Caixa Rural Galega dispara os beneficios un 40% e bate outro récord de ganancias, crédito e persoal

Asemblea Xeral de Caixa Rural Galega, o pasado 6 de maio na sede centra da entidade, en Lugo © Caixa Rural Galega

Caixa Rural Galega, a única entidade financeira con sede no país que transitou pola crise da pasada década sen rescates, intervencións foráneas, vendas, fusións ou a desaparición mesma, bate un ano máis os seus propios récords positivos nos principais indicadores de xestión. A Asemblea Xeral da cooperativa con sede en Lugo deu a pasada fin de semana o visto e prace ás contas anuais do pasado 2022 cun crecemento das ganancias por riba do 41%, ata os 8,9 millóns de euros.

Tras as xuntas preparatorias celebradas nas semanas previas en Allariz, Meira, Vigo, A Coruña e Lugo, o presidente da Caixa Rural Galega, Manuel Varela, explicou no informe anual abordado na asemblea que as subas dos tipos de xuro dos últimos tempos son clave nesta relevante suba dos beneficios. Para a entidade lucense, "este escenario no que o prezo do diñeiro está en torno ao 3% é o escenario que poderiamos considerar normal".

Os beneficios da entidade lucense acadan os 8,9 millóns impulsados polo aumento dos tipos de xuro ata a contorna dun 3% que considera como "o escenario normal"

"O estraño foi que durante demasiados anos" o BCE mantivo os tipos en negativo, consideran, e "isto deu lugar a unha reestruturación do sistema como nunca antes", co "peche da metade das oficinas, miles de empregos que desapareceron e peor servizo ao cidadán, especialmente aos nosos maiores, máis vulnerables pola súa menor actividade dixital". Pola contra, destacan, Caixa Rural Galega mantivo neste tempo toda a súa rede e seguiu medrando aos poucos. Por iso, os actuais tipos de xuro a atinxen "de xeito favorable" e "permítenos seguir crecendo" e, ao tempo, "aumentar a solvencia bastante por riba do que esixe o regulador", ata o 15,7%. Actualmente, a rede da entidade está composta por 48 oficinas, 34 delas na provincia de Lugo, 6 na de Ourense, 5 na de Pontevedra e 3, na da Coruña.

Os depósitos da entidade medran case un 14% e superan por primeira vez os 1.700 millóns. O crédito aumenta case un 7%, ata os 800 millóns, e a morosidade continúa por baixo do 3%

O groso dos beneficios obtidos (7,61 millóns de euros) pasan directamente ao Fondo de Reserva Obrigatoria -o destinado a cubrir eventuais perdas- e algo máis de 951.000 euros financian o denominado Fondo de Educación e Promoción. Durante o pasado ano, ese fondo estivo dotado con algo máis de medio millón de euros que financiaron 93 actividades, a maioría de tipo sociocultural e socioeconómico, seguidos do deporte, a formación, o fomento do cooperativismo e a acción social.

É neste contexto no que se sitúan cifras como o crecemento do 13,62% dos depósitos da clientela, superando por primeira vez os 1.700 millóns de euros. Estes depósitos, detalla o informe, cobren todo o investimento crediticio nunha entidade con "suficiente liquidez para facer fronte a saídas de efectivo durante 30 días". Esta correlación de indicadores mídese nunha porcentaxe denominada LCR (Liquidity Coverage Ratio) que é recomendable manter por riba do 100% e que, no caso de Caixa Rural Galega, rematou 2022 no 937,69%.

O presidente da Caixa Rural Galega, Manuel Varela, intervindo na asemblea xeral da entidade o 6 de maio de 2023 en Lugo © Caixa Rural Galega

O aumento dos depósitos foi acompañado por unha suba tamén do crédito concedido, por primeira vez máis de 800 millóns tras incrementalo en 53 millóns de euros (+6,80%). Case a metade do investimento crediticio ten como destinataria a clientela particular (48,62%) seguidas de pequenas e medianas empresas e profesionais autónomos (41,3%). A maior distancia sitúase a promoción e construción inmobiliaria (5,87%), grandes empresas (2,26%) e administracións públicas (1,97%). A ratio de morosidade da entidade está no 2,82%, unha dúas décimas superior á do ano previo, un aumento que analizan como "contido, tendo en conta a desaceleración económica que experimentou o exercicio e as incertezas que achegaban a guerra de Ucraína e os prezos enerxéticos".

O cadro de persoal supera por primeira vez os 160 efectivos e as persoas socias cruzan a barreira das 20.000 tras aumentar por oitavo exercicio consecutivo

Estes resultados, ao contrario tamén da tónica xeral do sector, veñen acompañado dun novo lixeiro incremento do cadro de persoal. Por primeira vez, na Caixa Rural Galega traballan máis de 160 persoas. Son, concretamente, 161, dúas máis que ao peche de 2021. Como cada ano dende 2017, trátase dun plantel maioritariamente feminino. Todo, nun contexto no que as persoas socias medran por oitavo ano consecutivo e superan por primeira vez a barreira das 20.000.

Con todas estas cifras sobre a mesa, Caixa Rural Galega agarda un 2023 que será tamén un "bo exercicio para a entidade se a morosidade segue a comportarse razoablemente ben", malia ás incertezas globais. "Afortunadamente -considera Manuel Varela- sempre fomos capaces de responder os desafíos porque contamos con empregados moi implicados, grandes profesionais e o apoio xeneroso dos nosos socios", o cal "fai que sexa fácil superar calquera adversidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.