Sindicatos e patronal do sector do transporte de viaxeiros por estrada chegaron na mañá deste sábado a un principio de acordo que abría a porta a desconvocar a folga indefinida á que os traballadores están chamados desde este luns 8 de maio. O pacto foi, finalmente, aprobado polas asembleas de traballadores, que decidiron desconvocar o paro.
Logo do fracaso da xuntanza do pasado venres, onde as posturas pasaron a estar aínda "máis afastadas", o novo encontro coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais si frutificou.
Segundo aclaran fontes sindicais, o principio de acordo alcanzado fai referencia ao ámbito económico, ese que máis reclamaban os traballadores e traballadoras, afectados dunha perda importante de poder adquisitivo.
Así, a última proposta da patronal pasa por recuperar o poder adquisitivo xa este ano, cunha suba do 12,2%, e garantir o IPC real para o próximo ano 2024. A anterior proposta aprazaba esta recuperación de poder adquisitivo ata cinco anos, o que se unía á conxelación desde hai anos dos convenios provinciais.
CIG, CCOO e UGT levaron a proposta ás asembleas, onde os votos caeron finalmente daqueles que decidiron desconvocar o paro, aínda que en varias cidades a opción maioritaria foi a de continuar con el.
De feito, as asembleas de Pontevedra e Ourense rexeitaron o preacordo, mentres que as de Vigo, Santiago, A Coruña e Lugo aprobárono, á espera do resultado da de Ferrol. Contabilizados todos os votos, a opción de desconvocar a folga foi finalmente a maioritaria.

Malia este acordo, as negociacións seguirán abertas e non se prevén facilidades para alcanzar pactos noutros asuntos como os que afectan á seguridade e ás condicións laborais ou á organización das xornadas.