Marcos Pérez Pena

Unha ducia de recunchos da comarca da Ulloa

Nas últimas semanas está a falarse moito da comarca da Ulloa, formada por Palas de Rei, Antas de Ulla e Monterroso, a raíz do proxecto industrial da compañía portuguesa Altri en Palas, que está a recibir fortes críticas das forzas da oposición, grupos ecoloxistas e entidades veciñais como Plataforma por unha Ulloa Viva. A Ulloa posúe grandes atractivos naturais e patrimoniais que a converten nun destino perfecto para unha escapada de fin de semana ou unha excursión para descubrir algún destes recantos.

  1. 01

    Centro Xeográfico de Galicia

    A comarca da Ulloa é o corazón de Galicia. Podemos dicilo como metáfora, pero tamén como unha evidencia matemática, pois en Antas de Ulla atópase o centro xeográfico do país, segundo foi finalmente ratificado en 2019 polo Instituto Xeográfico Nacional (IGN), dependente do Ministerio de Fomento. Aquel informe, que fixou o punto exacto nas coordenadas 42º45'25,15" Norte e 7º54'38,99" Oeste, no lugar de Nugallás, parroquia de San Fiz de Amarante, puxo fin ao histórico debate sobre se o centro se situaba en Agolada, en Lalín ou Chantada

    Nese lugar, ademais, a Deputación de Lugo está a preparar o Parque Central de Galicia, un espazo verde e público, de 45.000 metros cadrados, que se sitúa nas antigas terras de Dona Margarita, unha mestra de Antas de Ulla

  2. 02

    Igrexa de Vilar de Donas, en Palas de Rei

    A Ulloa presume dunha fértil naturaleza e tamén dun interesante patrimonio natural, como por exemplo da Igrexa de Vilar de Donas, en Palas de Rei, declarada Monumento Histórico Artístico xa no ano 1931. Esta igrexa románica, de comezos do século XIII, formou parte inicialmente dun mosteiro. Conta con interesantes pinturas murais e co único baldaquino exento das igrexas galegas

  3. 03

    Camiño de Santiago, en Palas de Rei

    E, por suposto, non se pode falar da Ulloa sen mencionar o Camiño de Santiago, pois pola comarca pasan tanto o Camiño Francés -que atravesa Ligonde (Monterroso) e Palas de Rei- coma o Camiño Primitivo -que cruza Augas Santas (Palas)- a Compostela.

  4. 04

    Castelo de Pambre, en Palas de Rei

    Tamén en Palas de Rei atopamos o Castelo de Pambre, do século XIV, unha das mellores mostras da arquitectura medieval militar de Galicia e das poucas que quedaron en pé tras a revolta irmandiña.

  5. 05

    Torrentes de Mácara

    Diciamos que a Ulloa era terra de ríos e os Torrentes de Mácara son seguramente o mellor expoñente: un fermosísimo espazo de pozas e vexetación de ribeira no río Ulla, en Palas, moi preto do seu nacemento na Chousa da Poteira, nos montes de Olveda (Antas de Ulla), antes de recibir as augas do río Pambre.

  6. 06

    Área recreativa da Peneda

    Un pouco máis abaixo o Ulla é xa un río máis maduro e ancho, do que se pode gozar na Área recreativa da Peneda, en Monterroso, un fermoso espazo de carballeira con piscinas artificiais e merendeiro con antigos muíños que hai moitas décadas se converteu na primeira praia fluvial do río Ulla

  7. 07

    Petróglifos en San Fiz de Amarante

    Antas de Ulla conta tamén con petróglifos de interese na parroquia de San Fiz de Amarante, situados na aba do Monte Farelo, con algúns deseños típicos neste tipo de creacións, como espirais.

  8. 08

    Castelo de Amarante

    A fortaleza ou castelo de Amarante, en Antas de Ulla, foi fundada pola familia Noguerol, condes de Amarante, no século XIII sobre un antiguo castro. Do antigo castelo consérvase unha grande estrutura de planta oval, que puido ser unha torre ou un reduto central.

  9. 09

    Serra do Careón

    A Serra do Careón, parte da dorsal galega, limita as comarcas de Terra de Melide e a Ulloa e, de paso, as provincias da Coruña e Lugo. Ten o seu teito nos 798 metros do Monte Careón e nela nacen os ríos Narla e Ferreira, afluentes do Miño, e os ríos Pambre, Seco e Furelos, afluentes do Ulla.

  10. 10

    Torre e pazo de San Miguel das Penas, en Monterroso

    A torre de San Miguel das Penas, en Monterroso, foi realizada no século XVI, e dous séculos despois foille anexado o pazo barroco, que inclúe os escudos das familias de Taboada e Ribadeneira.

  11. 11

    Ponte Ferreira

    O Río Ferreira nace na Serra do Careón, en Palas de Rei, para pasar despois por Guntín (na imaxe) e tras 38 quilómetros unirse ao Miño entre Guntín e Portomarín. Preto do seu nacemento, aínda en Palas, está Ponte Ferreira, unha lugar de gran beleza, poli que pasa o Camiño Primitivo e que conserva unha ponte medieval con orixe romana.

  12. 12

    Feira de Santos de Monterroso

    E, para rematar, non se pode falar da Ulloa, sen mencionar a Feira de Santos de Monterroso, a "feira das feiras" que todos os primeiros de novembro reúne milleiros de persoas chegadas das comarcas veciñas (e de máis aló), un encontro comercial e social con 800 anos de historia, pois Algunhas fontes sitúan a súa orixe no ano 1450, pero outras atopan o seu inicio dous séculos antes, no 1219.