A Garda Civil escoltou a saída das furgonetas de Amazon ante a folga no almacén do Porriño

Folga no almacén de Amazon no Porriño © CIG

A folga convocada este martes no centro loxístico de Amazon no Porriño tivo un seguimento do 100% segundo a CIG

A folga convocada este martes no centro loxístico de Amazon no Porriño tivo un seguimento do 100% segundo a CIG, con maioría no comité de empresa. Porén, aínda que o persoal tentou impedir a saída das furgonetas da multinacional, a Garda Civil interveu para escoltar os vehículos de reparto.

En todo caso, o seguimento masivo da folga no almacén (onde traballan arredor de 70 persoas das máis de 90 que Amazon ten contratadas nestas instalacións) afectou notablemente á saída dos paquetes e o sindicato nacionalista calcula que a metade dos envíos quedarán sen repartir antes de Noiteboa. Ademais, di a CIG, "a paquetería que si saíu fíxoo con moito atraso con respecto a unha xornada ordinaria".

Aínda que o persoal tentou impedir a saída das furgonetas da multinacional, a Garda Civil interveu para escoltar os vehículos de reparto

Ademais, a compañía só foi quen de dar saída a parte dos paquetes almacenados no centro loxístico, uns 17.000, grazas á contratación de persoal a través de empresas de traballo temporal.

Con esta primeira xornada de folga, convocada no día previo a Noiteboa para "chamar a atención sobre as condicións nas que as persoas traballadoras teñen que desenvolver o seu labor", a CIG denuncia a precariedade na contratación, a sobrecarga laboral e ter que traballar en domingos sen remuneración. Os traballadores protestan, ademais, contra o abuso da contratación a tempo parcial e fixa descontinua" e "incumprimentos en materia de prevención de riscos".

Ademais, a compañía só foi quen de dar saída a parte dos paquetes almacenados no centro loxístico, uns 17.000, grazas á contratación de persoal a través de empresas de traballo temporal

“Moito traballar para case non cobrar”, “estamos fartas de ser explotadas”, “non somos robots somos traballadores” ou “traballo precario, beneficio millonario” foron algunhas das consignas máis berradas polas traballadoras e os traballadores da plataforma loxística durante esta xornada de folga. 

O sindicato denuncia que a falta de persoal suficiente e os elevados ritmos que teñen que soportar as traballadoras e traballadores para poder sacar adiante a carga laboral "ten consecuencias directas sobre a súa saúde". Critica, así mesmo que, "malia que o comité leva meses tentando que a dirección tome medidas ao respecto, a única resposta foi o silencio". 

A CIG denuncia a precariedade na contratación, a sobrecarga laboral e ter que traballar en domingos sen remuneración

Á sobrecarga de traballo, explica Carlos Lamosa, responsable de Transporte da FGAMT-CIG de Vigo, súmase a precariedade na contratación (case todos os contratos son a tempo parcial ou fixos-descontinuos), incumprimentos en materia de prevención de riscos ou o feito de ter que traballar en domingos sen remuneración nin compensación de ningún tipo.

O sindicato denuncia que a falta de persoal suficiente e os elevados ritmos que teñen que soportar as traballadoras e traballadores para poder sacar adiante a carga laboral "ten consecuencias directas sobre a súa saúde"

Co agravante, engade, de que esta precariedade acontece nunha empresa que ano a ano obter beneficios milmillonarios e na que o seu propietario, Jeff Bezos, é un dos homes máis ricos do mundo. “Amazon é un exemplo de precariedade laboral e explotación”, denunciou. Outro dos berros máis escoitados na concentración deste martes foi "Bezos covarde, a xente está que arde!".

A finais do mes de xaneiro, explica a CIG, está fixada unha reunión coa dirección da empresa e en función do que aconteza nese encontro non se descarta a convocatoria de novas mobilizacións e folgas porque “o persoal non vai renunciar aos dereitos que en xustiza lles pertencen e continuará loitando até que se atendan as súas lexítimas demandas”, sinala o sindicato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.