Marcos Pérez Pena

Unha ducia de castelos e fortalezas de Galicia

Galicia non é Castela, pero son moitos os castelos esparexidos pola xeografía do país. Aínda que moitos deles ficaron destruídos ou sufriron grandes danos no marco das loitas irmandiñas, consérvanse aínda un gran número de fermosos exemplos de fortificacións (como amosa tamén esta web, centrada na provincia da Coruña) que abranguen toda a historia do Reino de Galicia, cuxa historia foi obxecto esta semana dun congreso de estudo

  1. 01

    Castelo de Pambre (Palas de Rei)

    O Castelo de Pambre, situado en Palas de Rei e datado a finais do século XIV, é unha das mellores mostras da arquitectura medieval militar en Galicia e das poucas que quedaron en pé tras a revolta irmandiña.

  2. 02

    Castelo de Castro Caldelas

    Aínda que o castelo é anterior ao século XIV, non se conserva documentación sobre a súa configuración orixinal. En 1336 a fortificación foi reconstruída por Pedro Fernández de Castro, mais en 1469 durante a gran guerra irmandiña as tropas ó mando de Diego de Lemos asediaron e derrubaron o castelo, mandado reconstruír de novo por Pedro Álvarez Osorio.

  3. 03

    Castelo de Salvaterra do Miño

    Tamén coñecido como Castelo de dona Urraca, é unha fortificación de orixe medieval (séculos X ou XI) construída nunha atalaia sobre o Miño. Nel Dona Urraca dirixiu, aliada con Diego Xelmírez, o ataque contra a súa irmá Tareixa que se proclamara raíña de Portugal no 1121. De igual xeito, no 1479 Pedro Madruga defendeuse nel do exército enviado polo arcebispo Alonso II de Fonseca. Desde o ano 1643 ata 1659 pertenceu a Portugal, que proclamara a súa independencia en 1640.

  4. 04

    Castelo de Monforte de Lemos

    O castelo que aínda hoxe domina a vila de Monforte, ten a súa orixe entre os séculos XIII e XV, pero sufriu importantes danos durante a Gran Guerra Irmandiña (1467-1469), logo da cal foi reconstruída.

  5. 05

    Castelo de Monterrei

    A súa construción comezou no século X, aínda que foi reedificado no século XII. En 1366 o castelo serviu de refuxio a Pedro I o Cruel no transcurso da guerra civil que o enfrontou a Henrique de Trastámara. Posteriormente, en 1494, neste lugar foi impreso o primeiro libro editado en Galicia, coa primeira imprenta de tipos móbiles existente no país: o Missale Auriense.

  6. 06

    Castelo do Príncipe (Cee)

    En Galicia hai tamén numerosas fortalezas marítimas, destinadas na maior parte dos casos a protexer as cidades e vilas do litoral de ataques foráneos. Destacan, por suposto, as que defenden a ría de Ferrol ou a urbe da Coruña, pero hai exemplos en toda a costa, coma o Castelo do Príncipe, construído no século XVIII, xunto co Castelo do Cardeal, situado na outra beira da ría de Corcubión. 

  7. 07

    Castelo de Soutomaior

    O castelo orixinal data do século XII, aínda que sufriu unha importante reconstrución no século XIX. Foi a sede da poderosa familia dos Soutomaior, clave en varios momentos da historia de Galicia, entre a que destaca a figura de Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido polo alcume de Pedro Madruga.

  8. 08

    Castelo de Moeche

    O Castelo de Moeche, do século XIV, foi un dos escenarios centrais das loitas irmandiñas. O segundo levantamento irmandiño logrou destruír o castelo no ano 1467. Dende 1980 acolle o Festival Irmandiño, cun asalto simbólico ao castelo

  9. 09

    Castelo de Sobroso (Mondariz)

    O Castelo de Sobroso, en Mondariz, ten a súa orixe no século X, aínda que foi totalmente restaurado no século XX. A fortaleza tivo durante séculos unha grande importancia estratéxica, xogando un papel clave especialmente nos século XV e XVI.

  10. 10

    Castelo de Maceda

    Con orixe no século XI, desde o século XVII a fortificación -que xa fora arrasada nas guerras irmandiñas- iniciou un preceso de deterioro, ata que en 1993 o concello de Maceda o adquiriu, iniciando obras de restauración que espertaron polémica polas solucións escollidas

  11. 11

    Fortaleza de San Paio de Narla (Friol)

    Construída nos séculos XII ou XIII, a fortaleza foi adquirida en 1939 pola Deputación de Lugo, ficando varias décadas sen uso ata que en 1983 se creou o Museo etnográfico e histórico de San Paio de Narla.

  12. 12

    Castelo de Vimianzo

    Tamén chamado torres de Martelo, ten a súa orixe no século XIII. Aquí tivo Pedro Madruga preso ao bispo de Tui, Diego de Muros e o castelo tamén serviu de prisión para o Arcebispo de Compostela Alonso II de Fonseca. Destruído na revolta irmandiña, foi reconstruído pouco despois e hoxe presenta un moi bo estado de conservación. Todos os veráns acolle o Asalto ao Castelo, núcleo dunha semana de celebracións, concertos e outras actividades.