Unha ducia de praias de auga excelente malia non ter bandeira azul
As praias galegas recibiron este ano 107 bandeiras azuis, a cifra máis baixa da última década tras sucesivas renuncias de concellos. Pero que unha praia non teña bandeira azul non quere dicir que a súa auga non sexa de calidade excelente, como esta ducia de areais (algúns salvaxes e outros con servizos e accesibilidade como os que valoran as bandeiras) que contan coa máxima consideración na clasificación anual da Consellería de Sanidade, que avalía a continuidade no tempo máis alá de análises puntuais, así como na primeira análise deste 2019, realizada a finais de maio. Percorrémolas de sur a norte a partir de imaxes tiradas para o Plan de Ordenación do Litoral da Xunta.
-
01
Panxón
A praia de Panxón, que xunto coa de Lourido conforma a coñecida como Praia América, non terá bandeira azul porque o Concello de Nigrán non a pediu, pero segue a manter todos os seus servizos e a calidade da súa auga é excelente para a Consellería de Sanidade.
-
02
Patos
Outra das praias de Nigrán que non terá bandeira azul malia manter os seus servizos e a calidade das augas é a de Patos, concorrida todo o ano por surfistas.
-
03
Carracido
As bandeiras azuis chegaron na ría de Vigo mesmo a dúas praias das illas Cíes, Rodas e Figueiras, o que non quere dicir que outras como a de Carracido ou da Nosa Señora sexan peores.
-
04
Area da Cruz
Máis ao norte das Cíes e da ría de Vigo, a medio camiño entre a de Pontevedra e a de Arousa, o Grove tampouco conta con bandeira azul na praia de Area da Cruz, en San Vicente, a medio camiño entre praia urbana e natural.
-
05
Mexilloeira
Tamén no Grove, pero mirando cara ao norte, xa na ría de Arousa, a praia de Mexilloeira tampouco ten bandeira azul pero a súa auga é excelente para Sanidade.
-
06
Xastelas
Na Illa de Arousa a praia de Xastelas, no seu extremo sur, tamén con calidade excelente, é á vez facilmente accesible pero mantén a súa contorna natural.
-
07
Corrubedo
Seguindo cara ao norte e saltando ao Barbanza a praia de Corrubedo non só ten a calidade da súa auga senón tamén o atractivo da súa duna.
-
08
Vilar
Tamén en Ribeira está a praia do Vilar, con amplo espazo para aparcar pero o suficientemente distanciado como para que o areal siga a manter a súa naturalidade.
-
09
Furnas
Algo máis ao norte na mesma península do Barbanza está a praia das Furnas, en Porto do Son, que como o resto das do concello tampouco ten bandeira azul.
-
10
Area Longa
Tamén en Porto do Son está a algo máis difícil de acceder praia de Area Longa, pero o seu veciño castro de Baroña engádelle atractivo.
-
11
Ancoradoiro
Ao outro lado da ría de Muros e Noia, na primeira localidade, está a praia do Ancoradoiro, sen bandeira azul pero con algúns servizos no seu extremo sur.
-
12
Traba
En Laxe a praia de Traba é outro exemplo de praia sen bandeira azul, con relativamente boa accesibilidade pero sen perder a súa naturalidade e coa auga excelente. Por suposto, hai máis praias excelentes sen bandeira azul máis ao norte, pero isto era só unha ducia.