Praza Pública

Unha ducia de bandas a non perder nos Concertos do Marisco do Grove

A Festa do Marisco do Grove é unha referencia máis que consolidada no panorama das festas gastronómicas do país. Nas súas orixes, hai máis de medio século, apostou por potenciar unha cultura gastronómica que nos últimos anos tamén se combina coa musical, á procura de que o público mozo se achegue ao Grove dende outro punto de vista. Do 3 ao 12 de outubro, citas musicais de primeiro nivel cun cartel diverso... E de balde!

  1. 01

    Los Secretos

    Uns clásicos do pop español que seguen a encher concertos. Chegan ao Grove o 3 de outubro con novo disco baixo o brazo: Mi Paraíso

  2. 02

    Ms Nina

    A noite do 4 de outubro é para o trap. Ao Grove chegarán Ms Nina e Sticky M.A.. E, para a fin de festa, o DJ Manu Tf.

  3. 03

    Imelda May

    A irlandesa Imelda May soa a rock, pero tamén a pop. A súa música estará no Grove nunha noite moi feminina o 5 de outubro.

  4. 04

    Christina Rosenvinge

    Outra clásica da escena rock-pop española, mais tamén da indie. Unha voz imprescindible, tamén na noite do 5 de outubro.

  5. 05

    Triángulo de amor bizarro

    Os do Barbanza achéganse ao Salnés para culminar a noite do 5 de outubro. Traerán consigo clásicos do seu repertorio, pero tamén temas do seu álbum máis recente, Salve discordia, coma este De la monarquía a la criptocracia.

  6. 06

    Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre

    Di Xabier Díaz que o resultado do seu proxecto musical coas Adufeiras de Salitres  ten un aquel indie, "pero da tribo tradi". O seu segundo traballo conxunto, Noró, é un éxito en Galicia e tamén internacional. As razóns poderanse comprobar o domingo, 6 de outubro no Grove

  7. 07

    Dulce Pontes

    Unha das fadistas máis universais, cunha voz recoñecida moi alén de Portugal e unha enorme bagaxe de colaboracións con artistas de todo o mundo. A súa nova visita a Galicia fai tamén parada no Grove o xoves, 10 de outubro.

  8. 08

    Novedades Carminha

    Os composteláns Novedades Carminha estiveron todo o verán arrasando por festivais, verbenas e festas diversas. Non podían faltar nos concertos do Marisco, onde seguro achegarán faíscas, relax... E verbena. Para non perdelos hai que estar no Grove o 11 de outubro.

  9. 09

    Holywater

    Os lucenses Holywater son xa uns clásicos da escena rock en Galicia e máis alá. Uns veteranos, pero cheos de enerxía, como seguen a demostrar. Estarán no Grove o 11 de outubro.

  10. 10

    Iván Ferreiro

    O sábado día 12 será Iván Ferreiro quen suba ao escenario dos Concertos do Marisco. Han soar moitos temas do seu último traballo, Cena recalentada, no que homenaxea aos Golpes Bajos.

  11. 11

    Marem Ladson

    O día 12 tamén estará no Grove Marem Ladson. A ourensá debutou en 2018 co seu primeiro disco e tornou en revelación da escena musical, o cal confirmou nos últimos tempos en escenarios de múltiples festivais, dende o 17º Ribeira Sacra ao FIB, o Noroeste ou o Caudal Fest.

  12. 12

    Os amigos dos músicos

    Tamén de Ourense chegarán o 12 de outubro ao Grove Os amigos dos músicos, que xa levan uns meses xirando co seu último disco, Segundo fogar.