A CIG, con maioría absoluta no comité de empresa do centro loxístico porriñés da Granxa, denuncia "ritmos de traballo e sobrecarga excesiva por falta de persoal" a "abuso da contratación parcial, fixa descontinua" e a través de ETT
"Un modelo de negocio ligado a condicións de traballo indignas". É o resumo que o comité de empresa do centro loxístico de Amazon no Porriño, con maioría absoluta da CIG, fai da situación que leva a representación do persoal a convocar unha xornada de folga nas instalacións nun dos momentos clave do ano para a multinacional da venda a través de internet, as vésperas do Nadal.
O vindeiro mércores, 23 de decembro, as 95 persoas que traballan no centro de Amazon no polígono porriñés da Granxa están chamadas a parar "para reclamar melloras laborais e rexeitar a sobrecarga que padecen". Tamén, agregan, para "denunciar o abuso da contratación a tempo parcial e fixa descontinua" e "incumprimentos en materia de prevención de riscos".
Paran no día previo a Noiteboa, subliñan, para "chamar a atención sobre as condicións nas que as persoas traballadoras teñen que desenvolver o seu labor", por iso a folga laboral irá acompañada dunha concentración ante as instalacións ás 10 da mañá. Queren denunciar "ritmos de traballo e sobrecarga excesiva por falta de persoal" que "provoca problemas de saúde" mentres a compañía multinacional "incumpre en materia de seguridade e saúde".
As reivindicacións, subliñan, diríxense a unha multinacional con "beneficios millonarios" obtidos, coidan, mediante "a perversa lóxica de que canto máis roubo, máis gaño"
"A maioría dos contratos son a tempo parcial e fixos descontinuos", censura a central sindical nacionalista, que "reclama a súa transformación en contratos a tempo completo". Asemade, a folga pretende "denunciar o abuso da contratación a través de empresas de traballo temporal" e "o traballo en domingos sen remuneración".
Todas estas, manteñen, son reclamacións que a representación do persoal "puxo en coñecemento da dirección, que leva meses sen atender as nosas demandas nin achegar solucións". Pero son "xustas reivindicacións" polas que van "loitar até acadalas" nunha compañía que "obtén, ano tras ano, beneficios millonarios" mediante a "perversa lóxica de que canto máis roubo, máis gaño".