Unha ducia de datos sobre a muller no mercado laboral
As estatísticas falan alto. A pesar de que nas últimas décadas se deron importantes pasos cara á igualdade de homes e mulleres no mundo laboral, a realidade é que aínda queda moito camiño para chegar a unha igualdade real. Sobre todo tendo en conta que no último lustro, nos anos da crise, a fenda que os separa fíxose aínda máis grande, ampliando a diferenza no salario medio que cobran uns e outras ou na porcentaxe contratos a tempo completo e tempo parcial. Por non falar da conciliación ou de quen pide excedencias para o coidado de fillos, fillas e outros e outras familiares. Este 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, Compostela acollerá unha manifestación unitaria. De igual xeito, nos últimos día UGT, CIG e CC.OO., presentaron informes analizando a situación das mulleres no mercado laboral galego.
-
01
Un 24% menos
As asalariadas galegas gañan un 24,2% menos que os asalariados homes, segundo os últimos datos dispoñibles da Enquisa anual de estrutura salarial, correspondentes a 2012. Unha fenda que non só non se reduce, senón que nos anos de crise económica, dende o 2009, mesmo se incrementou, pasando do 20,6% a ese 24,2%. En 2014 os homes galegos gañaron de media ao ano 5.333 euros máis. Entre 2008 e 2012, a fenda salarial aumentou de 4.459 euros ata eses 5.333 euros.
-
02
Un 35% das asalariadas, por debaixo do SMI
Unha de cada cinco galegas con traballo remunerado ingresou en 2013 menos de 1.861 euros brutos. E, en total, das ao redor de 447 mil asalariadas galegas, 160 mil (un 35%) teñen ingresos por debaixo do salario mínimo e 235 mil (máis da metade), non chegan a mileurista.
-
03
A metade de directivas
Tan só o 2,5% da poboación ocupada feminina está en postos de dirección ou xerencia. Son 11.900 en Galicia, fronte a 24.400 homes. Como lembra un recente informe de UGT, "o coñecido como teito de cristal impídelles ás mulleres promocionar en igualdade de condicións que os homes, ou acceder directamente a estes postos". Segue sen haber presidentas ou vicepresidentas nos órganos de dirección das empresas do IBEX35, onde as mulleres ocupan o 9% dos postos de alta responsabilidade.
-
04
131.000 desempregadas
O ano 2014 rematou con 131 mil mulleres desempregadas en Galicia, mil menos que o ano anterior. Porén, a realidade é que na actualidade hai en Galicia 13.600 mozas e mulleres de entre 16 e 35 anos menos que hai un ano e que dende 2008 o número de mulleres neste grupo de idade reduciuse en 72 mil, principalmente pola emigración. Como destaca a CIG, se sumamos as galegas que emigraron e as ocupadas con infraempregos (unhas 90 mil ingresan menos de dous mil euros anuais), o número de paradas roldaría as 300 mil.
-
05
O 25%, a tempo parcial
O 25% das asalariadas galegas ten un contrato a tempo parcial, fronte a un 7% de homes. Ademais, estas mulleres perciben un salario medio anual de 8.473 euros, un 25,9% menos que un home coa mesma modalidade de contratación. A diferenza no caso dos contratos a tempo completo é dun 11%. Dúas de cada tres mulleres con contrato parcial manifestaron estaren ocupadas a xornada parcial porque non atoparon un traballo a xornada completa.
-
06
Menos complementos salariais
Outra das grandes diferenzas ten que ver cos complementos salariais, máis importantes nos homes. Do total do salario bruto, o 72,67% do salario feminino é salario base, fronte ao 67,88% nos homes.
-
07
O 84,5%, no sector servizos
O 84,5% das mulleres ocupadas están nalgunha actividade relacionada co sector servizos. No resto de sectores a presenza feminina é moi inferior, con apenas 44 mil galegas traballando na industria.
-
08
Desemprego de longa duración
Máis da metade (un total de 76.300) das mulleres desempregadas en Galicia levan un ano ou máis en paro, o que complica a súa situación porque conforme se prolonga a permanencia no desemprego vai minguando a prestación ata esgotala.
-
09
Menos prestacións
As prestacións medias anuais por desemprego percibidas polas mulleres galegas son inferiores ás dos homes: 3.427 euros fronte a 4.281. Polo tanto, as prestacións por desemprego percibidas polas mulleres galegas equivaleron ao 80 % das dos homes.
-
10
Os coidados, cousa delas
Nove de cada dez excedencias por coidado familiar son de mulleres. Ademais, 3 de 4 traballadores galegos que reducen a súa xornada para o coidado de nenos e nenas son mulleres. De igual xeito, só o 2% das baixas por maternidade concedidas en Galicia durante 2014 foron compartidas. Outra estatística amosa que o 95% das persoas que se ven obrigadas a optar por un traballo a tempo parcial para coidar persoas dependentes son mulleres.
-
11
11,02 euros por hora
As mulleres galegas gañan unha media de 11,02 euros por hora, 2,34 euros menos que os homes galegos (13,36 euros) e tamén dous euros menos que a media das mulleres españolas (13,1 euros de media). Por suposto, moi por debaixo das mulleres vascas (15,27) madrileñas (14,8) ou catalás (13,93). Galicia é a comunidade onde as mulleres perciben o salario bruto medio anual máis baixo, un 14,38% menos de salario que a media das mulleres do conxunto do Estado, ou o que é o mesmo: 2.810,18 euros menos ao ano.
-
12
Pensións 74% inferiores
O importe medio anual da pensión recibida polas mulleres en Galicia é de 9.855 euros; no caso dos homes, alcanza os 13.340 euros. Isto significa que a pensión percibida por unha muller equivale ao 74% da dun home.