Unha ducia de éxitos galegos nos Xogos Olímpicos de París
Preto dunha trintena de deportistas galegos ou aquí asentados participaron nos Xogos Olímpicos de París que remataron a pasada fin de semana. Os seus resultados foron dispares, pero en xeral pode considerarse un éxito o feito de acadar varias medallas e diplomas olímpicos, especialmente concentrados no piragüismo, o deporte rei do olimpismo galego. Aquí vai unha ducia dos mellores resultados. [Imaxes: Comité Olímpico Español e federacións oficiais]
-
01
Carlos Arévalo e Rodrigo Germade
O betanceiro Carlos Arévalo e o cangués Rodrigo Germade, acompañados por Saúl Craviotto e Marcos Cooper, obtiveron a medalla de bronce en K4 de 500 metros. Os galegos xa foran prata en Toquio en 2021. Ademais, Arévalo e Germade quedaron primeiros na final B de K2 500, co que remataron novenos nesa competición.
-
02
Diego Domínguez
Nacido en Madrid, Diego Domínguez ten licenza galega, do Club CMDC Breogán do Grove, é alumno da Universidade de Vigo e é considerado pola Xunta Deportista Galego de Alto Nivel. En París obtivo a medalla de bronce en C2 de 500 metros xunto con Joan Antoni Moreno.
-
03
Enmanuel Reyes
Cubano de orixe, Enmanuel Reyes reside na Coruña dende hai anos. Obtivo a medalla de bronce en boxeo, na categoría de 92 quilos. En Toquio xa fora quinto.
-
04
Rodrigo Corrales
O cangués Rodrigo Corrales é porteiro da selección masculina de balonmán, que en París logrou a medalla de bronce. En Toquio Corrales xa obtivera esa mesma medalla.
-
05
Teresa Abelleira
Tras ser campioa do mundo hai un ano, a selección feminina de fútbol, coa pontevedresa Teresa Abelleira, quedou cuarta no torneo olímpico de París.
-
06
Antía Jácome
A pontevedresa Antía Jácome rematou cuarta, ao bordo da medalla, en C1 de 200 metros. E xunto con María Corbera foi sexta en C2 500.
-
07
Rodrigo Conde
O moañés Rodrigo Conde quedou quinto e obtivo diploma olímpico en remo, na categoría de dobre scul lixeiro na que participou con Aleix García.
-
08
Ana Peleteiro
Tras obter un bronce en Toquio, a ribeirense Ana Peleteiro non logrou medalla en París e quedou en sexta posición en triplo salto.
-
09
Yulenmis Aguilar
A de Oleiros acabou en sexta posición en lanzamento de xavelina, a menos dun metro das medallas
-
10
Teresa Portela e Carolina García
A canguesa Teresa Portela, que participaba nos seus séptimos xogos olímpicos, e a pontevedresa Carolina García quedaron sextas en K4 500 xunto coa asturiana afincada en Galicia Sara Ouzande e Estefanía Fernández. Portela foi prata en Toquio e obtivo diploma en outros varios xogos olímpicos.
-
11
María Araújo e Paula Ginzo
A selección feminina de baloncesto, co vigués Miguel Méndez como adestrador e a viguesa María Araújo e a ourensá Paula Ginzo como xogadoras, quedou entre as oito mellores ao caer en cuartos de final.
-
12
Caetano Horta
O noiés Caetano Horta quedou oitavo xunto con Dennis Carracedo en dobre scul lixeiro. En Toquio xa fora sétimo.