En Galicia hai unhas 1.600 cooperativas de diversos sectores. Case un 40% delas, algo máis de 600, están na provincia da Coruña. O peso do cooperativismo na provincia coruñesa e o fito de superaren a cifra de 600 está por tras da campaña lanzada por EspazoCoop, a Unión de Cooperativas de Galicia, para popularizar este modelo de economía social.
En colaboración coa Deputación da Coruña, EspazoCoop dedicará este mes de decembro a "transmitir os valores cooperativos" e "amosar a importancia das cooperativas na actividade económica" dende eidos tan diversos como a produción agrogandeira, a tecnoloxía ou os coidados persoais. Trátase, resaltan, tanto de "fomentar o cooperativismo entre as persoas que aínda non forman parte del" como "aumentar o sentimento de pertenza entre as entidades da economía social".
Coida a Unión de Cooperativas que este modelo "pode ser un exemplo para unha sociedade máis xusta". Nas cooperativas, explican, "as persoas socias e traballadoras desenvolven o seu labor en condicións máis humanas e satisfactorias que en empresas mercantís ao uso" e ademais fomentan "o emprego de calidade". "Ao seren elas mesmas as que toman as decisións sobre a empresa, priman os dereitos laborais e a estabilidade sobre o beneficio".
EspazoCoop dedica este decembro de 2022 a divulgar os valores do cooperativismo dende a provincia da Coruña, onde se atopan catro de cada dez cooperativas galegas, a maioría impulsadas por mulleres
O peso dos concellos rurais entre as cooperativas, a súa natureza como vía para o crecemento de "sectores emerxentes", a súa "resiliencia" ante adversidades como ap andemia da COVID ou o "valor estratéxico" da igualdade entre mulleres e homes son outros dos eixos da campaña. Non en van, destacan, mentres que na media galega arredor do 40% das socias fundadoras das cooperativas son mulleres, na provincia da Coruña a proporción elévase ao 55%.
O lanzamento desta iniciativa prodúcese no remate do ano en que Santiago foi designada Capital da Economía Social, destacan. Por iso, a súa intención é "amosar o apoio e recoñecemento público" a modelos como as cooperativas como referencia do "traballo de calidade, o respecto medioambiental e a intercooperación".