ENCE acompañou a solicitude de prórroga da concesión que lle permite ocupar os terreos de Lourizán dun "plan de investimentos" de 61 millóns de euros, previsto no Plan Estratéxico da sociedade, actuacións en materia de eficiencia enerxética, aforro de auga e calidade ambiental que buscan reducir o prexuízo xerado pola planta. Aínda que a resolución do Ministerio de Medio Ambiente na que concede a prórroga si destaca estas actuacións como unha das razóns nas que basea a súa decisión, ao cabo semella outorgarlles unha importancia menor, pois no caso de que ENCE finalmente non as leve a cabo (no prazo fixado de 6 meses a dous anos) a prórroga manteríase, pero reducindo a súa extensión de 60 a 50 anos.
Neste negocio a planta de Pontevedra é cada vez máis importante, despois de que o pasado ano se completase o perche a planta que ENCE tiña en Huelva
A empresa destacou este "forte compromiso de investimento" como unha mostra da súa xenerosidade coa comarca pontevedresa e da súa preocupación polo impacto da planta na contorna. 61 millóns poden parecer moitos, pero se cadra non o son tanto se atendemos ás dimensións da compañía e aos seus datos económicos. Veñen de coñecerse os resultados correspondentes ao ano 2015, no que ENCE tivo un beneficio de 49,9 millóns de euros. Isto é, o 81,8% do que prevé investir nas melloras que proxecta en Lourizán.
O pasado ano ENCE tivo uns ingresos de 664 millóns de euros, procedentes sobre todo dos procesos relacionados coa celulosa (570 millóns), grazas en boa medida ao incremento dos prezos e da demanda. Neste negocio a planta de Pontevedra é cada vez máis importante, despois de que o pasado ano se completase o perche a planta que ENCE tiña en Huelva. A empresa mantén unicamente as de Pontevedra e Navia. Aínda que a factoría asturiana produciu máis (469.112 toneladas fronte a 429.054), a planta de Lourizán experimentou un crecemento do 6% fronte a un incremento do 1% na outra instalación.
Ignacio de Colmenares, Vicepresidente e Conselleiro Delegado de ENCE, cobrou da empresa en 2015 máis dun millón de euros (1.337.000, exactamente)
ENCE vén de conovocar a súa Xunta de Accionistas que, ademais de aprobar as contas do pasado ano, servirá para refrendar o seu Consello de Administración, no que se inclúen algunhas persoas que no pasado tiveron importantes cargos públicos relacionados coa xestión do medio ambiente ou das augas, nun caso máis do que se denomina como "portas xiratorias" entre a política e as grandes empresas. Entre elas, ademais de Carlos del Álamo (ex conselleiro de Medio Ambiente da Xunta 1997-2003) e Pascual Fernández (ex Secretario de Estado de Augas e Costas no Goberno de José María Aznar), está Isabel Tocino (ex ministra de Medio Ambiente 1996-2000), que nesa Xunta de Accionistas verá renovada a súa presenza nese órgano societario.
Os membros do Consello de Administración cobran entre dous mil e catro mil euros pola asistencia a cada xuntanza
Nos documentos que ENCE debe enviar todos os anos á Comisión Nacional do Mercado de Valores pódense consultar as remuneracións que perciben os e as membros deste Consello de Administración. Ignacio de Colmenares, Vicepresidente e Conselleiro Delegado de ENCE, recibiu da empresa en 2015 máis dun millón de euros (1.337.000, exactamente). O presidente de ENCE, Juan Luis Arregui, cobrou 211 mil euros. A maior parte dos integrantes do Consello (coma os xa citados Carlos del Álamo, Pascual Fernández e Isabel Tocino) ingresaron algo menos de 100 mil euros, a metade de forma fixa e a outra metade en concepto de dietas, percibindo entre dous mil e catro mil euros pola asistencia a cada xuntanza.