Miguel Pardo

Unha ducia de nomes curiosos de operacións policiais

Desde a Pokémon ata a Orquesta, pasando pola Zeta ou a Campeón. As operacións policiais contra a corrupción desenvolvidas nos últimos anos en Galicia case abondan para unha lista de nomes curiosos que se completan con outras moitas no conxunto do Estado. Os motivos desas denominacións por parte dos investigadores policiais son varios e variados.

  1. 01

    A operación 'Zeta'

    É o último escándalo, o dunha trama de cursos de formación falsos, que nunca se realizaron e polos que se cobraban milleiros e milleiros de euros de organismos públicos. O nome da operación policial que a investiga parece claro: a principal empresa do líder da trama, Gerardo Crespo, denomínase Azeta.

  2. 02

    O caso 'Campeón'

    A operación Campeón parte de axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira e nela foron detidas varias persoas, entre as que figura o empresario farmacéutico lucense Jorge Dorribo como líder da trama. No caso víronse implicados numerosos cargos políticos. O nome da operación xorde da cantidade de veces que os responsables, nas súas conversas, refírense aos seus interlocutores como "campeón".

  3. 03

    A 'Pokémon' e a morea de implicados

    Outro dos principais escándalos que afecta diversos cargos políticos galegos. O nome desta operación, que colle dunha serie de debuxos animados para nenos, xorde polo elevado número de implicados na trama, a semellanza co que ocorre na serie de animación. A investigación revela centos de enchufes de decenas de alcaldes e cargos públicos.

  4. 04

    A 'Orquesta', un líder afeito ás verbenas

    As escoitas telefónicas dunha investigación sobre drogas destapou unha rede de pago de comisións por obras na que se imputou a varios alcaldes galegos. O nome da operación policial xorde ao estar no centro da trama un promotor inmobiliario, Jorge Luis López Lago, dedicado á promoción de espectáculos e representante de orquestras.

  5. 05

    Os 'Patos' que pagarán 'o pato'

    Houbo rexistros en seis concellos, na Deputación de Pontevedra, na delegación da Xunta e na Autoridade Portuaria de Vigo. Así comezou unha operación policial denominada 'Patos', segundo varias fontes, pola praia do mesmo nome en Nigrán, onde un concelleiro do PP fora detido. Investíganse delitos de prevaricación, suborno e tráfico de influencias. Feijóo, non se sabe se por facer a graza ou por casualidade, advertiu que os reponsables "pagarían o pato".

  6. 06

    A 'Carioca' e as vítimas brasileiras

    Foi en outubro de 2009 cando a xuíz Pilar de Lara ordeaba a detención dunhas vinte persoas, unha lista que foi aumentando cos meses. Estaba a investigar a súa relación cunha suposta rede de prostitución e corrupción que operaba en Lugo e que implicaba proxenetas, membros da Garda Civil ou da policía local e responsables de estranxeiríra. Foi o comezo dunha trama que recibe o seu nome pola orixe brasileira de moitas das vítimas, aínda que carioca, en realidade, refírese unicamente aos habitantes de Rio.

  7. 07

    A operación 'Nécora'

    Narcos históricos como Laureano Oubiña, Manuel Charlín, Marcial Dorado (o das fotos con Feijoo) ou Manuel Padín caeron na operación Nécora, a primeira das grandes redadas antidroga do Estado. Foi en 1990 cando 350 axentes apareceron en Vilagarcía e detiveron 18 persoas enre Galicia e Madrid. Desarticuláronse 19 clans e sentáronse no banco 48 imputados, dos que 15 quedaron en liberdade, aínda que foron detidos e xulgados de novo posteriormente. A denominación da operación policial xorde da evidente vinculación co mar, aínda que hai versións que falan do símbolo que tiñan algúns restaurantes.

  8. 08

    A 'Gürtel', a tradución de Correa

    O caso Gürtel é unha operación iniciada xa hai case seis anos e que investiga unha enorme rede de corrupción política vinculada ao Partido Popular. A trama estivo liderada polo empresario Francisco Correa, cuxo apelido en alemán outorga a denominación a este caso. A listaxe de políticos implicados é demasiado longa como para citalos aquí. Non collería.

  9. 09

    'Malaya', entre Málaga e Marbella

    O caso Malaya é un dos máis importantes do Estado nos últimos anos, unha trama de corrupción urbanística que se empezou a investigar en 2005 e que segue dando que falar. A raíz dela, descubriuse unha trama de asociacións con numerosos delitos ás costas (suborno, malversación, tráfico de influencias...) levadas a cabo por dirixentes do Concello de Marbella, empresarios ou avogados e que tivo ramificacións noutras moitas localidades. As versións sobre a denominación da operación son variadas. Hai quen di que é tan só a unión sonora de Málaga e Marbella e quen asegura quen ten que ver co tipo de tortura que recibe ese mesmo nome.

     

  10. 10

    O 'Abanico' de Locomía

    A operación Abanico saíu á luz cando a Garda Civil detivo dos homes en Barcelona que introducían e vendía a través dunha web dun sex-shop un produto químico ilegal e perigoso coñecido como popper, unha dorga sexual con graves riscos para a súade. Un dos arrestados foi un antigo membro do grupo musical Locomía, que empregaba grandes abanicos nas súas actuacións. Sobran as explicacións.

  11. 11

    O caso 'Yogui'

    Refírese a unha operación que investigou os sobrecustos nas obras do AVE Barcelona-Madrid. A razón do nome é, se cadra, das máis enguedelladas. Un dos detidos, xerente de Infraestruturas de Adif na época, tería recibido por parte dunha construtora un agasallo en forma de viaxe a Colorado (EUA), onde visitou pistas de esquí e parques naturais. O de Yellowstone, onde habita o oso Yogui, está no estado de Wyoming, pero a policía non lle importou denominar así o principal encausado e, xa de paso, a operación.

  12. 12

    'Púnica', a última ocorrencia

    A última gran trama de corrupción descuberta denomínase Púnica. Houbo quen relacionou o nome coas guerras entre gregos e cartaxineses, pero non ten nada que ver con iso. É unha referencia ao ex conselleiro de Madrid e principal imputado -e xa enviado á cadea- Francisco Granados. O nome científico da árbore que dá as granadas é punica granatum. E de aí sacaron esta orixinal denominación.