Despois dun ano de pandemia, o 57% dos fogares galegos chega a final de mes con dificultades

CC-BY Alegri

En xuño do ano 2019 a porcentaxe da poboación galega que dicía chegar a final de mes "con facilidade" ou "moita facilidade" acadou o seu máximo en máis dunha década: o 65,5%. Era o resultado de máis de cinco anos de recuperación económica, unha superado o peor momento da Gran Receción iniciada no 2008. Nese segundo trimestre do 2019, hai menos de dous anos, o 27,9% afirmaba chegar a final de mes "con dificultade" e outro 6,6% "con moita dificultade". 

A proporción de fogares que chegan a final de mes con facilidade é o máis baixo dende o ano 2015

Nos meses seguintes a situación económica comezou a dar xa mostras dun empeoramento, que no primeiro trimestre do 2020 reducira ata o 52,7% a proporción de fogares que chegaba a final de mes "con facilidade" ou "moita facilidade". 

Nese momento chegou a pandemia de Covid-19 e provocou a paralización da economía, afectando especialmente ás persoas cun emprego máis precario, con contratos temporais e no sector servizos (hostalaría, limpeza, comercio...), aquelas que ademais non se podían acoller á formula dos ERTE. Unha crise que afectou especialmente ás mulleres, devolvendo a moitas delas aos labores da casa.

En xuño do ano 2019 a porcentaxe da poboación galega que dicía chegar a final de mes "con facilidade" ou "moita facilidade" acadou o seu máximo en máis dunha década: o 65,5%

Os datos das últimas enquisas conxunturais aos fogares galegos, publicada polo IGE, amosan un claro empeoramento da situación económica de moitas familias. As cifras da última entrega deste estudo indican que máis do 57% dos fogares galegas din chegar a final de mes con dificultade (47,06%) ou con moita dificultade (10,01%). 

A proporción de fogares que chegan a final de mes con facilidade é o máis baixo dende o ano 2015. De igual xeito, os que presentan "moitas dificultades" están no seu nivel máis elevado dende comezos do ano 2017.

O 68% dos fogares unipersoais chegan a final de mes con dificultade, o mesmo que o 65% das familias monoparentais ou o 55% das parellas con fillos

Os datos publicados polo IGE amosan tamén as grandes diferenzas existentes entre a situación duns e outros tipos de familia. O 68% dos fogares unipersoais chegan a final de mes con dificultade, o mesmo que o 65% das familias monoparentais ou o 55% das parellas con fillos. En cambio, entre as parellas sen fillos o 47% presenta dificultades.

De igual xeito, entre os fogares con ingresos mensuais inferiores a mil euros, o 91,4% presentan dificultades, unha porcentaxe que é do 65,6% nos fogares que ingresan de 1.000 a 1.500 euros. En cambio, nas familias que gañan máis de dous mil euros ao mes, a porcentaxe que chega a final de mes con problemas é só do 23%.

O 41% dos fogares galegos non se permitiron ningún 'extra' nos últimos tres meses

A enquisa do IGE amosa noutros indicadores o empeoramento da situación económica despois dun ano de pandemia. O 41% dos fogares galegos non se permitiron ningún 'extra' nos últimos tres meses, unha porcentaxe que case duplica o dato do primeiro trimestre do 2020, xusto antes da chegada da Covid-19, un 23,92%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.