Unha ducia de pontes que superan fronteiras de Galicia
A Xunta e o Goberno de Portugal van reforzar e ampliar a ponte internacional sobre o Miño que conecta Salvaterra e Monção. É un dos cinco pasos internacionais sobre o Miño, pero hai, e haberá, máis pontes que cruzan fronteiras en Galicia. Repasamos unha ducia.
-
01
Tomiño-Vila Nova de Cerveira
Aínda está en fase de proxecto, pero subindo Miño arriba desde a súa desembocadura a primeira ponte que atoparemos dentro duns anos será unha peonil que conectará Tomiño e Vila Nova de Cerveira.
-
02
Tomiño-Vila Nova de Cerveira
A segunda ponte Miño arriba, a Ponte da Amizade, entre Goián, en Tomiño, e Vila Nova de Cerveira, foi aberta en 2004 e ten un carril en cada sentido.
-
03
Tui-Valença
A terceira ponte do Miño, a que dá continuidade á A-55 Vigo-Tui cara á A3 Valença-Porto, abriuse en 1993 e é o principal paso fronteirizo con Portugal de toda a Península, con 15.000 vehículos diarios
-
04
Tui-Valença
A vella ponte metálica entre Tui e Valença, a primeira levantada sobre o río Miño, abriuse en 1886 e segue sendo o único paso fronteirizo para trens entre Galicia e Portugal.
-
05
Salvaterra do Miño-Monção
Aberta en 1995, a ponte entre Salvaterra e Monção vai ser agora ampliada e reforzada.
-
06
As Neves-Monção
Ao igual que coa ponte peonil entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira, tamén está en proxecto outro paso similar entre As Neves e Monção que o convertería na sétima ponte internacional sobre o Miño en orde cronolóxica.
-
07
Arbo-Melgaço
A ponte entre Arbo e Melgaço é a última das cinco existentes actualmente entre Galicia e Portugal ascendendo polo Miño e foi aberta en 1998.
-
08
Ribadeo-Castropol
No outro extremo de Galicia, a ponte de Todos os Santos, entre Ribadeo e Asturias, foi aberta en 1987 e en 2008 ampliada para acoller os catro carrís da A-8.
-
09
Ribadeo-Castropol
Antes de que se abrise a de Todos os Santos xa se fixera outra ponte entre Ribadeo e Castropol, a do Feve, que comezou a funcionar en 1968.
-
10
A Fonsagrada-Ibias
Esta ponte colgante peonil entre o concello galego da Fonsagrada e o asturiano de Ibias, sobre o río Navia, é o único acceso que ten o núcleo de Riodeporcos, en Asturias.
-
11
Verín-Chaves
Tamén na coñecida como raia seca, a fronteira terrestre entre Galicia e Portugal, hai pontes, como esta da autovía A-75 que, á altura de Feces de Abaixo, salva o río Pequeno, que fai de fronteira entre Verín e Chaves.
-
12
A Ponte de Domingo Flórez
A fronteira actual entre Ourense e León non está exactamente na ponte, senón un quilómetro ao oeste, pero o feito de que a localidade leonesa fronteiriza leve tal nome faina merecedora de formar parte desta ducia de imaxes.