O executivo comunitario xustifica a axuda polo tamaño da factoría pechada “nun territorio no que o 93 % das empresas teñen cinco ou menos empregados”
A Comisión Europea propuxo este xoves unha axuda de 1,2 millóns de euros para apoiar a 303 traballadores despedidos pola quebra de Alu Ibérica na Coruña. O financiamento, que aínda debe ser aprobado polo Consello -os Estados- e o Parlamento Europeo, “axudaraos a atopar novos postos de traballo con medidas de orientación e asesoramento personalizadas, formación profesional e adecuación entre a oferta e a demanda de emprego”.
Segundo a Comisión, España solicitou financiamento do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización para os Traballadores Desprazados (FEAG) para axudar aos traballadores afectados pola quebra de Alu Ibérica. A nota da Comisión di que a empresa, que quedou coa factoría coruñesa que era de Alcoa, “producía aluminio primario a partir de mineral extraído” e que “debido ao aumento dos prezos da enerxía e as materias primas, a empresa tivo que pechar”. Nada di da investigación xudicial polo baleirado da compañía.
A axuda aos traballadores despedidos financiada pola UE incluirá “servizos de asesoramento, asistencia na procura de emprego e adecuación entre a oferta e a demanda de emprego, así como unha mellora das capacidades e unha reciclaxe profesional adaptados”. Os traballadores tamén recibirán “formación nas competencias clave e os coñecementos que necesitan para atopar un novo emprego, incluídas capacidades informáticas básicas, operacións e loxística de almacéns e novas técnicas de soldadura, así como axudas para obter o recoñecemento formal das súas capacidades e da súa experiencia laboral e de aprendizaxe previa”.
Ademais, os participantes poden beneficiarse dun incentivo de 200 euros ao mes, durante seis meses, se se reincorporan rapidamente ao mercado laboral. Tamén haberá “contribución aos gastos de desprazamento e os gastos de coidadores de persoas dependentes, de modo que as persoas con responsabilidades asistenciais poidan participar nas medidas”.
A medida aínda debe ser aprobada polo Consello e o Parlamento Europeo, e contempla a achega doutros 225.000 euros por parte da Xunta
O custo total estimado pola Comisión Europea destas medidas ascende a 1,5 millóns de euros, dos cales o FEAG cubrirá o 85 % (1,2 millóns de euros) e a Xunta o restante 15% (225.000 euros).
A Comisión Europea xustifica a medida polo impacto que o peche de Alu Ibérica supuxo para A Coruña e Galicia en xeral “debido ao seu tamaño (máis de 250 empregados e un volume de negocios superior a 130 millóns de euros), nun territorio no que o 93 % das empresas teñen cinco ou menos empregados”. “A taxa de desemprego en Galicia situouse no 10,6 % no cuarto trimestre de 2022, é dicir, 4,5 puntos porcentuais por encima da media da UE (6,1 %) no mesmo período. En xaneiro de 2023, a taxa de desemprego na Coruña era do 13,1 %”, xustifica a Comisión.
A Comisión tamén engade que “os despedimentos en Alu Ibérica teñen un impacto particular nos traballadores de 45 anos ou máis, cuxas posibilidades de atopar traballo tenden a ser escasas no mercado laboral local. Tendo tamén en conta a situación económica afectada polo contexto xeopolítico actual, os antigos traballadores de Alu Ibérica necesitarán un apoio adicional e específico para aumentar as súas posibilidades de atopar novos empregos”.