Unha ducia de libros en galego máis lidos nos clubs de lectura escolares
Este domingo 23 de abil celébrase o Día do Libro, unha data que este ano a Consellaría de Cultura celebra cun fermoso texto da profesora da USC Montse Pena Presas dedicado ás mediadoras: profes, bibliotecarias, mestras..., e aos clubs de lectura. O curso pasado constituíronse 1.261 grupos nos clubs de lectura escolares en Galicia, moderados por 925 profesores, nos que participaron 12.712 alumnos e alumnas, unha vizosa estirpe que tece redes arredor das historias. Neles, a autora máis lida foi Ledicia Costas, con cinco obras entre as máis escollidas, que repasamos nesta ducia.
-
01
Golpes de Luz (Ledicia Costas)
Ledicia Costas é a raíña dos clubs de lectura escolares. É a autora máis lida e tamén é responsable da obra máis escollida durante o pasado curso 2021-22, segundo os datos fornecidos pola Consellaría de Cultura. Foi Golpes de Luz (Xerais), presente en 38 clubs. A obra está protagonizada por Xulia, que é xornalista e acaba de separarse, polo que regresa a Galicia co seu fillo Sebas.
-
02
Identidade (Nee Barros)
O segundo libro en máis clubs de lectura é Identidade, de Nee Barros (Galaxia), "unha obra de teatro que fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade"
-
03
22 segundos (Eva Mejuto)
Segue a lista con 22 segundos, de Eva Mejuto (Xerais), "unha obra que busca visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas historicamente silenciadas e denigradas que loita por que as leis -e a sociedade- deixen de consideralas enfermas".
Eva Mejuto, gañadora do Premio dos Clubs de Lectura no ano 2021, foi a cuarta autora máis lida nos clubs de lectura o pasado curso. Conta, ademais, con outra obra entre as máis destacadas: Memoria do silencio
-
04
Senlleiras (Antía Yáñez)
Senlleiras, de Antía Yáñez (Galaxia), gañou o Premio Illa Nova de Narrativa no ano 2018 e o pasado curso foi o cuarto libro máis lido nos clubs de lectura escolares. No libro, unha influencer sobe unha foto ás redes sociais onde aparece unha man fantasma. Xusto unha semana máis tarde, a moza é atopada morta. A partir deste fío técense as vidas de varias mulleres de diferentes séculos.
Yáñez, ademais, foi a terceira autora máis lida, grazas tamén a obras como Plan de rescate
-
05
Escarlatina, a cociñeira defunta (Ledicia Costas)
Ademais de Golpes de Luz, Ledicia Costas ten outras catro obras entre as 13 máis lidas nos clubs escolares: Escarlatina a cociñeira defunta, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, A balada dos unicornios e A señorita Bubble. Ademais, Infamia pecha a lista das 50 máis lidas. Ledicia Costas gañou, ademais, o Premio dos Clubs de Lectura no ano 2016, na súa segunda edición.
-
06
Virtudes (e misterios), de Xesús Fraga
Virtudes (e misterios), de Xesús Fraga (Galaxia) tamén aparece entre as obras lidas en máis clubs de lectura. Premio Blanco Amor en 2019 e Premio Nacional de Narrativa e Premio da Crítica de Galicia en 2021, Fraga conta aquí a emigración desde a parte dos retornados, nunha historia "dos que marchan que, cando regresan, nin eles son os mesmos nin a terra que deixaron é a mesma".
-
07
O neno do pixama a raias (John Boyne)
Un clásico dos clubs de lectura na última década é O neno do pixama a raias, de John Boyne (Faktoría K), unha novela publicada no ano 2006 e traducida a 42 linguas. O libro conta a historia de Bruno, un neno de nove ano fillo dun comandante ao cargo dun campo de concentración nazi.
-
08
A cidade do átomo (Iria Misa)
Moito máis recente é A cidade do átomo, de Iria Misa (Xerais), Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade no ano 2021. No libro, tras a explosión no reactor 4 da planta nuclear de Chernóbil, Lena Petrova, busca a súa mellor amiga, Svetlana, e agarda con ansia o regreso da súa nai. Iria Misa é autora tamén de Mamá, quero ser Ziggy Stardust, igualmente na lista das obras preferidas nos clubs de lectura.
-
09
Subnormal (Fernando Llor e Miguel Porto)
Entre as obras máis lidas nos clubs de lectura atopamos tamén unha novela gráfica, Subnormal, de Fernando Llor e Miguel Porto, publicada en galego por Retranca Editora. O libro relata a historia real do bullying que sufriu o xxogador de baloncesto da ACB Iñaki Zubizarreta, mesmo a pesar do seu físico portentoso.
-
10
A folla azul (Andrea Maceiras)
Andrea Maceiras, premio dos clubs de lectura no ano 2020, foi a quinta autora máis lida o pasado curso, grazas a obras como O que sei do silencio e, sobre todo, A folla azul (Xerais), Premio Merlín de Literatura Infantil 2020. A historia, que ten lugar na Amazonia, está protagonizada por Husu Aké, "membro da tribo dos Tacaré, filla da Nai Terra e habitante do mundo verde"
-
11
Os nenos da varíola (María Solar)
Os nenos da varíola, de María Solar (Galaxia), relata a historia da expedición do doutor Balmis, na que 22 nenos de 3 a 9 anos, sacados dos hospicios da Coruña, Santiago e Madrid, transportaron nos seus corpos a vacina da varíola ás colonias españolas en América, nun barco que partiu dende A Coruña e baixo o coidado da enfermeira Isabel Zendal. A obra de Solar achégase a "unha das aventuras máis importantes da historia da humanidade, protagonizada por uns nenos que non tiñan idea de facerse heroes".
-
12
Cartas de inverno (Agustín Fernández Paz)
Cartas de inverno é a vixésima obra máis lida o pasado ano, pero pecha esta lista como homenaxe e lembranza a Agustín Fernández Paz, o autor galego máis lido nas últimas décadas, de forma moi destacada nos clubs de lectura, onde segue a ser un referente. De feito, no curso 2021-22 Fernández Paz foi o segundo autor máis lido nestes espazos, só por detrás de Ledicia Costas. Foi, ademais, o gañador do Premio dos Clubs de Lectura no ano 2015, na súa primeira edición.