David Reinero

Unha ducia de antigas instalacións militares reconvertidas

A Universidade da Coruña impulsa un proxecto de cidade tecnolóxica nos terreos da fábrica de armas da cidade. Nas últimas décadas son numerosas as reconversións de antigas instalacións militares en todo tipo de novos usos, non sempre de xeito áxil. Repasamos unha ducia deses espazos.

  1. 01

    Fábrica de armas da Coruña

    Impulsada polos golpistas en 1937, os terreos públicos da fábrica de armas da Coruña, que privatizou Aznar, queren ser empregados pola Universidade da Coruña para o seu proxecto de cidade tecnolóxica. 

  2. 02

    Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA)

    A antiga Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA) en Vigo vai acoller tamén diversas instalacións universitarias de investigación relacionadas neste caso co mar despois de que outros dos seus espazos fosen xa recuperados para uso público da cidadanía.

  3. 03

    Parlamento de Galicia

    O edificio construído en 1915 como escola de veterinaria foi cuartel militar entre 1925 e 1986, cando foi mercado pola Xunta a Defensa para ser reconvertido na sede do Parlamento de Galicia.

  4. 04

    San Caetano

    Ao igual que o Parlamento, a sede central da Xunta en San Caetano tamén foi, ademais de centro educativo, recinto militar.

  5. 05

    Complexo deportivo de Santa Isabel en Santiago

    Cuartel militar e prisión tras a Guerra Civil, o recinto de Santa Isabel en Santiago foi reconvertido en complexo deportivo.

  6. 06

    Claustro de San Francisco en Ourense

    O convento de San Francisco en Ourense, cun prezado claustro do século XIV, foi convertido en cuartel militar en 1843 e agarda, como o cuartel de San Fernando en Lugo , por un longamente demorado proxecto de conversión en complexo cultural.

  7. 07

    Aeródromo de Rozas

    Construído polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial, o Exército do Aire español abandonouno nos anos 50 e agora a Xunta impulsa un centro de investigación de vehículos aéreos non tripulados sobre o que paira a sospeita dos seus posibles usos militares.

  8. 08

    Castelos da Palma e San Felipe

    As fortificacións que protexían a entrada á ría de Ferrol, nese municipio e no de Mugardos, agardan hai anos por novos usos turísticos.

  9. 09

    Cuartel de Garabolos en Lugo

    O recinto de Garabolos pasou de ser cuartel militar a cuartel de bombeiros.

  10. 10

    Batería de San Pedro na Coruña

    A batería de canóns do monte de San Pedro que protexía a entrada ao porto da Coruña foi transformada en parque urbano.

  11. 11

    Illa de San Simón

    O antigo lazareto para enfermos da ría de Vigo foi convertido en prisión tras a Guerra civil pero nos últimos anos o proxecto do bipartito de PSdeG e BNG de dotalo de contido cultural e ligalo á memoria foi desbotado pola Xunta. 

  12. 12

    Muralla de Lugo

    A construción de orixe militar máis grande e antiga de Galicia, a muralla romana de Lugo, ten desde hai anos todo tipo de usos, desde turísticos a deportivos...