Unha ducia de fitos do cinema galego dos últimos 30 anos. De 'Sempre Xonxa' a 'O que arde'
En novembro de 1989 tiña lugar a estrea, conxunta, de Sempre Xonxa, Urxa e Continental, as tres primeiras longametraxes de ficción en galego. Dende entón pasaron tres décadas e un gran número de filmes e fenómenos coma a explosión da animación feita no país ou a irrupción do novo cinema galego. Velaquí unha ducia dos filmes estreados nos últimos 30 anos, rematando con O que arde, que compite estes días no Festival de Cine de Donostia e que chegará ás salas comerciais nunhas semanas.
-
01
Sempre Xonxa
A Sempre Xonxa de Chano Piñeiro estivo protagonizada por Uxía Blanco, Miguel Ínsua, Xavier R. Lourido ou Roberto Casteleiro como Caladiño, ademais da participación de Roberto Vidal Bolaño, Rosa Álvarez ou do fotógrafo Manuel Ferrol interpretándose a si mesmo. Filmouse na aldea de Santoalla (Petín), hoxe abandonada.
-
02
Urxa
Escrita e dirixida por Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal, o filme foi protagonizado por Luma Gómez e nel aparecen Miguel de Lira ou María Bouzas.
-
03
Continental
O thriller de Xavier Villaverde estivo protagonizado por Eusebio Poncela, Héctor Alterio, Marisa Paredes, Cristina Marcos e Jorge Sanz, acompañados de actores e actrices galegas. Todos cítanse no Continental, un bar-prostíbulo sito nunha zona portuaria polo que pugnan dúas faccións dunha banda mafiosa.
-
04
O bosque animado
Baseada na novela de Wenceslao Fernández Flórez, foi a primeira película de animación 3-D realizada en Europa. Producida por Dygra Films e dirixida por Ángel de la Cruz e Manolo Gómez, foi o resultado dun traballo de 4 anos no que participaron máis de 400 profesionais. Gañou os premios ao mellor filme de animación e á mellor canción nos Premios Goya 2002, e un gran número de galardóns noutros certames
-
05
Mar adentro
Aínda que non contaba con produción galega, si o eran unha gran parte dos seus intérpretes e equipo técnico, destacando os papeis de Mabel Rivera, Celso Bugallo ou Tamar Novas, gañadores os tres de senllos premios Goya. O filme obtivo tamén o Óscar á mellor película en lingua non inglesa.
-
06
O ano da carracha
A película de Jorge Coira foi a gran triunfadora dos Mestre Mateo no ano 2004, facéndose con 8 galardóns nesa edición, incluíndo o premio para o propio Coira como director e para Javier Veiga, Camila Bossa e Luis Zahera polas súas interpretacións.
-
07
Engurras
A película de Perro Verde Films, con guion de Ángel de la Cruz e música de Nani García, levou á gran pantalla o cómic de Paco Roca que tan ben retratou os comezos do alzheimer.
-
08
O Apóstolo
O Apóstolo foi o primeiro filme de animación stop-motion en tres dimensións realizado en Europa. A produción levou catro anos de traballo dirixido por Fernando Cortizo, e estreouse en 80 salas de cinema de toda España. Obtivo seis premios Mestre Mateo e foi nominado aos Goya
-
09
Arraianos
Arraianos, de Eloy Enciso, estreouse no ano 2012, ano no que foi seleccionado para a sección oficial do festival de Locarno. Os momentos de ficción coexisten coa vida diaria dos veciños que interpretan diálogos dunha obra existencialista e lírica chamada O bosque (1977), do escritor Marinhas del Valle.
-
10
Encallados
Encallados, de Alfonso Zarauza, é unha película sobre as difultades de facer unha película en Galicia, en concreto sobre os obstáculos para gravar un filme sobre o Prestige, e que padeceu ela mesma eses mesmos obstáculos para a súa realización e distribución
-
11
Vikingland
Vikingland, de Xurxo Chirro, é un diario filmado sobre a emigración galega a comezos dos anos 90 no Norte de Europa, realizado a partir das gravacións en VHS do mariñeiro Luis Lomba “o Haia”, compañeiro de traballo de seu pai. Con elas Chirro realiza unha transposición do Moby Dick de Mellville, retratando o día a día do traballo mariñeiro.
-
12
A Esmorga
O filme de 2014 de Ignacio Vilar recreou á perfección o ambiente da novela de Eduardo Blanco Amor e daquel Ourense. A pesar de estrearse unicamente en 18 salas, o filme foi visto por máis de 37 500 espectadores galegos nas últimas seis semanas do ano, sendo a mellor estrea de todo o ano en España entre as películas con menos de 100 copias.
-
13
O que arde
O que arde, que este días compite no Festival de Cine de San Sebastián, chegará ás salas comerciais o vindeiro 11 de outubro, podendo verse en versión orixinal en 30 cinemas de toda España. O 1 de outubro proxectarase no Teatro Principal de Compostela, nunha sesión especial no marco do Curtocircuito