Cada galego ou galega consumiu o pasado 2025 arredor de 597,7 quilos de alimentos e bebidas na súa casa, o que supón un lixeiro descenso (-0,2%) con respecto ao ano anterior (599,1 kg) pero mantén Galicia por riba da media do Estado, que se sitúa sobre os 577, e como a sexta comunidade autónoma con maior consumo, só por tras das Balears e as Canarias, Navarra, Catalunya e Castilla y León.
O consumo por persoa en Galicia baixou un chisco o pasado ano pero o gasto no supermercado marcou récord, con máis de 1.970 euros
O gasto per cápita na compra de alimentos e bebidas, pola contra, non para de aumentar no país polo incremento dos prezos, marcando en 2025 un récord con 1.970,2 euros per cápita, case un 5% máis que no ano anterior, cando a cifra quedara en pouco máis dos 1.881. Está, tamén, por riba da media estatal, que queda en 1.875, e só por baixo de Navarra, Catalunya, Euskadi, Balears e Asturias.
Os datos son algúns dos máis relevantes do Informe de Consumo Alimentario presentado este pasado xoves polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que destaca o aumento no consumo alimentario en España por primeira vez en cinco anos, a maior frecuencia de compras con menor volume ou a constatación dunha "tendencia cara a unha alimentación máis saudable".
O informe, ademais, ofrece datos e comparativas por comunidades autónomas que permiten debullar o consumo de comida nos diferentes territorios, con evidentes diferenzas entre eles. Tamén en Galicia, onde destaca unha alimentación con carne, peixe, patacas e pan abondos pero poucas hortalizas, legumes, arroz ou ovos se confrontamos os datos cos doutras zonas.
Galicia sitúase entre as comunidades que máis tenreira, porco, peixe ou patacas consome e entre as de menor consumo de hortalizas, legumes ou arroz
Así, Galicia sitúase entre as comunidades que máis carne fresca de vacún e porco consome. No primeiro caso, só Euskadi supera os datos galegos, cunha inxestión de 5,62 quilos por persoa e ano, por riba da media estatal de 3,77, unha cifra que supera Galicia, con 5,10.
En canto á carne de porco, os 10 kg por cabeza a nivel de Estado son superados amplamente polos 12,7 de Galicia, que queda só por tras de Castilla y León, e que tamén se atopa entre as comunidades por riba da media no consumo de coello.
Nos datos sobre a carne de polo, Galicia sitúase un chisco por debaixo do consumo medio en España (12,2 kg per cápita e ano fronte aos 13,2), ao igual que no caso de ovino e caprino, con medio quilo por cabeza fronte aos 700 gramos do conxunto do Estado.
Galicia é a segunda autonomía que máis peixe fresco e marisco consome, só por tras de Euskadi
Sobre o peixe, o maior consumo en xeral dáse en Euskadi, con 23 quilos por persoa, unha cifra case idéntica á de Galicia e ambas por riba da media no Estado, que non chega aos 18. Se o restrinximos só ao pescado fresco, o País Vasco volve situarse no primeiro posto con 11,4 quilos anuais por persoa, superando por pouco aos fogares galegos, por riba de 10.
No caso do marisco, as casas en Galicia son as que máis o consomen, con 6,8 quilos de media anual por persoa fronte aos 4,7 do conxunto de España.
Ademais, Galicia tamén destaca no consumo de patacas. É a terceira comunidade con maior inxestión per cápita con máis de 29 quilos (só por tras de Iles Balears e Andalucía), pero a primeira no ránking se só temos en conta a pataca fresca, con 23,4 quilos anuais por persoa e ano fronte aos 17,6 de media estatal.
Máis aceite que en ningures
Ocorre algo semellante co aceite, xa que o país é o territorio do Estado onde máis se consome, con 14,2 litros por persoa e ano, fronte ao 10,2 do conxunto de España ou o 9,84, por exemplo, de Andalucía. Unha circunstancia que "destaca especialmente", segundo recoñece o propio informe.
Galicia tamén é relevante na cantidade de pasta que consome a súa poboación, cunha media de 4,83 kg por persoa fronte aos 4,28 de media estatal e só superada por Catalunya, cunha toma media de 5,65. E no pan está entre as oito comunidades que superan a cantidade do conxunto do Estado, rozando os 32 quilos pero persoa e ano fronte aos 27,5.
Chocolate, café, cereais, froita fresca ou leite son outros dos produtos onde Galicia destaca como unha das autonomías con maior consumo
Por outra banda, o país tamén se sitúa entre as comunidades autónomas cun maior consumo de cereais (onde é a primeira xunto ás Canarias con 1,79 quilos fronte aos 1,48 de media do Estado) ou no caso de café e infusións, onde Galicia só é superado polas illas e Asturias. No caso do chocolate e o cacao, os fogares galegos son os que fan un maior consumo, moi claramente por riba da media estatal (3,58 quilos fronte a 2,84). Tamén no caso das galletas están nos primeiros postos.
No que ten que ver coa froita fresca, Galicia destaca como unha das comunidades cun maior consumo, con dez quilos máis por persoa e ano que a media do conxunto de España (91,8 kg por persoa e ano fronte aos 81,6). En canto ao leite e derivados, é unha das autonomías por riba da media (112,2 litros fronte a 96,7), só superada por Asturias, Navarra e Castilla y León.
Na beira contraria dos datos sitúanse outros produtos nos que Galicia destaca por ser dos territorios onde menos se consomen. Así, o país é unha das comunidades que menos compra e come arroz, con 3,82 quilos anuais por persoa fronte aos 3,93 en España.
Os fogares galegos son dos que menos consomen legumes, hortalizas e arroz no Estado
Algo semellante ocorre no caso das legumes e das hortalizas. No primeiro caso, o consumo medio anual por persoal sitúase en menos de 3 quilos fronte aos case 3 e medio de media estatal; no segundo, a diferenza é aínda maior, con 45,5 quilos, tres e medio menos que en España.
Tampouco son os ovos uns dos produtos máis consumidos polas persoas en Galicia en comparación co resto do Estado, ao non superar os 9 quilos, por baixo da media estatal (9,22) e de moitos outros territorios que superan os 10.
Os pratos preparados non triunfan en Galicia: 12,6 quilos por persoa anuais fronte aos 18,2 no conxunto de España
Por último, e se hai un tipo de comida que Galicia apenas consome, esa é a preparada, que inclúe todos aqueles pratos xa listos en conserva e conxelados, ademais de sopas, cremas ou pizzas, entre outros. Mentres que o consumo per cápita destes produtos en España se sitúa en 18,15 quilos por persoa e ano, o país é con diferenza a comunidade autónoma co dato máis baixo, con 12,6, moi afastado de cifras como as de Catalunya (case 23 quilos) e outras moitas autonomías que superan a media.
Ademais, Galicia destaca tamén no consumo de produtos ecolóxicos, con case 17 quilos anuais por persoa de media fronte aos 13,3 no conxunto do Estado.