Unha ducia de lugares de Galicia na 'lista vermella do Patrimonio'
A Asociación Hispania Nostra traballa dende 1976 promovendo a conservación do Patrimonio e dende hai uns anos mantén unha lista vermella de elementos patrimoniais "ameazados, en perigo ou con eivas na súa conservación", con 700 bens de todo o Estado e ao redor de 35 en Galicia. Tamén conta cunha lista verde con aqueles elementos que pasaron a estar correctamente protexidos. Velaquí apenas 12 exemplos galegos, aos que se poderían sumar a Torre dos Moreno (Ribadeo), o Pazo do Casal (Brión), a Casa Becerra (Vilagarcía) ou o Castelo de Pambre (Palas de Rei)
- 
                             01 01Parque do PasatempoO Parque Enciclopédico do Pasatempo, en Betanzos, comezou a construírse en 1893 e completouse en 1914. En 1940 foi xa dividido en dous pola construción dunha estrada e os seus xardíns destruídos, iniciando un proceso de degradación que continúa ata os nosos días, a pesar que xa en 1986 foi adquirido polo Concello. Non foi ata o pasado ano que a Xunta iniciou o proceso para declaralo Ben de Interese Cultural, e aínda sen un plan de investimentos. 
- 
                             02 02Torre de CaldalobaA Torre de Caldaloba, en Cospeito, existía xa no século XIV. Pertenceu ao Conde de Lemos e ao Mariscal Pardo de Cela; foi parcialmente destruída nas Guerras Irmandiñas e posteriormente sufriu o asedio das tropas dos Reis Católicos. Foi declarada BIC en 1994, pero está en risco de derruba. 
- 
                             03 03Mosteiro de San Paio de AbeledaEste mosteiro do século XII, situado en Castro Caldelas, pasou a ser propiedade da Casa de Alba despois da desamortización de Mendizábal e actualmente atópase en estado ruinoso. Grazas a asociacións sen ánimo de lucro como O Sorriso de Daniel, o mosteiro foi limpado das herbas que se estaban tragando e esnaquizando esta xoia do románico 
- 
                             04 04Panificadora de VigoO complexo industrial funcionou entre 1917 e 1981, iniciando un proceso de desgradación que continúa ata hoxe, e coa ameaza permanente da súa derruba para a construción de vivendas. Na actualidade está en marcha un proxecto para a rehabilitación do edificio, que se converteu nun dos símbolos da cidade de Vigo. "A Panificadora ten que ser a peza desde onde Vigo recupere o seu patrimonio industrial”, defende Uxío Reinoso, arqueólogo industrial e coordinador do proxecto vigoindustrial.com 
- 
                             05 05Casa BaillyO complexo, situado en Cambre non lonxe da Ría do Burgo, foi construído nos anos 20 do pasado século por encargo de Julio López Bailly, e deseñado polos arquitectos Antonio Tenreiro e Peregrín Estellés. Foi concibido primeiro como hotel e utilizado finalmente como lugar de veraneo. A familia Bailly era esquerdista e tivo que fuxir, sendo incautadas as casas pola Falange, que as utilizou como cárcere para presos republicanos e como sede do Sindicato Vertical. En 1969 sufriu un incendio e pouco despois foron abandonadas, destruíndose a maior parte do complexo, que volveu sufrir un incendio en 2012. Non conta con protección patrimonial. 
- 
                             06 06Mosteiro de Santa María de OiaO mosteiro comezou a construírse no século XII, pero conta con moitos elementos posteriores, románicos, góticos e barrocos. Trala desamortización de 1835 pasou a mans privadas e en 1910 os xesuítas expulsados de Portugal crearon aquí un colexio (en 1932 a Compañía de Xesús tamén foi expulsada de España). Na Guerra Civil o mosteiro converteuse nun campo de concentración franquista. Ten a consideración de BIC, pero o seu estado é de ruína, cun avanzado proceso de degradación. 
- 
                             07 07Barrio de Ferrol VelloNo barrio mariñeiro de Ferrol Vello naceu a actual cidade naval, xa con referencias documentais no século XI. O seu despoboamento (máis da metade das casas están deshabitadas) e os procesos especulativos levados a cabo por algúns propietarios levaron durante décadas o barrio á ruína, a pesar que dende o ano 2011 ten consideración de Ben de Interese Cultural, coa categoría de Conxunto Histórico. 
- 
                             08 08Pazo e Torre de GuimareiSituada na Estrada, a Torre de Guimarei, medieval, foi parcialmente destruída nas Guerras Irmandiñas, no século XV. Nos séculos XVII-XVIII foille anexado o Pazo, que nestes momentos se atopa nun estado ruinoso e sen protección. A Torre si ten consideración de BIC, pero sometida a un proceso de degradación. 
- 
                             09 09Pazo de GoiánsO Pazo de Goiáns, en Boiro, foi construído no século XVI na desembocadura do río Coroño. Pasou por moitas mans privadas ata que no ano 2010 foi adquirido polo Concello, que o ano pasado anunciou un proxecto para convertelo nun centro cultural. Ten declaración BIC, pero a lista vermella advirte de que o conxunto se atopa en perigo de derruba. 
- 
                             10 10Sanatorio de CesurasO edificio do sanatorio, modernista, foi deseñado polo arquitecto Antonio González Villar entre 1922 e 1924. As obras foron paralizadas en 1931, completándose só o primeiro módulo dos varios que estaban previstos, co obxectivo de tratar a tuberculose nunha contorna saudable. O edificio está en ruínas. En 2013 houbo un proxecto para convertelo nunha residencia de anciáns que non se levou a cabo. 
- 
                             11 11Pinturas murais da igrexa de San Xulián de MoraimeO mosteiro de Moraime (Muxía) foi fundado no século XI, mais só se conserva a igrexa, do século XII. No ano 1970 descubríronse unha serie de pinturas murais que ata entón permaneceran ocultas baixo a capa de cal. Con estilo gótico-flamenco, representan os sete pecados capitais e a morte. Ten consideración de Monumento Nacional dende 1972, pero as pinturas sofren problemas de humidades e desaparición da cor. O pasado ano a Xunta levou a cabo unha actuación para deter este proceso de degradación. 
- 
                             12 12Convento do Bon Xesús de TrandeirasConstruído en 1520, este convento de Xinzo de Limia foi destruído polas tropas napoleónicas en 1809 e trala desamortización o edificio foi abandonado. Foi vendido a particulares que empregaron as súas pedras para outras construcións. A igrexa consérvase en bo estado, pero o resto do inmoble está totalmente destruído