A AP-9 perdeu 1.000 vehículos diarios no verán mentres teimaba en provocar atascos

Atasco na peaxe da AP-9 en Teo ante un sinal de "pago fácil" CC-BY-SA Praza Pública

A AP-9 perde tráfico sistematicamente dende o ano 2007, cando transitaban por ela, de media, máis de 27.000 vehículos ao día. Esa caída implicou tamén unha rebaixa nos seus ingresos, aínda que non directamente proporcional, toda vez que Autopistas del Atlántico, Concesionaria Española, S.A., veu subindo sistematicamente as súas tarifas co visto e prace do Ministerio de Fomento. Paralelamente, a empresa reduciu o seu cadro de persoal a niveis de hai 20 anos malia recadar un 170% máis que daquela. Esa redución ten moito que ver coa extensión das cabinas de cobramento automático, as mesmas que favorecen quilométricos atascos como os do pasado verán, cando Audasa recibiu uns 1.000 vehículos diarios menos que no mesmo período de 2013.

O agregado dos datos de intensidade media diaria de tráfico na AP-9 durante os meses de xullo, agosto e setembro deste 2014 indica que transitaron pola principal vía de comunicación terrestre do país algo máis de 22.100 vehículos cada xornada. No mesmo treito temporal do 2013 esta cifra superaba os 23.700 automóbiles. Mentres que o mes de xullo foi un chisco mellor que o do ano pasado -pasaron pola autoestrada uns 100 vehículos máis ao día- as grandes perdas producíronse en agosto e setembro, cando a rebaixa de tráfico superou os 2.000 vehículos diarios.

A AP-9 perdeu un 10% de tráfico en agosto e un 11% en setembro

Esta fuga de usuarias e usuarios na época do ano na que, tradicionalmente, a autoestrada é máis utilizada, pon fin á lixeirísima recuperación do verán do 2013, cando a AP-9 remontou o seu tráfico en agosto e setembro un 0,96% e un 0,16% interanual tras perder un 5,59% en xullo. Pola contra, en 2014, en xullo transitaron un 0,24% máis de vehículos diarios que no mesmo mes do ano anterior, pero en agosto o desplome foi de case o 10% e en setembro xa superou o 11%. Deste xeito, Audasa regresa á tendencia á baixa de 2011 e 2012.

Isto sucede nun contexto no que a chegada do outono meteu nunha gabeta as protestas gobernamentais do verán, cando a Xunta reprendeu a Audasa pola súa negativa a abrir as barreiras cando provoca atascos e, polo tanto, cobra por un servizo que non ofrece. Como en anos anteriores, as chamadas de atención do Executivo galego non deron ningún resultado e algo semellante aconteceu co expediente aberto polo Ministerio de Fomento a causa das "demoras excesivas" nas cabinas de peaxe.

As chamadas de atención da Xunta e o expediente de Fomento non deron ningún resultado

Neste contexto, o propio departamento que dirixe Ana Pastor péchalle a porta a unha das reivindicacións históricas da oposición galega que a propia Xunta di tamén asumir: a transferencia da autoestrada á comunidade autónoma. Menos disposición aínda é a que ten o Goberno de España a rescatar a concesión da AP-9, prorrogada primeiro polo Goberno de Felipe González e despois, polo de Aznar. Desta maneira, todo semella indicar que Galicia seguirá sendo refén de Audasa, cando menos, ata o 18 de agosto do ano 2048.

Atasco na peaxe da AP-9 en Teo ante un sinal de "pago fácil" CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.