Marcos Pérez Pena

Unha ducia de momentos na historia da Real Academia Galega

A Academia renovou a pasada semana a súa Presidencia, que pasa a ocupar Henrique Monteagudo, un novo capítulo na historia da institución que naceu en 1906 e que pasou por diversas etapas, de maior e menor actividade e peso social. Nas últimas tres décadas a entidade modernizouse e actualizou as súas funcións, incrementando a súa relación coa sociedade. Repasamos aquí a súa traxectoria e momentos clave.

  1. 01

    Constitución da Academia

    A Real Academia Galega inaugurouse oficialmente o 30 de setembro de 1906 no salón da coruñesa Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns, pero a entidade xa fora constituída o 4 de setembro de 1905. A RAG contaba co precedente dunha Comisión Xestora para a creación da Academia Galega, promovida por Emilia Pardo Bazán e Ramón Pérez Costales montada sobre a base da sociedade Folklore Gallego, presidida pola escritora.

    Na nova sociedade confluían o impulso exercido por un grupo de galeguistas nucleado ao redor de Manuel Murguía e o que proviña da comunidade de emigrantes galegos en Cuba, onde nacera en 1905 a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, que financiou economicamente a posta en marcha da Academia. A súa primeira sede foi no número 38 da rúa Rego de Auga e en 1920 instalouse no Pazo de María Pita.

  2. 02

    Manuel Murguía

    Manuel Murguía foi o primeiro presidente da Academia e liderou a actividade da entidade ata o seu falecemento en 1923. Neste tempo, fixo medrar o peso e o prestixio da institución, que puxo as bases para a elaboración do dicionario que empezou a ser publicado por entregas entre 1912 e 1928. Tamén comeza a publicación do Boletín da Real Academia Galega, do que se chegaron a editar 149 números en vida de Murguía. 

  3. 03

    O Boletín da Real Academia Galega comeza a empregar a lingua galega

    O 20 abril de 1910 úsase o galego por vez primeira nas páxinas do Boletín da RAG. Aínda que a Academia Galega tiña entre os seus obxectivos a dignificación da lingua habería que esperar ata este ano para atopar o galego nos seus boletíns. 

    Foi no boletín n° 35, que recolle os discursos lidos o 13 de Decembro do 1909 para a recepción do Académico de número Amador Montenegro Saavedra, o primeiro en facer en galego o seu discurso de ingreso, Alma d’a poesía gallega, contestado igualmente en galego por Xan Barcia Caballero.

  4. 04

    A primeira xeración

    Á morte de Murguía en 1923, seguiuna a de Andrés Martínez Salazar, poucos meses despois. Martínez Salazar era considerado o herdeiro natural de Murguía, pero só puido ocupar a presidencia durante un ano. A Academia entrou entón nun certo período de inactividade, no difícil contexto da ditadura de Primo de Rivera, ata o seu relanzamento no tempo da Segunda República.

    A presidencia foi ocupada por Francisco Ponte Blanco (1923-1926) e Eladio Rodríguez González (1926-1934). 

  5. 05

    O tempo republicano

    A Segunda República supuxo un relanzamento para a actividade da Academia. Durante este período entraron na Academia Otero Pedrayo, Vicente Risco, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ou Antón Villar Ponte. 

    A presidencia de Eladio Rodríguez foi seguida polo breve período de Manuel Lugrís Freire (1934-1935), que tivo de abandonar por problemas de saúde, e o de David Fernández Diéguez. A axuda económica chegada da recentemente constituída Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega de Bos Aires, semellaba augurar un espléndido porvir para a nosa institución, pero entón chegou o mes de xullo de 1936.

    Na imaxe, a recepción de Castelao na Real Academia Galega, o 25 de xullo de 1934.

  6. 06

    Os anos escuros

    Tras a Guerra Civil, a Academia entra nun estado de semiclandestinidade, moi próximo ao da súa desaparición definitiva e, de feito, pasou a estar tutelada polo reitor da Universidade de Santiago. Manuel Casás Fernández (na imaxe, en 1931) exerceu a presidencia entre 1937 e 1960. 

    O golpe militar de 1936 provocou o exilio ou a morte de varios académicos e en 1941 realizouse unha toma de posesión de 19 novos membros, entre eles Xosé Filgueira Valverde, Florentino López Cuevillas ou Fermín Bouza-Brey.

  7. 07

    A resistencia cultural

    O 31 de decembro de 1951 convocouse en Vigo unha sesión extraordinaria da Academia para a incorporación de Manuel Gómez Román como membro numerario. O seu discurso de ingreso debía ser respostado por Otero Pedrayo e ambos os dous tiñan preparadas as súas intervencións en galego. Pero pouco antes do acto académico impediuse, por orde do Goberno, a utilización do galego na celebración.

    Este feito, unido á prohibición da aparición de textos en galego nos xornais do país, decidida polo director xeral de Prensa, Juan Aparicio López, que tamén decretou a fin dos Cadernos de Grial, levou á presentación no Congreso da UNESCO celebrado en Montevideo un documento no que se denunciaba a política represiva do réxime franquista contra a lingua galega. 

  8. 08

    Día das Letras galegas

    1963 foi "o ano do prodixio", como lembraba hai dous anos a revista Grial nun especial polo seu 60 aniversario. Non só naceu esta revista ou, por exemplo, o Laboratorio de Formas impulsado por Díaz Pardo e Seoane, senón que botou a andar a celebración do Día das Letras Galegas, unha iniciativa lanzada por Francisco Fernández del Riego, que propuña crear unha gran festa cívica ao redor dos "nosos libros.

    Aquela iniciativa, que festexou a Rosalía de Castro no centenario da publicación de Cantares Gallegos, gañou peso especialmente a partir do regreso da democracia en 1977.

  9. 09

    A sede da rúa Tabernas

    Despois de Manuel Casás, ocupou a Presidencia Sebastián Martínez-Risco (1960-77) e despois fíxoo Domingo García-Sabell (1977-97). En 1978 a Academia traslada as súas instalacións á actual sede da rúa Tabernas, unha mudanza completada en 1979, momento da súa inauguración a cargo dos Reis de España (na imaxe a portada de La Voz de Galicia dese día).

    Neste tempo, apróbase o Acordo Ortográfico de 1982 ou ponse en marcha o Seminario de Lexicografía ou o Seminario de Sociolingüística.

  10. 10

    As presidencias de Fernández del Riego e Barreiro Fernández

    Ben se pode dicir que as presidencia de Francisco Fernández del Riego (1997-2001) e Xosé Ramón Barreiro Fernández (2001-2010) puxeron os alicerces da Academia que coñecemos na actualidade. O período de don Paco, malia a súa brevidade, supuxo unha actualización e modernización da entidade e unha grande apertura da entidade á sociedade.

    Baixo a presidencia de Barreiro Fernández, a Academia continúa a súa modernización e incrementa o seu activismo e participación nos debates sobre o presente e o futuro da lingua e da cultura. Así, por exemplo, chega o Acordo Ortográfico de 2003 ou o informe negativo publicado en 2010 sobre o Decreto de Plurilingüismo.

  11. 11

    Unha Academia para o futuro da lingua

    Na última década a Real Academia multiplicou as súas actividades, especialmente ao redor da figura homenaxeada no Día das Letras (Primavera das Letras, vídeos, documentais...), pero tamén noutros ámbitos (Portal das Palabras, Guía dos Nomes Galegos, Guía dos Apelidos Galegos, O Seminario de Onomástica responde, Galicia Nomeada...). 

    Fixo, ademais, fincapé nas novas tecnoloxías, o mundo audiovisual e a rede, buscando nomeadamente chegar á rapazada e á mocidade. Neste período sucedéronse na Presidencia Xosé Luís Méndez Ferrín (2010-2013), Xesús Alonso Montero (2013-2017) e Víctor F. Freixanes (2017-2015).

  12. 12

    (algunhas) mulleres, por fin

    Unha das eivas que arrastraba a Academia era a ausencia de mulleres. Por un lado, entre as figuras homenaxeadas no Día das Letras: ata 2018 tan só tres mulleres protagonizaran o 17 de maio, fronte a medio cento de homes. Dende entón as escollas de María Victoria Moreno (2018), Xela Arias (2021) e Luísa Villalta (2024) contribuíron a equilibrar un chisco (só un chisco) esa desproporción.

    E, polo outro, entre as integrantes no pleno da institución. Dende o ingreso de María López Sández en 2023, son 9 as mulleres no pleno da Academia, aínda unha clara minoría (fronte a 19 homes), pero cun número moi superior ao de hai uns anos: entre 2011 e 2013 eran apenas 4. Ademais, dende o ano 2021 hai tres mulleres na Comisión Executiva, encargado exercer o goberno da institución, e formada por cinco persoas.

  13. 13

    Henrique Monteagudo, novo presidente da Academia

    Co nomeamento de Henrique Monteagudo, a Academia inicia un novo capítulo na súa historia. Nesta nova etapa, ademais da obrigada defensa do idioma galego, nun perigoso momento de devalo, a entidade, presentará novas ferramentas lingüísticas en liña e seguirá a apostar polo incremento da presenza feminina no seu seo. 

    Ademais, regresará ademais á súa sede, unha vez completada a rehabilitación integral do edificio histórico da rúa Tabernas da Coruña.