As Pontes parou para reclamar "un futuro con emprego" na vila e na comarca. Gran parte dos traballadores e negocios secundaron a folga xeral parcial —de 11 a 15 horas— convocada pola CIG e apoiada polo Concello para denunciar a "grave situación laboral, social e económica polo desmantelamento industrial" e para reclamar "medidas que garantan unha transición xusta" logo da fin definitiva da central térmica de carbón de Endesa o pasado mes de outubro.
Arredor de 2.000 persoas participaron na manifestación que saíu ao mediodía da Praza do Carme, no marco da folga xeral e que tivo, segundo a CIG, un seguimento "masivo en todas as empresas, sectores e administracións, cun especial impacto no comercio e na hostalería local que pecharon na práctica totalidade".
Unhas 2.000 persoas saíron á rúa para reclamar unha "transición xusta" nunha folga xeral parcial de "amplo seguimento" segundo a CIG
"Queremos traballar e non emigrar" ou "Goberno, escoita, As Pontes está en loita" foron algunha das consignas dunha marcha que advertiu de que "non hai futuro sen industria". Todo no contexto dun paro que foi convocado pola CIG, pero non polo resto de sindicatos, e apoiado polo Concello a través dunha moción que contou cos votos a favor de BNG e PP (que suman seis concelleiros) e a abstención do PSdeG, que ostenta a maioría con sete.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciou que “As Pontes é a zona cero” da crise industrial en Galicia. “Levamos anos denunciando que non estamos ante unha transición, senón ante unha reconversión clásica que deixa detrás un estrago importante non só na actividade ligada á produción de enerxía, senón tamén naquelas empresas que no seu día foron representativas dos plans de reindustrialización, como Einsa”, dixo tras valorar a "enorme resposta" do pobo da Pontes.
O persoal auxiliar da central térmica encargarase do pre-desmantelamento e evitará a destrución inmediata duns 80 empregos
A folga chegou tan só unhas horas despois de que a Mesa polo Impulso da Actividade Económica das Pontes chegase a un preacordo para manter o emprego do persoal das empresas auxiliares da térmica durante os labores de pre-desmantelamento das instalacións que se levarán a cabo desde este próximo mes de decembro e que se prolongará catro meses.
Nun encontro, a Mesa —na que participan Xunta, Concello, Estado (a través do Instituto par a Transición Xusta), Endesa, sindicatos e asociacións empresarias— acordou aceptar a nova proposta da eléctrica, condicionada a que a compañía que resulte adxudicataria destes traballos de pre-desmantelamento garanta a contratación do persoal das actuais auxiliares, permitindo así manter o emprego duns 80 operarios que traballan aínda na planta pero cuxos contratos finalizaban o vindeiro día 30.
Para o voceiro da CIG nas Pontes, Alberte Amado, este pre-acordo para a industria auxiliar de Endesa supón un avance pero advertiu de que aínda “falta concreción e non deixa de ser un parche temporal até o mes de marzo”. Así, pediu que as garantías de emprego se prolonguen no tempo e lembrou que aínda está pendente manter reunión co nova contratista que vai coller os traballos de predesmantelamento.
O pre-acordo supón unha esperanza para, por exemplo, os traballadores de Maessa, empresa de mantemento e servizos industriais, que só horas antes levaran a cabo protestas ante o inminente despedimento de todo o seu persoal na zona, cerca de 40 persoas.
Acadouse así avanzar nun dos obxectivos que reivindicaba unha folga que ía moito máis aló. Así, a CIG reclama que se manteñan os 1.400 MW de evacuación da central térmica no nó de transición xusta das Pontes e a consecuente poxa ligada a proxectos industriais., nunha demanda que apoiou por unanimidade o Parlamento este pasado mércores. Xa que logo, manter dispoñíbeis os grupos 1 e 2 das instalacións acolléndose aos posíbeis pagos por capacidade acordados na UE ata que se concreten alternativas reais de emprego.
A CIG reclama un "plan industrial de choque" e que se manteñan os 1.400 MW de evacuación da central térmica
O sindicato nacionalista tamén pide garantías por parte do Goberno de España e de Red Eléctrica da capacidade de subministro eléctrico para os proxectos industriais anunciados na localidade, e de todas as administracións reclama o compromiso para "dotar ás Pontes de xeito urxente de solo industrial" que posibilite o asentamento de novos proxectos.
Ademais, solicita a creación dun "plan industrial de choque" financiado por Xunta e Estado, na que participen os sindicatos e que "dea garantías de reindustralización" na viila. Ante iso, a CIG reclama que "todos os ERE presentados neste momento na localidade (e os que podan aparecer no futuro máis inmediato) sexan paralizados até que se atopen alternativas de recolocación na propia localidade.
Entre os empregos ameazados destacan outros que non teñen vinculación coa térmica, como os 155 da empresa de artes gráficas Einsa Print, pendentes dun ERE de despedimento e que é outro dos conflitos que a CIG sinala como símbolo do "desmantelamento" industrial que se estaría levando a cabo na comarca do Eume.
Pontón denuncia a "fraude" na transición enerxética
Na manifestación celebrada nas Pontes estivo presente a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que reclamou "que haxa realmente unha transición enerxética xusta e alternativas económicas para unha vila que se está a xogar o seu futuro". Ademais, cualificou de "fraude" a situación actual ao advertir que "o Goberno central e o galego non actúan para defender esta transición xusta" e criticar a "falta de vontade política para que o peche da central signifique que hai unha alternativa de futuro".
"O único que temos son promesas incumpridas e moitos anuncios que non se están materializando en compromisos concretos", dixo Pontón, que insistiu en que non se pode "permitir unha fraude" porque se "está a xogar co futuro e o pan da xente". Ademais, lembrou que catro anos despois do anuncio do peche da central térmica, As Pontes "segue sen un plan de industrialización".
Pontón criticou o Estado pero tamén á Xunta, e lembro que o Goberno do PP non inclúe "nin unha soa partida dos Orzamentos 2024 destinada a unha transición xusta na localidade nin a proxectos industriais de futuro". Alén disto, a portavoz nacional do BNG insistiu en reclamar a adxudicación de todos os MW que van quedar liberados co peche da térmica de Endesa.