O Celta é o equipo que achega máis xogadores á convocatoria (6), seguido do Rácing de Ferrol (4) e do Deportivo (2)
Xa se coñecen os futbolistas seleccionados para o partido que a Irmandiña xogará este venres ante Panamá en Balaídos. O adestrador, Diego Martínez, deu a coñecer na tarde deste martes os 23 nomes seleccionados, encabezados por Iago Aspas e Lucas Pérez e que inclúen xogadores de Celta, Rácing de Ferrol, Deportivo e Arenteiro, pero tamén do resto do Estado (Betis, Huesca, Cultural Leonesa e Las Palmas) e de clubes doutas ligas, como Benfica, Paok Salónica, Wisla Cracovia, Sporting de Portugal e Wolverhampton.
O Celta é o equipo que achega máis xogadores á convocatoria (6), seguido do Rácing de Ferrol (4) e do Deportivo (2). O resto de equipos contan cun único seleccionado.
Estes son os 23 convocados
- Porteiros: Iván Villar (Celta), Fran Vieites (Betis) e Álvaro Ratón (Wisla Cracovia)
- Defensas: Kevin Vázquez (Celta), Jonny Otto (PAOK Salónica), Germán Nóvoa (Arenteiro), Carlos Domínguez (Celta), Lucas Taibo (Sporting Portugal), Quique Fornos (Cultural Leonesa), Álvaro Carreras (Benfica), Hugo Bueno (Wolverhampton Wanderers), Álvaro Lemos (UD Las Palmas), Miguel Loureiro (SD Huesca)
- Centrocampistas: Diego Villares (Deportivo), Álex López (Rácing Ferrol), Hugo Sotelo (Celta), Iker Losada (Rácing Ferrol), Héber Pena (Rácing Ferrol)
- Dianteiros: Manu Justo (Rácing Ferrol), Miguel Rodríguez (Celta), Lucas Pérez (Deportivo), Iago Aspas (Celta)
Os 23 seleccionados formaban parte dunha prelista de máis de 50 futbolistas galegos
Os 23 seleccionados formaban parte dunha prelista de máis de 50 futbolistas galegos, que se foi reducindo por lesións e compromisos profesionais dos xogadores cos seus clubs de orixe. Destacan, sobre todo, as ausencias dos madridistas Lucas Vázquez e Joselu, que xogarán a final a Champions. E tamén as de futbolistas do Deportivo da Coruña, que xogará este xoves e o domingo ante o Castellón os partidos de ida e volta da liga de Primeira Federación; tan só Lucas Pérez e Villares figuran entre os convocados.
A Selección comezará o xoves de forma oficial a concentración, no Attica 21 Vigo. Xa pola tarde o equipo adestrará no Estadio de Balaídos.
A Federación Galega de Fútbol destaca que a venda de entradas "continúa en marcha e avanza a bo ritmo"
A Federación Galega de Fútbol destaca que a venda de entradas "continúa en marcha e avanza a bo ritmo". As entradas, con prezos entre 10 e 30 euros, pódense adquirir nesta páxina. Ademais, o mesmo día do partido tamén abrirán os despachos de billetes de Balaídos.
A Federación tamén puxo á venda merchandising deseñado para a ocasión: unha bufanda e unha camisola conmemorativas do encontro, que se poden adquirir na web da entidade.