O persoal concentrouse este venres ante a sede da Xunta, á que reclama implicación no conflito coa empresa, SYC, do grupo Applus+, adxudicataria pública en réxime de monopolio desde hai catro décadas
A folga que o persoal das estacións de ITV de toda Galicia viña mantendo todos os sábados desde comezos de agosto pasará a ser indefinida a partir do luns 16 de setembro se a empresa, Supervisión y Control (SYC), concesionaria da Xunta en réxime de monopolio, non avanza nas negociacións para mellorar as condicións laborais.
Os paros, que ata agora se limitaban aos sábados e que se ampliaron tamén a este venres día 6, xa viñan dificultando a obtención de citas para pasar as inspeccións periódicas de vehículos e ameazan con empeorar aínda máis a situación. Este venres xa era imposible conseguir cita na inmensa maioría das 26 estacións repartidas por toda Galicia ata o luns 23 de setembro, dentro de 17 días.
O persoal das ITV, representado polos catro principais sindicatos, CIG, CCOO, UGT e CSIF, concentrouse este venres ante a sede central da Xunta en San Caetano para pedir a implicación no conflito laboral do Goberno galego. Lembran así que SYC, do grupo Applus+, desfruta dunha concesión en exclusiva da Xunta outorgada a finais da década dos anos 80 do século pasado e que lle foi prorrogada hai dous anos ata 2027.
Os sindicatos critican a postura "inmobilista" da empresa e salientan que o Goberno galego ten a obriga de mediar xa que "é o responsable último do servizo de inspección". O que reclaman é que a empresa mellore os salarios eliminando diferenzas entre empregados de ata 500 euros ao mes e que se reduza a xornada laboral, actualmente de seis días á semana.
Os sindicatos lembran que o Goberno galego "é o responsable último do servizo de inspección" e advirten de que os condutores poden ser multados se circulan sen a ITV en vigor
O portavoz de CSIF nestas mobilizacións, Carlos Candanedo, advertiu da "gran afectación" que a folga terá entre a cidadanía, á que pide "comprensión e empatía, pois se non se chega a un acordo o conflito irá para largo". Sobre a posibilidade de que os condutores poidan ser multados se seguen circulando coa ITV vencida, o representante sindical lembrou que non hai escusa para circular sen a revisión pasada e admitiu que a posibilidade de sanción existe.
Pola súa banda, desde a CIG o presidente do comité de empresa na provincia de Pontevedra, Rodrigo González Fragueiro, denuncia que a Xunta oculta os pregos de condicións da concesión a SYC, outorgada hai catro décadas. Unas condicións fixadas pola administración á empresa que para eles son fundamentais para saber se é unha esixencia da Xunta que o servizo se preste tamén os sábados.
A ITV dos vehículos foi privatizada pola Xunta hai catro décadas en réxime de concesión exclusiva, o que impide que, ante unha folga como a actual nunha empresa, a cidadanía poida acudir a outra firma igualmente autorizada. SYC, a empresa adxudicataria, era propiedade ata 2017 dun grupo controlado polos empresarios Amador de Castro e Epifanio Campo. Hai sete anos foi adquirida por Applus+, pero o monopolio continuou.
Un monopolio que segundo un estudo de hai un par de anos de Facua-Consumidores en Acción só se rexistra no resto do Estado en Asturias e Cantabria. E con matices, xa que en Asturias o monopolio está en mans dunha empresa pública e en Cantabria aínda que a maioría das estacións están controladas por unha empresa privada, tamén hai unha xestionada polo propio goberno autonómico. No resto de comunidades as opcións para pasar a ITV son maiores.
En 2022 a Xunta publicitou que rebaixaría as taxas da ITV un 1,5%, pero ocultou que o faría prorrogando a concesión en réxime de monopolio ata 2027
Pero ademais do monopolio, Facua tamén salientou no caso de Galicia o prezo elevado das inspeccións, por riba da media estatal. Un prezo que a Xunta publicitou en 2022 que pretendía moderar aquel ano nun 1,5%.Nada dixo naquela nota de prensa de como ía conseguir esa rebaixa, ocultando así que o lograría cunha prórroga da concesión, que ía rematar a finais de 2023 pero que foi ampliada ata 2027.