Endesa teno claro. A central das Pontes non volverá queimar carbón e non volverá ser o que era, se é que é algo. Malia que aínda non presentou a solicitude ao Goberno central para a autorización do feche, desde que o faga pasará ano ou ano e medio ata que a a actividade sexa clausurada, non antes de 2021. Será o tempo no que o persoal --propio, das auxiliares ou dependente--, administracións e cidadanía pelexen por unha alternativa que evite outro duro golpe á industria e ao norte galego.
Endesa promete recolocar os 160 traballadores da central pero nada garante sobre os empregos indirectos e di apostar pola produción de enerxías limpas
Endesa promete recolocar os 160 traballadores da instalación pontesa, pero non pode garantir nada para transportistas ou os centos de empregos que dependen agora dela. Asegura que ten un proxecto para reconverter a localidade nun polo de produción de enerxías limpas ou biocombustibles e evitar así o golpe que todos temen. Mentres, alcaldes da zona fan fronte común, os sindicatos impulsan grandes mobilizacións e os camioneiros recrúan as protestas.
No PPdeG, a táctica, polo momento, semella outra. Malia o inevitable peche, acelerado agora, os populares seguen a falar de 2045 como hipotética data final e a culpar o PSOE de “querer clausurar a central e asinar o certificado de defunción” das comarcas do norte da provincia da Coruña. Varios cargos públicos da zona reuníronse este domingo xunto ao secretario xeral, Miguel Tellado, ante a central para criticar o Goberno central e pedir a dimisión da ministra para a Transición Ecolóxica nun acto propio de precampaña.
Pola súa banda, Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, acusa a Feijóo de "manterse como espectador" e non asumir "responsabilidades" no que ten que ver coa decisión de Endesa sobre a central.
O PP segue a culpar o PSOE de "querer clausurar a central e asinar o certificado de defunción da comarca" e usando o anuncio de Endesa en precampaña
O outono prevese quente e as reunións sucédense desde que o pasado venres Endesa anunciase o peche. Precisamente Teresa Ribera, ministra para a Transición Ecolóxica en funcións, convocou xa para o vindeiro mércores unha cos representantes sindicais e das administracións locais. Antes, o martes, unha caravana de máis de 300 camións dedicados ao transporte de carbón desprazaranse á Coruña noutra xornada de protesta. Ao tempo, os transportistas manteñen os peches nos Concellos de Vilalba, As Pontes e Ferrol.
Non será a única nas vindeiras semanas. Colectivos sociais, traballadores, sindicatos, partidos e asociacións empresariais xa pensan nunha posible folga xeral nas Pontes o vindeiro 16 de outubro en protesta polo peche da central e a falta de alternativas. Así o anunciou o goberno local logo do encontro do grupo de crise conformado na localidade. Ao paro uniríase unha caravana de vehículos ata Madrid.
As Pontes "urxe endurecer as mobilizacións" e planea unha folga xeral o 16 de outubro. No vindeiro martes, unha caravana de camións chegará á Coruña
Só importantes avances na negociación que os vindeiros días se dará entre administracións locais, Estado e Endesa podería frear esta folga xeral. “Urxe endurecer as mobilizacións e facelas máis contundentes”, asegurou a concelleiro de Industria das Pontes, Ana Pena. “A posibilidade de peche sempre estivo enriba da mesa, pero non desta forma. Non o esperabamos”, engadiu entre críticas á empresa por non ter avisado do anuncio que fixo á CNMV.