Praza Pública

Unha ducia de triunfos nos María Casares

Eroski Paraíso (Chévere) con catro premios, entre eles os de mellor espectáculo e mellor dirección, e O tolleito de Inishmaan (Contraproducións e Fiot Carballo) con cinco galardóns, comezando polo de mellor adaptación/tradución e tres premios actorais, foron as grandes triunfadoras dos Premios de Teatro María Casares. A gran noite da escena galega celebrouse no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, ante máis de 500 espectadores e espectadoras, nunha gala retransmitida en streaming pola web da CRTVG na que Eduardo Alonso recibiu o Premio de Honra Marisa Soto e Imma António leu o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.

  1. 01

    'Eroski Paraíso'

    Eroski Paraíso (Chévere), con catro premios, foi unha das grandes triunfadoras dos Premios de Teatro María Casares. A obra galardoada co premio ao mellor espectáculo é, como di a compañía, "un proxecto escénico construído sobre a promesa dun paraíso social feita por un Estado de Benestar que agora se desmorona". "O paraíso prometido era en realidade un gran hipermercado", di. 

  2. 02

    'Danza da choiva'

    Que aconteceria se de súpeto deixáse de chover? Non durante un mes, un verán ou un ano, senón para sempre? Esta é a pregunta que coloca a Danza da choiva, un espectáculo sen palabras onde conviven o teatro xestual, a danza, a manipulación de obxectos e os monicreques", así define a compañía Elefante Elegante a obra que se fixo co galardón ao mellor espectáculo infantil. 

  3. 03

    'Raclette'

    Santiago Cortegoso é autor, director e actor. En 2010 promove xunto a Marián Bañobre o seu propio selo de produción, Ibuprofeno Teatro, para "emprender proxectos teatrais dun xeito persoal e independente". A súa obra Raclette foi galardoada co premio ao mellor texto orixinal. "Esta raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, dúas tramas que aparentemente non teñen relación, pero que se entrelazan para rematar contando unha historia terrible que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza, a culpa e a violencia", resume a compañía. 

  4. 04

    Terbutalina

    O tema deste grupo de garage punk galego para Eroski Paraíso levou o premio á mellor música orixinal.  

  5. 05

    Xesús Ron

    Xesús Ron, director artístico de Chévere, levou o premio á mellor dirección nos María Casares por Eroski Paraíso. Un novo galardón para un dos principais responsables dunha compañía que acumula galardóns nos últimos anos. 

  6. 06

    Santi Romay

    O malpicán Santiago Romay recibiuu o premio ao mellor actor protagonista polo seu papel n'O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo. Foi un dos cinco galardóns que levou esta obra. 

  7. 07

    Patricia de Lorenzo

    O premio de mellor actriz protagonista recaeu en Patricia de Lorenzo por Eroski Paraíso, de Chévere compañía que integra desde o ano 1994. 

  8. 08

    Evaristo Calvo

    Director e actor de teatro, televisión e cine. Mítica parella de Víctor Mosqueira no dúo cómico Mofa e Befa, volveu recibir un galardón, desta vez como mellor actor secundario polo seu papel n'O tolleito de Inishmaan.

  9. 09

    María Roja

    María Roja, tamén pol'O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo, levou o premio á mellor actriz secundaria. 

  10. 10

    'O tolleito de Inishmaan'

    "Podería ser unha aldea galega pero é unha pequena illa irlandesa. Anos 30. Personaxes curiosos, pintorescos, característicos... Seres máis ou menos adorables, máis ou menos odiosos que, nun mundo física e humanamente isolado, viven as súas vidas cativas como poden e como saben". O tolleiro de Inishmaan, dirixida por Cándido Pazó, foi unha das grandes triunfadoras dos María Casares, con cinco galardóns, entre eles o de mellor adaptación/tradución, o de iluminación e tres premios actorais.

  11. 11

    'Voaxa e Carmín'

    A obra de Esther Carrodeguas, de ButacaZero e Eme2, leva á escena teatral a lembranza das irmás Fandiño, interpretadas por Mabel Rivera e Belén Constenla. Obtivo dous premios no María Casares: o de maquillaxe e o de vestiario. 

  12. 12

    'Foucellas'

    Foucellas, de Talía Teatro, levou da man de Dani Trillo o premio á escenografía. A obra dirixida por Cándido Pazó transcorre arredor "dun maquis, un guerrilleiro, un resistente. Un dos últimos homes do monte. Dos que a xente podía chamar, xenericamente, un foucellas. Mesmo podería ser o Foucellas. Ou non. Ou si. Quen sabe!"