Construtoras e inmobiliarias lideran a lista de morosos galegos á Facenda

Billetes de diversos valores nun sobre CC-BY-SA Markus Spiske / Unsplash

A Axencia Tributaria vén de publicar a lista de debedores con Facenda. Na súa décima edición, a listaxe de morosos galegos mantense sen demasiadas mudanzas con respecto ás doutros anos. Como gran novidade aparece Editorial Compostela, con case un millón de euros de débeda nunha relación na que se fan públicos aqueles contribuíntes que deben máis de 600.000 euros

Mario Conde, nun acto electoral celebrado en Santiago © SCD

Editorial Compostela foi titular do xornal santiagués El Correo Gallego e o xulgado do mercantil número 2 da Coruña resolveu no pasado outono a súa venda ao Grupo Prensa Ibérica -editor do Faro de Vigo ou de La Opinión de A Coruña- por 1,6 millóns de euros. 

Editorial Compostela, con 1,6 millóns de euros, entra nunha listaxe que só inclúe aquelas empresas e persoas físicas que deben máis de 600.000 euros

A débeda en 2022 de Editorial Compostela coa Facenda ascendía a algo máis de 950.000 euros. Ademais, continúan na lista de morosos outras empresas galegas que acumulan tempo nela, moitas delas compañías vinculadas á construción ou ao negocio inmobiliario quebradas ou en liquidación, como Epaat SL, con case 8 millóns de débeda, Martinsa-Fadesa, con case 6, Cinur Consultores Urbanísticos e Inmobiliarios, con perto de 3,3, Construcciones Mon (3,3) ou Inalcuba, con 3,5 millóns. Entre todas, roldan os 25 millóns de débeda. 

Listado completo de grandes debedores a 30 de xullo de 2023, publicado pola Axencia Estatal Tributaria © AEAT

O ex-banqueiro Mario Conde mantense como un dos maiores debedores, con 6,3 millóns

Na listaxe xa non está Limpieza del Noroeste, de Vigo, pero si continúan outras empresas galegas como Acerías As Pontes (1,69 millóns), Carburantes Noroeste (case 3,5), Clesa (case 6,7), Gallega de Molienda de Clinker  (uns 6,3) Tamén están Compañía de Protección y Vigilancia Galaica (4,6), Confecciones Deus (3,3), Construcciones Mon SL (3,3 millones), Energal Distribucion de Biocarburantes (arredor de 6 millóns), Ferralla Lois SL (3,4) ou Freiremar.

En canto ás persoas físicas, volve destacar por riba de todos Mario Conde. O ex-banqueiro nado en Tui é un dos grandes debedores a Facenda, aínda que a cantidade descende dos 7,8 millóns de 2021 aos 6,3 millóns de 2022. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.