Fenosa é condenada por facturar consumos estimados de xeito reiterado e cobrar igualmente o alugueiro do contador

Unha factura de electricidade CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza da Audiencia da Coruña chega tras unha demanda da Fiscalía en defensa dos consumidores

A Audiencia Provincial da Coruña vén de condenar a Unión Fenosa Distribución e Gas Natural, empresas do mesmo grupo Naturgy, por conduta abusiva contra os consumidores tras unha demanda formulada pola Fiscalía. As empresas, unha como distribuidora e a outra como comercializadora da electricididade, deberán deixar de facturar de xeito reiterado con estimacións de consumo e deberán facelo con lecturas reais dos contadores, cuxo alugueiro seguían cobrando aos usuarios aínda que non empregase as súas lecturas para a facturación.

Instalacións de Unión Fenosa Distribución, do grupo Naturgy, na Coruña © Google

A Fiscalía salienta que o emprego de estimacións de consumo e non lecturas reais dos contadores foi reiterado e “máis alá do prazo de dous meses permitido pola normativa sectorial”. “Ademais, a comercializadora, a pesar de emitir facturas nas que non se incluía o consumo real, seguía cobrando o alugueiro do contador aos consumidores e en ningunha factura se informaba dos motivos concretos polos que se levaba a cabo esta práctica”.

A Fiscalía salienta que había “un claro desequilibrio entre os dereitos e obrigas das partes, tendo en conta que as demandadas son empresas líderes no sector enerxético"

A demanda da Fiscalía foi rexeitada incialmente por un xulgado do Mercantil da Coruña, pero tras un recurso vén de ser avalada pola Audiencia provincial. A sentenza, salienta a Fiscalía, dálle a razón cando consideraba que houbera “un claro desequilibrio entre os dereitos e obrigas das partes, tendo en conta que as demandadas son empresas líderes no sector enerxético a quen debe esixirse un estándar de calidade elevado, e que producen un incuestionable prexuízo aos consumidores pola acumulación do custo das facturas e o pago de servizos que non se prestaron”. 

A sentenza agora divulgada pola Fiscalía impón ás empresas a obriga de informar ao xulgado sobre as medidas para previr a futura repetición destas condutas nun prazo máximo de tres meses, con multa de 40.000 euros por cada día de atraso. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.