Ferroglobe pide ampliar a mina de Serrabal nun 30%

Mina de Serrabal, co Pico Sacro arriba á esquerda e o AVE Ourense-Santiago en paralelo pola dereita, e mapa da ampliación © Imaxe: Ferroglobe Ramsa | Montaxe: Praza.gal

A empresa quere pasar das 110 hectáreas actuais a 143 no extremo norte da explotación, en paralelo á vía do AVE coa que Villar Mir entrou en conflito hai dúas décadas

Hai dúas décadas a mina de cuarzo de Serrabal, entre Vedra e Boqueixón, nas proximidades do Pico Sacro, supuxo unha ameaza para a chegada do AVE a Galicia. A canteira, propiedade de Ferroglobe, do Grupo Villar Mir, estaba en metade do posible recorrido da liña Ourense-Santiago, e o propio Juan Miguel Villar Mir, ministro en 1976 e falecido hai dous anos, implicouse persoalmente en presionar ao Goberno de Zapatero e á Xunta de Touriño para modificar o trazado e que non afectase á explotación. 

Finalmente foi posible facer compatible a mina coa liña ferroviaria, ata o punto de que agora Ferroglobe vén de pedir unha ampliación da explotación para pasar das 110 hectáreas amparadas pola súa actual autorización ambiental a 143, preto dun 30% máis.

Plano coa ampliación solicitada da mina © Ferroglobe Ramsa

O Diario Oficial de Galicia (DOG) deste xoves somete a información pública o proxecto de ampliación de superficie da mina de Serrabal promovido por Ferroglobe Ramsa Mining SA. O expediente lembra que a concesión foi outorgada en 1978 por 30 anos e que en 2005 solicitouse unha prórroga por outros 30 anos. Foi durante a tramitación desa prórroga cando explotación e AVE se viron obrigados a convivir, aprobándose finalmente a extensión temporal en 2023 e operando mentres tanto "ao amparo dunha medida provisional" emitida pola Xunta en 2008.

Lograda a ampliación temporal, agora a empresa quere unha ampliación de superficie de 325.749 metros cadrados sobre os 1.102.841 metros que abarca a súa actual autorización ambiental. Acadaría así "unha superficie final de 1.428.590 metros cadrados", que é para a que agora vén de iniciar a tramitación dos permisos ambientais. 

Mina de Serrabal © Ferroglobe Ramsa

A empresa di que estudou afondar no actual filón pero que ten menos impacto ampliar a explotación aos dous lados do seu extremo norte

Segundo a documentación sometida a exposición pública, a empresa estudou dúas opcións de ampliación, unha consistente en afondar no actual filón que estaría condicionada pola proximidade do tren e xeraría máis entullos e impacto visual, e a finalmente elixida que consistiría en ampliar a explotación polo nordeste e noroeste. Segundo sinala, esta opción de desenvolvemento lineal do xacemento "permite a xestión dos estériles co recheo do propio oco de explotación aplicando a técnica de minaría de transferencia que permite entre outras cuestións adiantar as fases de restauración da área afectada e evitar a construción de instalacións de residuos". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.