Ana G. Liste

Unha ducia de propostas para achegarse á Culturgal en Pontevedra

A feira das industrias culturais, a Culturgal, volve facerse co Pazo da Cultura de Pontevedra esta fin de semana para achegar ao público unha mostra das moitas manifestacións culturais que se están a desenvolver no país. Despois dunha edición case sen público a causa da pandemia, son moitas as propostas da feira neste 2021, con máis de cen actividades e 120 stands. Suxerimos unha ducia, mais toda a programación pode consultarse aquí

  1. 01

    Matrias Illadas

    Matrias Illadas é un proxecto artístico multidisciplinar artellado por Neves Seara, artista plástica e performer, xunto a Tamara Andrés, poeta, tradutora e investigadora ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo que se presenta o domingo ás 16.30h no Espazo Foro.  

  2. 02

    Que hostia din os rumorosos?

    Manuel Romón, Antón Reixa e Alberto Avendaño, ou o que é o mesmo, Rompente, falan do seu regreso co libro Que hostia din os rumorosos? da man da editorial Elvira co seu editor, Xabier Romero. Na conversa tamén participan os artistas Menchu Lamas e Antón Patiño. Será o sábado ás 18.30h no Espazo Foro. [Imaxe © Punto GA Comunicación / Agostiño Iglesias] 

  3. 03

    Rodolfo e Priscila, editora indecisa

    Berta Dávila e Carlos Meixide presentan o selo independente Rodolfo e Priscila, editora indecisa o sábado ás 12.15h no Espazo Libro da feira, onde estarán acompañados por Daniel Salgado, tradutor dun dos primeiros libros que publican: A poesía como arte insurxente do poeta Lawrence Ferlinghetti. A editora conta co seu propio stand na Culturgal. 

  4. 04

    Café Derby 21 ao vivo con Berto

    O sábado ás 13h na sala de exposicións da feira, no primeiro andar do recinto, as compañeiras do podcast da revista VINTE Café Derby 21 conversarán en directo co músico Berto, do grupo Verto, que presentará o seu primeiro disco en solitario: "Unha metáfora sobre o illamento que sufres tendo un trastorno mental".

  5. 05

    Ciencia á feira co CSIC

    O rato Pérez estará na Culturgal coa Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, que participa na VIII Campaña de Recolla de Dentes do rato Pérez, para entregar o maior número de dentes ao Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH) para as súas investigacións. Ademais, a Misión Biolóxica de Galicia prepara dous obradoiros na feira. Todo a partir das 11.30h do sábado no Espazo Infantil.

  6. 06

    'Malencolía', de Alfonso Zarauza

    O último filme do director Alfonso Zarauza, Malencolía, proxectarase o venres ás 19h no Cinema da Culturgal. A película, rodada entre O Carballiño e O Irixio, conta cos actores Melania Cruz, Xulio Abonjo, Iolanda Muíños, Ledicia Sola, Marta Lado e Tito Asorey, que participarán no coloquio posterior xunto ao director e a Alberte Branco, director de fotografía.

  7. 07

    As mil vidas da colección infantil de Cuarto de Inverno

    A editora Cuarto de Inverno celebra unha serie de conversas arredor da súa colección infantil o domingo ás 17.45h no Espazo Libro con Arancha Nogueira, Lorena Conde, Antonio García Teijeiro e Emma Pedreira, coa presentación de Tamara Andrés. 

  8. 08

    Novos proxectos de Praza.gal e Vinte

    No espazo da Fundación Praza Pública (stand 1) vaise presentar o proxecto Vinte Preguntas de VINTE  e haberá tempo para debullarmos os contidos dos programas Retrocorenta e Conexión.gal, que son producións de Praza.gal e VINTE. Será contra as 18h do sábado.

  9. 09

    Conversas da Editorial Xerais

    O xornalista Ramón Rozas conversará con tres autores que teñen novidades na Editorial Xerais: Manuel Rivas, que presenta o libro A nena lectora, Ledicia Costas, que acaba de publicar a novela Golpes de luz e Diego Ameixeiras, que publicou O cervo e a sombra. Será o sábado ás 20h no Espazo Libro. 

  10. 10

    Novos videoxogos

    O Espazo Foro acolle o sábado a partir das 16.30h unha conversa acerca do Potencial galego nos videoxogos e o seu impulso a través do Hub audiovisual da Xunta con Jacobo Sutil, director da Agadic, e Xosé Manuel Rey e Luz Castro, secretario e tesoureira da asociación Videoxogo.gal. Tamén estarán presentes varias desenvolvedoras de produtos de gaming, como Aruma Studio, co proxecto Intruder in Antiquonia, de Silvia Izquierdo e Rubén López; Wood Games, co proxecto RAI, de Pedro Vilas González; e ViJuDa, co proxecto Super Woden GP, de Víctor Justo da Cruz.

  11. 11

    A normalidade do non-común

    Nee Barros conversa arredor da súa peza teatral Identidade. A normalidade do non-común (Editorial Galaxia) coa xornalista Teresa Cuíñas. A continuación, o director da editora, Francisco Castro, conversa con Cándido Pazó sobre Os fillos do sol e o editor Carlos Lema debate con Xosé Monteagudo e Alberto Lema. Todo o domingo, no Espazo Libro, a partir das 20h.

  12. 12

    Xela Arias. Poeta nas marxes

    Beatriz Pereira, directora de Xela Arias. Poeta nas marxes, e Daniel Chapela, coguionista e coprodutor da peza, participan o domingo, ás 17.30h no Cinema do Culturgal, da proxección deste filme que remataron antes de que se coñecera que o Día das Letras deste ano sería para Xela Arias. Nun percorrido de media hora, contan coas testemuñas de Marga do Val, Xosé María Álvarez Cáccamo, María Xesús Nogueira, Manuel Bragado, Susana Trigo e Humberto Heredia (do grupo Desertores).