O Consello de Ministros deste martes aprobará a derrogación do artigo 52.d do Estatuto dos Traballadores, que permite o despedimento por acumulación de baixas médicas xustificadas. Nos últimos meses, acolléndose a este "despedimento por enfermar" foron moitas as empresas que botaron a rúa a un gran número de empregados e empregadas. Foi, por exemplo, o caso da empresa de telemarketing EXTEL (na que traballan máis de 600 persoas na Coruña, sobre todo mulleres novas), que dende novembro despediu a catro traballadoras.
Yolanda Díaz destaca que a derrogación servirá "para que deixen de vivirse situacións degradantes" e "evitar así que un traballador poida perder o seu puesto de traballo estando nunha situación vulnerable"
A Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, destacou que a derrogación servirá "para que deixen de vivirse situacións degradantes en España e que se evite así que un traballador poida perder o seu puesto de traballo estando nunha situación vulnerable". A decisión do Goberno foi tamén celebrada polos sindicatos máis representativos do sector do telemarketing, un dos que estaba sufrindo máis aplicación desta norma.
O aval do Tribunal Constitucional ao despedimento obxectivo por faltar un número determinado de días ao traballo, aínda que sexa por unha enfermidade e de forma xustificada, cebouse co sector do telemárketing, un dos máis precarizados.
Extel anunciou este luns a súa decisión de dar marcha atrás na aplicación deste artigo. A empresa comprométese a reinstaurar o uso das horas médicas, os xustificantes e os partes de repouso
Mentres, a propia Extel anunciou este luns a súa decisión de dar marcha atrás na aplicación deste artigo, que dende o pasado mes de novembro motivou a mobilización das traballadoras e traballadores da empresa na Coruña.
O 25 de novembro, Extel comunicou ao persoal que deixaba de admitir os xustificantes médicos por repouso e que obrigaba a coller baixas de un día. Para os sindicatos con representación, o único obxectivo da medida era "executar despedimentos por absentismo". Catro días máis tarde, executáronse tres despidos de vez en virtude do artigo 52 do Estatuto dos Traballadores. E un cuarto poucos días despois. A CGT denunciou en Inspección de Traballo a "práctica abusiva e intimidatoria" da empresa, que requería o nome dos médicos que dan parte de repouso en lugar de baixa
Como destaca a CIG, a empresa comprométese a reinstaurar o uso das horas médicas, os xustificantes e os partes de repouso, "tal e como se viña facendo antes do cambio de criterio aplicado de maneira unilateral en novembro". O sindicato dá por conseguidos os principais obxectivos do calendario de folgas iniciado en decembro e procede a desconvocar a xornada de folga de 24 horas prevista para o mércores 4 de marzo.
"Unha vez máis, é a través da mobilización e a loita constante como as traballadoras e traballadores de Extel conseguimos que se respecten os dereitos que tanto nos custou conquistar", di a CIG
"Unha vez máis, é a través da mobilización e a loita constante como as traballadoras e traballadores de Extel conseguimos que se respecten os dereitos que tanto nos custou conquistar nestas dúas últimas décadas e que a empresa nos pretendía arrebatar de golpe", afirman as delegadas e delegados da CIG na empresa, que trasladan a súa "noraboa ás compañeiras e compañeiros por non renderse nunca e participar masivamente nas folgas que convocamos, demostrando que a mobilización si dá resultados".
O sindicato sinala que o acordo foi posible tras o éxito da folga do 5 de febreiro, subliñando que na reunión do comité celebrada ao día seguinte a empresa trasladou á CIG, como central convocante das mobilizacións, "a súa vontade de chegar a un acordo sobre esta problemática".