A xustiza europea abre a porta a que os tribunais españois recoñezan o carácter abusivo do índice hipotecario IRPH

Os afectados polo IRPH levaron a súa loita ata o Tribunal de Xustiza da UE © IRPH Stop G

A solución para os e as afectadas polo índice hipotecario IRPH está un pouco máis preto. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) deulles a razón este martes na súa demanda contra o carácter "abusivo" do índice, aplicado pola banca española ata o ano 2013. Preto dun millón de persoas en todo o Estado Español (unhas 30.000 en Galicia) víronse prexudicadas por un índice que incrementou os xuros entre 100 e 300 euros ao mes.

A sentenza dá a razón aos prexudicados polo IRPH, pero traslada a decisión final aos tribunais españois, que deberán decidir caso por caso

A sentenza segue as indicacións ditadas hai seis meses polo avogado xeral da UE, Maciej Szpunar, pero traslada a decisión final aos tribunais españois, que deberán decidir caso por caso. O xuíz ou xuíza deberá valorar se se explicaron suficientemente os elementos que determinan a contía da cota a pagar. O ditame do TXUE subliña que o índice debe ser non só "comprensible nun plano formal e gramatical", senón tamén permitir que un consumidor "medio, normalmente informado e razoablemente atento e perspicaz" poida comprendelo e "valorar así, baseándose en criterios precisos e comprensibles, as consecuencias económicas, potencialmente significativas, das cláusulas para as súas obrigas financeiras".

A sentenza deixa en mans da xustiza española a consideración do índice como "abusivo" en cada caso. De decidilo, o índice IRPH deberá ser substituído por outro índice "legal aplicable" e a sentenza indica que o xulgado deberá velar por que a supresión desta cláusula non teña "consecuencias especialmente prexudiciais" para o consumidor.

O avogado José María Erausquin © José María Erausquin

José María Erausquin declarou a súa satisfacción pola sentenza, pero indicou que agora haberá que agardar á "interpretación" que o Tribunal Supremo faga da mesma

José María Erausquin, avogado da plataforma IRPH Stop Gipuzkoa, declarou a súa satisfacción pola sentenza, pero indicou que agora haberá que agardar á "interpretación" que o Tribunal Supremo faga da mesma, xa que os tribunais españois non adoitan aplicar directamente a xurisprudencia europea, como deberían. Neste caso, teme que o Supremo recomende a substitución do IRPH por un índice cun tipo de xuro equivalente, para non prexudicar aos bancos españois.

A banca, de feito, reaccionou á sentenza con grandes subas na Bolsa, pois interpreta que o feito de que cada situación se teña que determinar de forma individual fortalece a súa posición ante os seus clientes, polo que as cantidades que terán que devolver serán inferiores.

Que é o IRPH? 

O IRPH é un índice de referencia para os préstamos hipotecarios que se utilizou en España ata 2013. Consistía, en liñas xerais, nunha media dos tipos de xuro que se aplicaban en España e que publicaba o Banco de España. Nun comezo, cun euribor que non deixaba de subir, presentouse como unha alternativa menos volátil e exposta a rápidas subas. Con todo, o índice de referencia comunitario empezou a caer (agora está en negativo) e o IRPH quedou como a alternativa cara.

"Vendéronme o IRPH como algo máis estable e, en xeral, máis favorable que o Euribor", explicaba hai catro anos o ferrolán Marcos Guerreiro

O gran problema, ao igual que noutros produtos ofrecidos polas entidades, foi a falta de información e a confianza que os clientes tiñan no seu banco e nos seus profesionais. "Simplemente che poñen diante uns papeis e case non che explican nada. Eu non sabía o que era o IRPH, nin sequera sabía o que era o Euribor. O único que tiña claro era que non quería poñer un aval. Vendéronme o IRPH como algo máis estable e, en xeral, máis favorable que o Euribor", explicaba hai catro anos o ferrolán Marcos Guerreiro en conversa con Praza.gal.

"Calquera persoa que lle expliquen como funciona o IRPH vaino rexeitar, o problema foi que a ninguén lle dixeron estas cousas", dicía José María Erausquin en conversa con Praza.gal hai uns meses. Porén, as entidades bancarias contaron sempre co apoio do Goberno español, que nas observacións escritas que presentou ante o TXUE, sinalaba hai uns meses que "non tiña sentido" achegar información sobre a transparencia do IRPH porque a cidadanía "non ía entendela" e que a banca aplicou este índice "de boa fe".

Mobilización nos xulgados de Ferrol, antes da vista previa do caso de Marcos Guerreiro © PAH Ferrol e Comarca

"Calquera persoa que lle expliquen como funciona o IRPH vaino rexeitar, o problema foi que a ninguén lle dixeron estas cousas", dicía José María Erausquin en conversa con Praza.gal

Calcúlase que hai ao redor dun millón de hipotecas en España con este índice que levarían anos pagando de máis. Segundo unha estimación da plataforma Asufin, un cliente cunha hipoteca de 200.000 euros aboaría de media 165 euros máis ao mes desde 2004 por contar co IRPH en lugar do euribor. Na organización de consumidores Adicae estímase que son uns 20.000 euros pagos de máis de media nunha hipoteca. Os datos actuais mostran a gran diferenza. O euribor en xaneiro estaba no -0,253% máis o diferencial que aplique o banco, mentres que o IRPH atópase no 1,825%, segundo o dato de xaneiro recollido polo Banco de España.

A banca española ten ao redor de 17.000 millóns de euros en hipotecas referenciadas co índice IRPH. CaixaBank é a empresa máis exposta, ao recoñecer 6.400 millóns de euros en hipotecas ligadas a este tipo de xuro. Séguenlle Banco Santander, con 4.300 millóns, BBVA, con 3.100 millóns, e Bankia, con 1.600 millóns. Kutxabank conta con 727 millóns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.