Unha ducia de citas a non perder no Culturgal
Do 1 ao 3 de decembro celébrase en Pontevedra unha nova edición do Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que nesta ocasión anticípase estes días en Vigo cunha versión expandida. Milleiros de persoas pasarán un ano máis polas distintas opcións dunha ampla programación, da música ao cine, pasando polos libros ou as actividades infantís. Repasamos aquí as principais propostas.
-
01
Culturgal expandido
Hai que comezar polo principio. Aínda que o groso da programación da Feira das Culturas Galegas terá lugar un ano máis no Pazo da Cultura de Pontevedra a partir do vindeiro venres, o Culturgal xa está en marcha. Unha das principais novidades da edición 2023 é a versión expandida que este xoves e venres se desenvolve na cidade de Vigo, na Sede da Deputación de Pontevedra na cidade olívica.
Un concerto de Catuxa Salom, unha conversa arredor da memoria histórica entre a escritora Iria Morgade e a historiadora Alba Garrido, ou unha lectura-concerto a cargo de Iolanda Zúñiga e o pianista Velpister foron algunhas das propostas deste xoves, que este venres continúan coa celebración do 40 aniversario dos Premios Xerais, cunha reunión de autores e autoras galardoadas e cunha conversa coas integrantes de Leilía.
-
02
Leilía
Porque Leilía serán as protagonistas da edición 2023, cuxa xornada do sábado pecharán no Pazo da Cultura de Pontevedra cun concerto que será unha das súas derradeiras actuacións. As entradas están á venda na web cultur.gal, a un prezo de 16 euros. Tamén poderán adquirirse na billeteira, mais a un prezo de 19 euros.
-
03
Bernardo Atxaga
Canda a Leilía, polo Culturgal pasarán outros grande nomes da cultura galega e tamén de fóra, como Bernardo Atxaga, con motivo da edición en galego do libro Exteriores do Paraíso (Kalandraka). Diego Ameixeiras, Suso de Toro, María Reimóndez, Pedro Feijoo, Xesús Fraga, Elba Pedrosa, Silvia Penas, Rocío Bieites Ferro, Martín Romero, María Villamarín ou Leticia Barbadillo serán outros e outras das autoras que estarán en Pontevedr.a
-
04
Poesía
Haberá moita poesía, comezando por un recital que reúne as voces de autoras fundamentais como Helena de Carlos, Yolanda Castaño, María Lado e Oriana Méndez. Ademais, haberá un slam de poesía oral e tamén pasarán pola feira Silvia Penas, Samuel Merino, Marga Tojo, Samuel L. París ou Dores Tembrás.
-
05
Ilustrando
O ciclo Ilustrando reúne unha ampla representación do cómic e da ilustración galega (Kiko da Silva -na imaxe-, Fran Bueno, María Bren, Edi García, Miguel Robledo ou Laura Romero) para debuxar en vivo cunha tableta gráfica, explicando ao público como é realmente o seu traballo.
-
06
Formatos mestizos
Haberá varios exemplos de formatos mestizos como o que propón Paula Carballeira no podcast de terror 13 Avisos. Historias para escoitar á noite, que conta coa participación de Xosé Barato ou Ledicia Costas. Ademais, María Lado vai laretar nas conversas no ascensor durante 10 minutos con todas as persoas que se inscriban.
-
07
Moito cine
Haberá moito cine no Culturgal, e é que o audiovisual galego está a vivir un momento moi doce, con filmes como Matria, Honeymoon ou a premiada O Corno, que se poderán ver en Pontevedra. Ademais, proxectaranse os avances de seis producións galegas que chegarán á pantalla na vindeira temporada: Patarinos (Sétima), As Neves (Cósmica Producións), Da túa man para a miña (Miramemira), Aurora (Gaita Filmes), La Parra (Filmika Galaika) e Cine Paraíso, Leiro (Noveolas Producciones).
-
08
40 anos do CDG
Nas artes escénicas, destaca a celebración do 40 aniversario do Centro Dramático Galego, unha conmemoración da que se poderá ver un avance no Culturgal. O novo Culturgal non debe ser tanto "un resumo do que pasou o ano anterior como un avance do que vai acontecer o ano seguinte, para que o público o vexa”, destacou neste senso Camilo Franco, director da feira, na súa presentación a pasada semana.
-
09
Infantil
O Culturgal é unha cita ideal para acudir en familia. Os e as máis pequenas da casa terán ao longo de toda a fin de semana teatro, cinema, animación, obradoiros, contacontos ou lecturas dramatizadas, nas que destaca A Fraga de Pasacorrendo ou Pérez, o ratiño dos teus soños.
Haberá, ademais, un espazo de coidado de crianzas para que poidan xogar e divertirse conxuntamente
-
10
Espazo Arte
No Espazo Arte, que cada ano gaña peso, participan as galerías Solaina (Lugo), Patio de Luz (Santiago de Compostela), Dodo Dadá (Ourense), La Doce (Boiro) e Apo’strophe.arte (Vigo), o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo de Pontevedra, Contemporánea. Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia, A Colectiva - Asociación Profesional de artistas de Galicia e a Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
-
11
Ciencia no Culturgal
A ciencia tamén é cultura. Da man do CSIC e Asociación Galega de Comunicación Cultura Científica e Tecnolóxica haberá Monólogos científicos e a Taberna da ciencia, que simula a escenografía dunha mesa de bar, onde as persoas asistentes escollen do menú que queren que lles expliquen.
-
12
Expositores entradas
E moito máis, pois alén da programación central, con máis de 100 actividades, hai que engadir máis doutro cento de propostas organizadas polas entidades expositoras.
As entradas de Culturgal poden mercarse xa a través da web a un prezo reducido. En billeteira, nos propios días de celebración da Feira, o prezo será máis elevado.