Persoal denuncia a Extel ante Inspección por requirir a identidade dos médicos que evitan dar baixas

Persoal de Extel, ante a sede de Inspección de Traballo na Coruña © CGT Extel A Coruña

O aval do Tribunal Constitucional ao despedimento obxectivo por faltar un número determinado de días ao traballo, aínda que sexa por unha enfermidade e de forma xustificada, cebouse en Galicia co sector do telemárketing, un dos máis precarizados. A empresa Extel tirou desta posibilidade agora lexitimada pola Xustiza para despedir catro persoas na Coruña nunha semana, tres delas no mesmo día. A decisión é considerada polos delegados sindicais unha "estratexia" da compañía para prescindir de persoal "sen necesidade de ERE e maior conflito". As sospeitas son que estes despedimentos non serán os últimos.

A CGT denuncia en Inspección de Traballo a "práctica abusiva e intimidatoria" da empresa, que require o nome dos médicos que dan parte de repouso en lugar de baixa

A "presión" exercida pola empresa é duramente criticada pola representación do persoal, que tomou máis medidas logo da exitosa folga do 9 de decembro. O pasado xoves, delegados no comité de empresa da CGT, sindicato maioritario, denunciaron ante Inspección de Traballo a compañía por "solicitar aos traballadores os nomes e apelidos do doutor ou doutora que expida un parte de repouso en lugar da baixa". 

"É unha vulneración clara do dereito á intimidade", di a denuncia á que tivo acceso este diario sobre unha práctica que está a levar a cabo o departamento de Recursos Humanos de Extel na Coruña. A empresa levou a cabo un "cambio unilateral nos criterios para xustificar as ausencias por razóns médicas, eliminando a posiblidade de entregar un parte de horas médicos ou de repouso por unha ausencia dun día". Tal e como explican varios traballadores, rompeuse así un acordo que foi ratificado hai meses no Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) e que levaba vixente 20 anos. 

Cartel de protesta contra Movistar e Extel polos despidos por baixa médica © CGT Extel A Coruña

Con esta mudanza, din os sindicatos, a compañía busca que persoal acumule o número de baixas --e non partes de repouso-- necesarios para poder tirar do artigo 52 do Estatuto dos Traballadores, introducido pola reforma laboral de 2012, e avalado polo Tribunal Constitucional nunha polémica sentenza de hai só uns meses. 

Ao abeiro deste aval foron despedidos xa catro persoas nunha semana no centro de Extel da Coruña. "Todas estas medidas só buscan intimidar os traballadores", advirte a CGT na denuncia sobre a demanda na que aclara que a petición dos nomes e apelidos dos médicos "é unha práctica abusiva por parte da dirección da empresa, xa que calquera xustificante médico reflicte o número de colexiado do facultativo sen necesidade de esixir aos traballadores esa información". 

"A empresa puxo en marcha esta estratexia para xerar temor entre o persoal, máis aínda despois dos últimos despidos baseados no artigo 52 do Estatuto dos Traballadores"

"A empresa puxo en marcha esta estratexia para xerar temor entre o persoal, máis aínda despois dos últimos despidos baseados no artigo 52.D do Estatuto dos Traballadores", explica o texto presentado ante a Dirección Provincial da Inspección de Traballa da Coruña. 

Na denuncia, a CGT asegura que agora os traballadores "evitan acudir ao seu médico ante calquera problema de saúde, oque implica que vaian ao seu posto enfermos, vulnerándose o seu dereito á saúde". "Esta práctica empresarial conleva consecuencias para a saúde laboral no centro de traballo ao aumentar o risco de contaxio", engade. 

Os traballadores que presentaron o escrito reclaman que Inspección de Traballo "requira a Extel para que cese neste tipo de prácticas de todo abusivas e intimidatorias" para que "o dereito á intimidade e á saúde estea de todo salvagardado". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.