Unha ducia de libros para despedir o verán de 2026
A chuvia nos está a acompañar nestes derradeiros días de agosto, por se alguén precisa de escusas para buscar novas lecturas. As feiras do libro van rematando e aínda queda tempo de verán, a pesar de que a moitas persoas se lle acaben as vacacións proximamente. Así que imos repasar algúns libros editados este ano aos que cómpre aferrarse antes do outono. Son lecturas diversas, cun pé na narrativa e na poesía, mais sen deixar atrás a literatura infantil e xuvenil e o ensaio. Ademais, nesta ocasión a ducia é máis unha idea que un número exacto, e levamos unha última proposta que rompe a regra: un poemario en portugués editado hai dous anos. Boas lecturas!
-
01'Razóns de peso'
Andrea Nunes Brións e Leticia Citoula coordinan este volume que conta coas sinaturas de Antonella Rodríguez Acosta, Violeta Maroto Romero, Ailén Kendelman e Areta Bolado, Vanesa de Sousa García, Adriana Guede, Angelly Ferreiro Silva, Iván Folgueira Pérez, Mercè Nebot Ventura, Andre Bosque, Lucía Aldao, María von Touceda, Aranxa Vicens, Alba Cobo, Vanessa Glemsel, Andrea Rico Adega e un prólogo de Magdalena Piñeyro.
Razóns de peso é a primeira publicación da nova etapa da Catro Ventos Editora e a necesidade da súa existencia queda claramente explicada nas palabras das súas coordinadoras: “Falamos aquí de peso, pero non do que se mide nas básculas, senón do peso simbólico que cargamos as persoas que habitamos corpos gordos, e do peso político que decidimos asumir. O peso das miradas, das humillacións, das violencias, dos prexuízos; mais tamén o peso das apertas, das risas, da memoria e do desexo. Todo un peso que o sistema quixo volver vergoña e que nós trocamos en orgullo”.
-
02'Boundaries Road'
Boundaries Road (Xerais) é a cuarta novela de Cecilia F. Santomé, coa que gañou o XLIV Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor e regresa a Londres, a cidade que percorrían os protagonistas da súa primeira obra de narrativa, Quérote. Eu tampouco (Xerais, 2019). A escrita da tradutora, narradora e lingüista de San Simón (Vilalba) deixa pegada, como o fan as súas historias, sempre a explorar os ritmos internos das relacións humanas, eses sentimentos que ás veces nin chegan a ser verbalizados pero que están. Nesta novela a acción é provocada pola nostalxia, mais non só. É o recordo de que podemos vivir moitas máis vidas dentro dunha do que pode parecer a simple vista.
-
03'Rastros'
O historiador e escritor de Carreira (Ribeira) Carlos Lixó percorre milenios e xeografías para construír unha arqueoloxía imaxinaria do desexo no volume de relatos Rastros, que edita Rodolfo e Priscila. Convértese nun falso editor de documentos –cartas feudais, actas inquisitoriais, crónicas de conquista, lendas, diarios contemporáneos–, percorridos por un mesmo fío invisible: a violencia normativa sobre os corpos desviados e a maneira en que a historia os ordena e os castiga.
-
04'Primeiro espello'
Recóllesme no coche no teu soño, subo ao
teu coche no meu. Coma nun haiku, caen as
pétalas das cerdeiras. A felicidade é atoparse
por azar no mesmo soño e marchar xuntos sen
saber a onde, unha road movie en branco.Olalla Cociña regresa co poemario Primeiro espello, unha década despois de Vestir a noite. Os seus son versos oníricos e lixeiros, que pesan no corpo das lectoras máis ca no papel. Nin durmidas podemos deixar de ser quen somos. O libro conta cun preámbulo de Ildefonso Rodríguez e editouse ao coidado de Jesús Castro Yáñez, responsable editorial da colección FABA da editorial Fabulatorio.
-
05'As esquinas'
Entre a depresión que o devora e as esquinas contra as que golpea o seu corpo para sosegar a dor emocional, o protagonista desta novela intenta sobrevivir no medio dun caos de relacións rotas e adiccións. Busca desesperadamente un lugar ao que pertencer e aférrase ao desexo e á esperanza fráxil dun amor que podería salvalo ou, se cadra, destruílo definitivamente. As esquinas (Xerais, 2026), galardoada co Premio Pinto e Maragota pola diversidade sexual e de xénero, é a primeira novela do vigués Miguel Calvo Marques, psicólogo e orientador educativo.
-
06'Señoras en bicicleta'
As xornalistas Ana Bulnes, Raquel C. Pico e María Ramos Domínguez comparten a paixón por indagar en temas históricos, especialmente en aqueles relacionados coa historia invisible das mulleres. Xuntas traballaron nas anotacións da edición de Emma, de Jane Austen, publicada por Sushi Books en 2023. Tras horas de reflexión e lecturas compartidas publican Señoras en bicicleta, editada tamén por Sushi Books, unha crónica dos primeiros anos de liberdade das mulleres coa bicicleta e de como evolucionou a nosa relación desde aquela con este medio de transporte.
-
07'Poden pensar as máquinas?'
Que é a Intelixencia Artificial e como xurdiu? Son parecidos un cerebro e unha computadora? Alcanzarán as máquinas a superintelixencia? O físico Senén Barro, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago de Compostela e director científico do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC), achega no ensaio divulgativo Poden pensar as máquinas? (Alvarellos, 2026) o contexto preciso para abordar a IA, que tanto impacto ten nas nosas vidas.
-
08'Val tan doce e sombrío'
Francisco X. Fernández Naval tece neste poemario –publicado na colección Tambo de Kalandraka– unha fermosa e conmovedora homenaxe á súa nai, que perdeu a visión a consecuencia do glaucoma, e que perdeu a memoria pola enfermidade de Alzheimer. Val tan doce e sombrío, que toma o seu título dun poema da autora asturiana Olvido García Valdés baseado nun cadro de Arshile Gorky, é unha obra a favor da lembranza conmovida, nado por e para Pepita que, malia a escuridade dos seus ollos e do esquecemento, nunca perdeu nin a tenrura nin a luz. Versos cheos de sensibilidade e delicadeza nos que, como escribiu Eva Veiga, “cada sombra é unha escada no corazón da luz”.
-
09'A muller de mentira'
“Sempre fun transparente. As miradas atravésanme: non existo. Nunca ninguén me tomou en serio. O meu tempo de comprender chegou tarde, coma se a miña vida anterior fose un ensaio; un simulacro que me preparase para o derrubamento que me esmagou despois. A xente non me cre, non resulto verosímil. Son un animal imaxinario; un personaxe de conto; unha muller de mentira”. Así presenta a Editorial Galaxia a obra A muller de mentira, de Iria Collazo López, gañadora do Premio García Barros deste ano.
-
10'Desobediensia'
Desobediensia, de Nuria Vil, acadou o XX Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas e está editado pola Editorial Caldeirón. Na liña que marcou con Delincuente, a poeta, resitadora e performer viguesa revélase contra as violencias do colectivo LGBTIQA+ e non tapa os ollos ante as inxustizas cotiás. Estes poemas están intimamente ligados á curtametraxe A Pena de Iria Silvosa, pois foron desenvolvéndose ao mesmo tempo.
-
11'O mapa da túa sexualidade'
A xornalista, sexóloga e divulgadora científica Laura Veiga ideou este álbum ilustrado, un paso máis dende que en 2020 botou a andar Pingando, un proxecto dedicado á divulgación menstrual e á educación sexual a través das redes sociais e en diversas charlas e obradoiros. O mapa da túa sexualidade, editado por Xerais, conta coas ilustracións de María Montes e explica de maneira clara e coidada como funcionan os nosos corpos por dentro e por fóra, e como van mudando a medida que imos medrando.
-
12'A lingua estranxeira'
Tras o rotundo éxito da súa primeira novela, Ninguén queda (Euseino?, 2022), Brais Lamela lánzase con A lingua estranxeira (Editorial Galaxia, 2026) a explorar os vieiros entre a crónica íntima e a novela histórica con catro liñas narrativas que non perden de vista o presente. Unha novela sobre a arte e a restitución, sobre a sombra alongada da violencia colonial, sobre a linguaxe como forma de arruinar e recompoñer mundos.
-
13'Os recordos de Moucho'
Para todas as idades é a historia de Patricia Casasola con ilustracións de Sara Sánchez, Os recordos de Moucho, que edita Triqueta. Moucho sempre foi quen coidaba dos demais. O conselleiro sabio, o amigo paciente, quen atopaba as palabras xustas… ata que un día comezou a esquecer. Cando os seus recordos comezan a fallar, os seus amigos fan algo extraordinario: en vez de deixar que as historias compartidas se perdan, comezan a escribilas para el. Páxina a páxina, devólvenlle quen é, todo o que significou para os demais e todo o que segue sendo.
-
14'Adrenalina'
Para escrever poemas, é preciso ter o punhal de Caravaggio
encostado à língua: «nem esperança, nem medo»Não esperem de um poeta que vos corte a língua
O poeta quer ouvir tudo, apesar de tudo, e até de manhá
Não esperem de um poeta que vos corte o coração
Não sabe, não foi o poeta que cortou o deleAdrenalina é un poemario da poeta do Porto Filipa Leal, editado por Assírio & Alvim en 2024, unha década despois de que saíra do prelo o primeiro libro da autora. Coa mirada intimista da Filipa Leal, estes poemas respiran como os amores de verán; mais tamén teñen presente a ansiedade que provoca a vida cotiá neste século, marcado pola urxencia.