron estes días as estradas galegas e portuguesas. Unha participación con menos nomes pero na que aínda así Derek Gee (9º no pasado Tour de Francia) confirmou a súa condición de favorito. Como tamén se confirmou a previsión de que os perfís de O Gran Camiño se axustan á perfección ás características de Cort. 

Vimos tamén ciclistas en crecemento como o excelente escalador guatemalteco Chumil, o uruguaio Fagúndez ou o cántabro Cobo. E os novísimos Soenens, Kulset ou Decomble, que darán moito que falar nos vindeiros anos.

Primeira etapa de O Gran Camiño, entre Maia e Matosinhos © ziklix_photo

A derradeira etapa, entre Betanzos e Santiago, reservaba unha derradeira sorpresa para os ciclistas: un circuíto final no sur de Compostela que incluía varios treitos de terra en subida, seguindo o propio Camiño Portugués [Unha ducia de'sterrato' (corredoiras) para os ciclistas de O Gran Camiño]. A carreira non se rompeu, malia os camiños de terra, e un grupo de 25 corredores chegou a un sprint final no que unha vez máis Cort demostrou a súa superioridade e Canal foi segundo.

A cuarta edición de O Gran Camiño péchase con boa imaxe organizativa e de país, mais cun certo regusto amargo pola dificultade de atraer equipos da máxima categoría e ciclistas de máis nome, entre outros motivos pola escasa puntuación que conceden as voltas por etapa, penalizadas fronte ás carreiras dun día. Como xa fixera nas últimas semanas, o director de O Gran Camiño, Ezequiel Mosquera destacaba este domingo na chegada o desexo de mudar as datas de celebración da proba e a posibilidade de ascender de categoría. 

Os camiños de terra foron protagonistas na derradeira etapa de O Gran Camiño © SprintCycling

"Valoramos o cambio de datas porque sufrimos moito nos últimos dous anos", dixo Mosquera, que sinalou que afortunadamente este ano puidemos ensinar Galicia en todo o seu esplendor"

"Valoramos o cambio de datas porque sufrimos moito nos últimos dous anos", dixo Mosquera, que apuntou a que "con outro pedigree [nunha categoría superior] igual nos movemos máis adiante. "Esta é unha aposta moi grande, queres que non falle nada e unha das primeiras cousas que tes que mirar sempre é Meteogalicia. Afortunadamente este ano puidemos ensinar Galicia en todo o seu esplendor", engadiu.

Primeira etapa de O Gran Camiño, entre Maia e Matosinhos © ziklix_photo
O Gran Camiño, ao seu paso por Pontevedra © Kike Abelleira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.