Unha ducia de exposicións para ver esta primavera en Galicia
A primavera que vén de comezar é un bo tempo para visitar os moitos e variados museos e salas de exposición coas que conta Galicia. Mostras de pintura, fotografía ou escultura nas que a historia recente xoga un papel fundamental. Dende Guillermo Monroy a Annie Leibovitz, dende as estatuas espoliadas e recuperadas do Mestre Mateo ata a historia silenciada das mulleres na emigración galega, velaquí unha ducia de exposición para ver nas vindeiras semanas.
-
01'Emigrantas: emerxer do silencio' (Quiosco Alfonso. A Coruña)
Ata o 3 de maio pode verse no Kiosko Alfonso a exposición Emigrantas: emerxer do silencio, que recupera e visibiliza as historias da emigración das mulleres galegas, durante décadas silenciadas polos relatos oficiais da historia.
Organizada polo Consello da Cultura Galega e comisariada por Antía Pérez Caramés, Keina Espiñeira e María Alonso Alonso, co deseño expositivo de Uqui Permui, a mostra amosa arquivos históricos, instalacións artísticas, fotografías, materiais audiovisuais, cartas, obxectos e voces gravadas.
-
02'Restitución das estatuas do Mestre Mateo' (Museo do Pobo Galego, Santiago)
Ata o 31 de maio pode verse no Museo do Pobo Galego a exposición temporal das esculturas do Mestre Mateo, Abraham/Xeremías e Isaac/Ezequiel, recuperadas polo Concello de Santiago, logo de seren espoliadas polo franquismo.
Santiago celebra o "triunfo colectivo" da recuperación das esculturas do Mestre Mateo
-
03
'Wonderland', de Annie Leibovitz (Fundación MOP. A Coruña)
Ata o 1 de maio pode verse no Centro MOP, no Porto da Coruña, Wonderland, a primeira exposición de fotografía de moda de Annie Leibovitz, unha das retratistas máis importantes das últimas décadas.
-
04'Nicolás Muller en Galicia' (Afundacion. Ferrol)
Ata o 23 de maio pode verse na sede ferrolá de Afundacion a exposición Nicolás Muller en Galicia, que recupera e revisa o traballo do fotógrafo húngaro Nicolás Muller durante a segunda metade do século XX, centrada nos traballadores e traballadoras e na beleza das paisaxes de Galicia. Co-organizada coa Xunta a través da Fundación Cidade da Cultura.
-
05'Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia' (MARCO. Vigo)
Ata o 17 de maio pode verse no MARCO de Vigo a exposición Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia, comisariada por Xurxo Martínez González e deseñada por Hayat Husein, que percorre os 75 anos de historia da editorial a través das portadas dos libros publicados e do estilo das persoas que se ocuparon do deseño editorial.
Os 75 anos de historia de Galaxia, a través das súas portadas
-
06'Guillermo Monroy. Aquí e agora' (Fundación Seoane. A Coruña)
Ata o 26 de abril pode verse na Fundación Seoane a exposición Guillermo Monroy. Aquí e agora, que percorre a obra de Guillermo Monroy (Vigo, 1954-1982), impulsor do grupo Atlántica e unha das figuras fundamentais para comprender a evolución da pintura do último terzo do século XX en Galicia, malia a súa morte aos 28 anos.
-
07'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' (Cidade da Cultura. Santiago)
Ata o 6 de setembro pode verse na Cidade da Cultura a exposición As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI, comisariada por Mónica Alonso, que a través de máis de 80 pezas (paisaxes, bodegóns, esculturas e fotografías) percorren as representacións de cada estación en Galicia. Inclúe obras de Castelao, María Antonia Dans, Eugenio Granell, Laxeiro, Urbano Lugrís, Seoane, Manuel Vilariño, Mar Caldas, Manolo Paz, Antón Lamazares, Berta Cáccamo ou Menchu Lamas.
-
08'Lalique. A beleza no art nouveau e o art déco' (Fundación Barrié. A Coruña)
Ata o 12 de xullo pode verse na Fundación Barrié a exposición Lalique. A beleza no art nouveau e o art déco, a maior exposición organizada en España sobre a obra de René Lalique, mestre do art nouveau e o art déco, que redefiniu a relación entre arte, deseño e industria e marcou un antes e despois na historia do deseño europeo do cambio de século.
-
09'Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX' (Museo de Pontevedra)
Ata o 5 de abril pode verse no Museo de Pontevedra a exposición Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX, comisariada por Cristina Echave Durán e Reis Camiña Castro, que percorre o traballo dos fotógrafos que retrataron a cidade na segunda metade do século XIX.
-
10'O derradeiro trazo de xiz' (Pazo de San Marcos. Lugo)
Ata o 13 de maio pode verse sala de exposicións da Deputación de Lugo, no Pazo de San Marcos, a exposición O derradeiro trazo de xiz, de Miguel Muñiz. A mostra pon o foco naquelas comunidades que, ante a falta de recursos oficiais a mediados do século XX, decidiron tomar as rendas da educación dos seus fillos. Así naceron as coñecidas como escolas do ferrado, espazos erixidos polos propios veciños onde o mestre recibía como pago unha medida de fariña por neno ao ano.
-
11Buciños + Buciños (Centro Cultural Marcos Valcárcel. Ourense)
Ata o 5 de abril pode verse no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense a exposición Buciños + Buciños, unha mostra conxunta de Manolo Buciños e Antón Buciños, na que por primeira vez as esculturas do pai dialogan coa pintura abstracta do fillo.
-
12'Outras historias posibles' (Afundacion. A Coruña)
Ata o 30 de maio pode verse na sede coruñesa de Afundacion a exposición Outras historias posibles, que presenta o traballo de seis destacadas artistas nacidas na década dos 50, con fortes vencellos a Galicia, no persoal coma nas súas carreiras profesionais: Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré, mulleres cunha especial presenza na arte dos 80. Co-organizada coa Xunta a través da Fundación Cidade da Cultura.