A contratación temporal pola Semana Santa contribúe a baixar o paro en 4.615 persoas

Instalacións dunha oficina de emprego CC-BY-SA Praza Pública

A Semana Santa e as contratacións temporais no sector servizos volven dar un respiro ao desemprego nun modelo laboral que non muda. O paro rexistrado en Galicia baixou no pasado mes de abril en 4.615 persoas, o que supón un descenso do 2,7% respecto ao mes anterior, até deixar o número total de persoas desempregadas e apuntadas ás antigas oficinas do INEM en 166.226. Son 16.065 menos que hai un ano.

A Semana Santa contribúe á baixada do paro, que se centra especialmente no sector servizos, cunha caída de 3.991 persoas fronte á de 42 na agricultura ou a menor de 300 na industria e na construción

A celebración da Semana Santa en abril contribuíu a esta baixada do paro que as cifras deixan clara: o desemprego caeu en todas as provincias galegas e en todos os sectores, pero mentres na agricultura o descenso foi de apenas 42 persoas e na construción e na industria non superou as 300, no sector servizos a baixada foi de case 4.000 (3.991)

Os contratos temporais e precarios na hostalería e o turismo volven ser a clave dun bo dato que volverá empeorar algo axiña e que mellorará coa chegada do verán para volver caer no outono. Un mercado laboral cíclico, nada sustentable e sen empregos asentados. 

De feito, en abril asináronse 83.967 contratos que valeron para a creación de 6.186 empregos, que son o número de persoas cotizantes na Seguridade Social que se incrementaron no pasado mes, quedando a cifra total en 1.010.592. 

O número de persoas cotizantes á Seguridade Social aumentou en 6.186 no mes de abril

En relación co mes anterior, aumentou máis a contratación temporal que a indefinida: 8.314 contratos temporais máis (+12,16%) fronte a tan só 118 contratos indefinidos máis (+1,64%). En termos anuais, aumentou a contratación temporal en detrimento da indefinida: 3.042 contratos temporais máis fronte a 919 indefinidos menos. 

Ademais, en marzo había en Galicia 89.879 persoas que percibían prestacións por desemprego, só o 45% delas contributivas. Xa que logo, 40.274 persoas percibían unha prestación contributiva (o 44,8%), 42.266 un subsidio por desemprego (o 47% do total das prestacións), 7.332 a renda activa de inserción (o 8,2% do total) e, as restantes, sete correspondían ao programa de activación de emprego.

Das 156.374 persoas paradas con experiencia laboral que había no mes de marzo, só o 57,5% estaban percibindo unha prestación por desemprego. Máis de 66.000 persoas paradas con experiencia laboral carecen de cobertura por desemprego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.