Unha ducia de razóns para achegarte ao San Froilán de Lugo
Hai 265 anos que o comezo do outono en Lugo é sinónimo das feiras e festas do San Froilán. Da feira inicial ás festas contemporáneas, as patronais lucenses seguen a ser punto de encontro da veciñanza da cidade e das festeiras e festeiros que ano a ano se achegan a compartilas. O polbo, as barracas ou a xolda en prazas e rúas son unha constante á que cada ano se engade un programa festivo que neste 2019 trae consigo máis de 200 actividades. Velaquí unhas cantas razóns para achegarse a comprobalo.
-
01
O ambiente nas rúas e prazas
Un intanxible alén do programa de cada ano é o ambiente que se respira en Lugo durante as festas do San Froilán. Especialmente no centro da cidade durante os días grandes: música, polbo e encontros de amizades e veciñanza, da compaña habitual das rúas dos viños e entre quen non se vía dende hai un ano. Non é doado de explicar, pero algo diso ficou captado neste vídeo.
-
02
Sés e Familia Caamagno
Hai moitos anos que en Lugo dicir 4 de outubro é dicir primeiro día do San Froilán. Este ano chega con ritmos potentes dende pouco despois do pregón. Comezan Xosé Lois Romero e Aliboria (21:00, Santa María), continúa Sés (22:00 Horta do Seminario) e culminan os Familia Caamagno (23:00, Santa María)
-
03
A Duendeneta
Hai sete anos houbo quen se achegou por unha praza a ver que era aquilo de levar unha discoteca móbil ao San Froilán. Pero era moito máis ca iso. Da Duendeneta saen ritmos que fan bailar a varias xeracións á vez e, segundo o seu creador, "o idilio continúa como o primeiro día" e quedan "moitas noites memorables" nas patronais lucenses. As próximas, na noite do 4 ao 5 (00:30, Campo Castelo) e do 11 ao 12 (00:30, Praza da Soidade)
-
04
Verbena galega de antes
No San Froilán, un pé sempre se lle botou. Para demostralo, nada mellor que unha verbena das de toda a vida. Unha verbena de antes. Como a que van montar os Airiños da Freba e os Danzantes do xeito no templete da Praza Maior dende as 18:45 do 5 de outubro, día de San Froilán. Moito mellor achegarse coas mellores galas dos anos 40 e 50 -do século pasado-.
-
05
La Habitación Roja e Berta Franklin
Os valencianos La Habitación Roja chegan a Lugo co seu último traballo, Memoria, no día de San Froilán (22:00, Horta do Seminario). Antes (21:00) pasarán polo escenario os lucenses Berta Franklin, que ademais de boa música traen consigo un hipnótico videoclip.
-
06
Def con Dos
No primeiro dos días grandes do San Froilán, o sábado 5, confluirán a música coa reivindicación da liberdade de expresión. Será man dos Def con Dos (23:00, Santa María). Lembran cando enchían de distorsión as merendas do Xabarín, na TVG?
-
07
O Domingo das Mozas
O primeiro domingo despois do Día de San Froilán -desta volta, xusto ao día seguinte- é o Domingo das Mozas. Esta emblemática xornada pon o foco na música tradicional coa XXI Mostra de Música Tradicional (de 11:30 a 14:00 e de 17:30 a 18:30, casco histórico) e coa mostra e exhibición de traxes galegos (11:30, dende a Casa do Concello). Este ano a música porana grupos como Maraghotas (18:30, Santa María), Lagharteiras (19:30, Santa María) ou Tanxugueiras (21:00, Santa María). Contra o remate da xornada (22:00), Dulce Pontes estará na Horta do Seminario.
-
08
A familia Pelúdez
O escritor Xosé Trapero Pardo deu vida durante décadas nas páxinas do xornal local El Progreso a Pelúdez, o personaxe que creara Antonio de Cora como arquetipo do paisano festeiro que se achega a Lugo dende o rural da provincia para celebrar o San Froilán. As historias do San Froilán narradas por Trapero a través de Pelúdez convertérono en todo un símbolo das festas e da propia cidade. Ademais, a súa familia medrou con Filomena, a súa dona, ou Peludeciño, un pequeno que xa vai ben medrado. Este ano, ademais, os Pelúdez son os encargados de pregoar o San Froilán e, se buscan un pouco, atoparanos polas rúas de Lugo varios días das festas.
-
09
As barracas
No programa e mesmo nas luces que o anuncian leva moitos anos sendo "recinto feiral". Pero para a veciñanza lucense son e serán "as barracas". Os carruseis, as tómbolas, os postos de artesanía ou as churrarías fan do parque Rosalía de Castro e a súa contorna un dos epicentros da festa. Ademais, entre o parque e as súas costas está outro dos lugares de, case, peregrinación durante todo o mes de outubro en Lugo: as casetas do polbo.
-
10
San Froilán Miúdo
Moi preto das barracas, no patio do antigo seminario menor, está o lugar para a rapazada da casa durante todas festas do San Froilán. O San Froilán Miúdo volve traer un programa amplo para nenas e nenos con teatro, baile, xogos de mesa, moita música, teatro e moitos obradoiros (algún deles, mesmo para bebés!). Ademais, este ano incorpora o sábado 5 un obradoiro de graffiti (Fonte dos Ranchos, de 11:00 a 13:00).
-
11
Volta ao medievo
No derradeiro día das festas, o sábado 12, o San Froilán volve ao medievo dende as 11 no adro da Catedral. Antigo alumnado da escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón é o encargado da feira medieval, que ademais desta volta inclúe o encontro Os cegos no camiño primitivo, con artistas como Luís Caruncho e Chus Iglesias ou o grupo de zanfonas da Tradescola.
-
12
O polbo
O protagonista que nunca falta á cita. Nas casetas do parque ou en calquera dos restaurantes, tabernas (e locais efémeros) que durante todo o mes de outubro renden culto ao cefalópodo -verba de uso común neste tempo por Lugo- na honra de San Froilán.