A Asociación Galega de Industriais Pirotécnicos ameaza con "emprender accións legais" contra quen "cancele contratos en vigor" coas súas empresas, mais tamén contar quen "alente e invite publicamente a non contratar pirotecnia" baseándose no que consideran "motivos ideolóxicos"
Nos últimos días o Concello de Padrón confirmou a súa intención de non empregar pirotecnia nos eventos festivos que dependan del durante o período de maior risco de incendios forestais, que formalmente comeza o 1 de xullo e remata o 30 de setembro, e animou as comisións de festas a facer o propio. Recentemente, o Concello de Vilagarcía puxo en marcha unha comisión -por unanimidade, a proposta de EU- para estudar a redución da pirotecnia apuntando ao impacto na poboación máis vulnerable -persoas con trastornos do espectro autista ou maiores, entre outros-, nos animais e no ambiente.
Estas decisións, na liña das adoptadas previamente por outras comisións e concellos e paralelas á paulatina chegada dos espectáculos visuais no ceo sen pólvora -mediante drons-, vén de suscitar unha dura redacción por parte da Asociación Galega de Industriais Pirotécnicos (AGIP). A patronal pirotécnica di ser vítima dun "ataque" a un "sector histórico e piar da cultura galega" polo que considera "populismo estético, barato e carente de fundamento que obedece a presións políticas de colectivos ecoloxistas e animalistas, utilizando a pirotecnica como unha falta cortina de fume".
Entre ameazas de "emprender accións legais" e "esixir compensacións económicas subsidiarias por danos patrimoniais" contra "todos que cancelen de forma unilateral contratos en vigor", pero tamén contar quen "alente e invite publicamente a non contratar pirotecnia baseándose en motivos ideolóxicos, populistas, discriminatorios", consideran "dunha hipocrisía intolerable" prescindir dos seus servizos. Porque as bombas de palenque ou fogos de artificio, manteñen, "non xeran risco real".
AGIP alude a que "non consta nin un só grande incendio provocado por pirotecnia profesional" e que "cando ocorre algún incidente, na práctica totalidade non superan a barreira dunha hectárea"
Basea AGIP a súa protesta en que "o repaso das estatísticas oficiais da Consellería do Medio Rural e as memorias da Fiscalía de Medio Ambiente" constata que "non consta nin un só grande incendio provocado por pirotecnia profesional" e que "cando ocorre algún incidente, na práctica totalidade dos casos trátase de conatos que non superan a barreira dunha hectárea". Ademais, alegan, na vaga de incendios do pasado 2025 "entre o setenta e o oitenta por cento foron intencionados e criminais" e non tiveron a pirotecnia como orixe.
A normativa contra incendios en vigor establece que cando o índice de risco diario de incendio forestal (IRDI) está en nivel alto ou extremo está prohibida "a introdución e uso de material pirotécnico en zonas agrícolas, forestais e de influencia forestal" . A patronal do sector alega que "os traballos da propia administración ou as neglixencias agrícolas provocan o triplo de incendios".
Rexeitalos polo ruído, "un insulto á intelixencia"
As empresas suxiren que as "persoas con hipersensibilidade ou donos de mascotas" opten por "evitar o lugar concreto durante o breve intervalo" dos foguetes para "así non ter calquera tipo de molestia"
Alén do lume, AGIP tamén carga contra quen decida non contratalos polo "argumento do ruído e as molestias a persoas sensibles ou animais". Supón, acusan, "un insulto á intelixencia e un dobre raseiro intolerable". Afírmano, xustifican, porque "un espectáculo pirotécnico profesional ten unha duración escasa, de non máis de dez ou quince minutos, e celébrase nun día, hora e lugar perfectamente acoutados e informados con semanas de antelación", pollo que "persoas con hipersensibilidade ou donos de mascotas" poden "planificar o seu tempo, evitar o lugar concreto durante ese breve intervalo e así non ter calquera tipo de molestia".
Mentres, acusan, "eses mesmos concellos que prohiben os foguetes, manteñen verbenas populares, concertos e atraccións de feira que emiten elevadísimos niveis de ruído durante cinco ou seis horas seguidas, principalmente en horario nocturno e de madrugada, e ao longo de varios días consecutivos". Sucede, conclúen, "sen que ningún alcalde se preocupe polo benestar dos veciños sensibles ou dos animais".