A folga nas escolas infantís e residencias de maiores da Xunta completa a súa primeira fase e reiniciarase en outubro

Concentración convocada pola Sección Sindical da CNT no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar © CNT

A folga está convocada en catro períodos, entre os meses de setembro e decembro: do 5 ao 16 de setembro, do 3 ao 14 de outubro, do 2 ao 11 de novembro e do 12 ao 23 de decembro

O pasado luns 5 de xaneiro comezou unha folga das traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar que afecta ás escolas infantís da rede Galiña azul, centros de día, residencias e demais servizos dependentes do Consorcio. O paro está apoiado en exclusiva pola CNT, que denuncia que "a rotunda negativa de negociar co comité de folga" durante os últimos dous meses obrigou a parte do persoal a inicial a folga, que se complementa coa convocatoria de concentracións de protesta ante os centros afectados. 

A folga está convocada en catro períodos, entre os meses de setembro e decembro: do 5 ao 16 de setembro, do 3 ao 14 de outubro, do 2 ao 11 de novembro e do 12 ao 23 de decembro. As traballadoras que levan a cabo a folga critican "un desmantelamento encuberto" a través dun proceso selectivo que "non busca a estabilización do persoal e desmantelará os equipos de traballo" e no que -denuncian- se prima escasamente a experiencia no posto de traballo.

Protesta ante unha das escolas infantís da rede Galiña Azul © CNT

Nestes 11 días o persoal en folga levou a súa protesta a distintos actos públicos, por exemplo a apertura do curso universitario, onde quixeron trasladar as súas reivindicacións ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda

Este venres rematou, polo tanto, a primeira fase do paro, que continuará a partir do vindeiro 3 de outubro. Nestes 11 días o persoal en folga levou a súa protesta a distintos actos públicos, por exemplo a apertura do curso universitario, no Pazo de Fonseca (Compostela), onde quixeron trasladar as súas reivindicacións ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "que non quixo achegarse a falar coas traballadoras, que se mantiveron na porta tratando de achegar ás súas demandas a un presidente distante", sinala a CNT. 

Así mesmo, rexistráronse algúns incidentes nas propias escolas infantís e centros de día, que nalgúns casos non puideron abrir as súas portas no horario habitual, ao atopar bloqueadas as portas. O Comité de Folga vén denunciando dende hai semanas os servizos mínimos fixados polo Goberno galego, que cualifican de "abusivos" e que, sinalan, nalgúns casos se sitúan no 90%.

Rexistráronse algúns incidentes nos propios centros, que nalgúns casos non puideron abrir as súas portas no horario habitual, ao atopar bloqueadas as portas

"Esiximos un proceso diferenciado do da Xunta de Galicia por ser o Consorcio un ente non integrado, e con particularidades, que de non telas en conta, suporían unha grave discriminación", sinalan. Neste senso, explican que "durante máis de 10 anos as nosas nóminas foron entre un 30% e un 40% máis baixas que as do persoal da Xunta; non tiñamos acceso a formación; o Consorcio empezou a funcionar hai 15 anos, e pretenden que o cómputo máximo para a experiencia no posto sexa de 25 anos". 

Protesta ante unha das escolas infantís da rede Galiña Azul © CNT

"Levamos 5, 10 e ata 15 anos en fraude de lei por abuso da temporalidade, e agora, a Administración quere que demostremos a nosa capacidade para facer o que levamos tantos anos facendo con contratos en fraude de lei", din. "Agora queren que compitamos nun mesmo proceso no que estariamos claramente en desigualdade de condicións", conclúen, propoñendo que o concurso de méritos "valore un 90% a experiencia no posto de traballo e un 10% a formación". Doutro xeito, conclúen, o resultado será "un ERE encuberto de mulleres que culminará co desmantelamento dos equipos de traballo".

As traballadoras que levan a cabo a folga critican "un desmantelamento encuberto" a través dun proceso selectivo que "non busca a estabilización do persoal e desmantelará os equipos de traballo" e no que -denuncian- se prima escasamente a experiencia no posto de traballo. Remitiron escritos ao presidente e á conselleira reclamando negociación

No Consorcio Galego de Igualdade e Benestar (Galiñas Azuis, centros de día, residencias, vivendas 
comunitarias, oficinas de I+B, centros Quérote+ e Servizos Centrais) traballan ao redor de 1500 persoas, a maioría mulleres e nunha gran maioría con contratos non estables.

A CNT remitiu senllos escritos ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda e mais á conselleira de Política Social, Fabiola García, reclamando que o Goberno galego negocie co comité de folga para poder rematar coas protestas. "Tras máis dunha semana perseguindo aos cargos públicos para que alguén as escoite ninguén quere facerse responsable, sentirse invisible é a peor das leñas para un lume que non queren apagar", sinala o sindicato

As portas de varias das escolas infantís e centros de día apareceron bloqueadas © CNT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.