Marcos Pérez Pena

Unha ducia de mulleres galegas das que os libros de historia deberían falar máis

Algunhas figuras históricas galegas son ben coñecidas: dende Rosalía a Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán. Porén, son moitas, moitísimas, as mulleres cuxa importancia ficou escurecida ou invisibilizada. E só o traballo realizado por investigadoras como Aurora Marco, ou recentes iniciativas de destaque coma as desenvolvidas pola Real Academia Galega de Ciencias, pola Gentalha do Pichel ou polo Concello de Pontevedra están a situar a súa memoria no lugar que lles corresponde. Estas son só algunhas delas, mulleres que deberían ter máis presenza nos libros de historia.

  1. 01

    Filomena Dato

    Filomena Dato, nada en Ourense en 1856 e finada na Coruña en 1926, foi escritora, obtendo numerosos recoñecementos pola súa poesía. Colaboradora habitual en xornais da súa época, pronunciou conferencias en defensa das mulleres en intervencións públicas e mantivo unha estreita amizade coa escritora Sofía Casanova, compartindo faladoiros e inquedanzas feministas con Emilia Pardo Bazán, Fanny Garrido e outras intelectuais. En 1906 foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega.

  2. 02

    Manuela Barreiro

    Manuela Barreiro, nada en Viveiro en 1877, foi unha farmacéutica galega, a primeira muller licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1901. Logo de licenciarse, en 1903 abriu a súa farmacia en Ribadeo, na actual rúa Rodríguez Murias, que permaneceu aberta ata 1933.

  3. 03

    Isabel Zendal

    Isabel Zendal, nada en Ordes en 1773, foi unha enfermeira e reitora do Hospital de Caridade da Coruña. Participou na Expedición Balmis, coidando dos 22 nenos e nenas orfas que levaron a América (nos seus corpos) a vacina da varíola, que salvou milleiros de vidas nese continente.

  4. 04

    Amparo Alvajar

    Amparo Alvajar, nacida na Coruña en 1916 e finada en Monção en 1998, foi xornalista, tradutora e escritora. Na Segunda República traballou no concello da Coruña e foi secretaria de Casares Quiroga. Co triunfo da Fronte Popular marchou a Madrid a traballar para os Servizos Secretos do Ministerio da Gobernación. Trala Guerra Civil exiliouse en Francia e Arxentina, vivindo despois en México, Nova York e París, traballando como tradutora para a ONU, a OIT e para a UNESCO. Aurora Marco denunciou neste texto o esquecemento de Amparo Alvajar no centenario do seu nacemento

  5. 05

    María Luz Morales

    María Luz Morales, nada na Coruña en 1898, está considerada unha referencia para a incorporación das mulleres ao xornalismo. Foi a primeira muller na historia de España en dirixir un xornal, o catalán La Vanguardia entre 1936 e 1939, ata que Barcelona é conquistada polas tropas franquistas. Colaborou no guión da película documental L'Espoir (ou Sierra de Teruel), dirixida por André Malraux. Foi inhabilitada como xornalista e encarcerada nun convento. A partir de 1948 comezou a retomar a súa carreira profesional, destacando as súas críticas teatrais. Dálles nome a uns premios de investigación impulsados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións.

  6. 06

    Elisa Patiño

    Elisa Patiño, nada en Pontevedra en 1890, foi unha aviadora galega, coñecida tamén co alcume de Chichana. Foi a primeira muller galega en pilotar un avión, o 12 de outubro de 1913 na praia de Baltar, en Sanxenxo. Morreu moi nova, con 29 anos, por mor da gripe española. 

  7. 07

    Urania Mella

    Urania Mella, nada en Vigo en 1899, foi presidenta da sección viguesa da Unión de Mulleres Antifascistas e membra do Socorro Rojo Internacional. Tras o golpe de estado de 1936 intentou defender o seu barrio de Lavadores, xunto co seu home Humberto Solleiro Rivera, para logo fuxir cara a Redondela, onde foron detidos. Foi condenada á morte en consello de guerra, mais logo foille conmutada a condena pola de trinta anos; non así a do seu home, que foi fusilado. Pasou 9 anos na cadea

  8. 08

    Irene González Basanta

    Irene González Basanta, nada na Coruña en 1909, foi unha porteira de fútbol na década de 1920. Xogaba nun equipo federado da Coruña que levaba o seu nome: Irene C.F. En 1928 enfermou de tuberculose e morreu. Está considerada como a primeira xogadora galega de fútbol

  9. 09

    María del Portal Panisse

    María del Portal Panisse, nada na Coruña en 1914, foi farmacéutica e coñecida como a boticaria da liberdade. No seu establecemento, situado na Rúa de San Pedro de Compostela, mentres o franquismo prohibía o emprego de calquera método anticonceptivo, ela dispensaba pílulas e preservativos.

  10. 10

    Emilia Docet

    Emilia Docet, nada en Vigo en 1915 e finada na mesma cidade en 1995, foi deportista, modelo e foi recoñecida como Miss Galicia e Miss España en 1933. Ademais, mantivo un gran activismo político, como militante do Partido Galeguista. Foi a única muller que interveu no primeiro mitin das arengas, acto público do PG celebrado o 25 de xullo de 1934 en Compostela. Dela falounos Diego Giráldez nesta reportaxe de hai uns anos.

  11. 11

    Concepción Picciotto

    Concepción Picciotto, nacida en Compostela en 1936, finou nos Estados Unidos en 2016. Foi unha pacifista galega que mantivo a máis longa protesta na historia dos Estados Unidos, con 30 anos acampada diante da Casa Branca, entre 1981 e 2009, para denunciar as guerras e a proliferación do armamento nuclear.

  12. 12

    Eugenia Osterberger

    Eugenia Osterberger, nada en Santiago de Compostela en 1852 e finada en Niza en 1932, foi unha compositora, ligada aos movementos do Romanticismo musical. "Unha muller non podía tocar música. Só un pouquiño para adornar o seu currículo e casar ben",destacaba nesta entrevista a investigadora Rosario Martínez, que vén traballando con Beatriz López Suevos na recuperación das súas obras -non documentadas ata agora na súa meirande parte- e fomentando a súa difusión e recoñecemento.

  13. 13

    Celia Brañas

    Celia Brañas, nada na Coruña en 1880, está considerada unha pioneira na incorporación da muller á cultura científica. Comezou a traballar en 1908 como profesora auxiliar na Escola Normal da Coruña. En 1911 converteuse en profesora titular e foi directora da escola en varias ocasións ata a súa xubilación en 1946.

  14. 14

    E tantas e tantas outras

    Poderíamos seguir en varias ducias falando e moitas outras, como a pintora Lolita Díaz Baliño (na imaxe), primeira muller membra da Real Academia Galega de Belas Artes. Ou de Olimpia Valencia, primeira galega licenciada en Medicina. Ou de María Vinyals, a marquesa vermella. Ou de Concepción Sáiz, pedagoga, escritora e feminista. Ou da sindicalista Rosario Hernández. Ou de Mercedes Romero Abella, mestra republicana, violada, torturada e asasinada en Aranga en 1936. Ou de Elvira Bao e María Miramontes, integrantes das Irmandades da Fala, cuxa memoria comezou a ser recuperada nos últimos anos.